Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polo patrimonio endóxeno

miércoles, 30 de abril de 2014
Fálasenos moito de inversións, de atraer capital foráneo, de ser atractivos ou de que a visión que teñan de nós é decisiva para saír adiante. Non vou ser eu quen negue todo isto que é certo e necesario. Pero, tamén, considero imprescindible volver á casa e recoñecerlle o seu valor. A súa esencia creadora que nos fai recender con luz propia no mundo. Trátase de ver o que somos e o que fomos para proxectar unha imaxe que invite a coñecer a nosa orixinalidade.

Estou pensando, sobre todo, en que cada realidade debuxa unha idiosincrasia para responder á natureza que habita. É neste momento no que nace o feito cultural arraigado ao espazo natural para o que lle dá sentido. A través do feito contamos a evolución e a propia historia ligada ao entorno. Coido que a paisaxe como nós mesmos está suxeita a cambio porque ten que evolucionar co devir histórico; pero, a evolución tamén ten que impoñerse á responsabilidade de respectar o berce de identidade que nos levou pola historia. Agora que todo se mira numericamente ou mellor dito, economicamente, vémonos na obriga de xustificar o porqué queremos conservar un patrimonio que parece obsoleto.

A riqueza espiritual, a xenialidade, o propio devir histórico ou o feito de reconstruír o pasado dos avós deberían ser razóns suficientes para a súa conservación e protección; pero, xa que hai que medir todo economicamente, imos falar do feito turístico que parece reducirse a determinadas zonas en lugar de aproveitar o atractivo das mesmas para mover ao visitante por todo o noso territorio. Neste sentido, o rural pode ser un atractivo turístico, podemos ensinar todo o que se evolucionou e todo o que cambiou o agro nestes anos aínda a pesares do maltrato continuo que nos deixou unha hemorraxia de casas pechadas. Podemos ensinar que fomos capaces de cambiar, de progresar, de investir na propia terra, na que creemos e na que queremos facer vida para futuras xeracións.

O rural galego resiste aos embates do tempo e mantense vivo contra unha globalización que nos aboca ao malinchismo de querer o que vén de fora.

Basta facer a compra en calquera supermercado e cavilar en cántos produtos que enchen a nosa cesta se producen no noso país. De nada nos serve ter o potencial senón o materializamos en termos de rendibilidade ecolóxica e económica, sempre pensando en colectivo.

Galicia é unha xoia en bruto que deberíamos ir pulindo con proxectos que xeren produtos únicos para exportar con selo de orixinalidade e de calidade.

Temos cerámica, encaixe, gastronomía,cultura, música, lingua e unha morea de tradicións. Todo está inventado, só resta protexer e promover facendo as cousas cun alento propio que nos identifique. De novo, o noso futuro está en recrear a tradición que nos dá ser e que nos permitirá identificarnos no mundo co selo da orixinalidade que nos legaron os nosos antergos.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES