Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teilhard: Home de ciencia e home de fe

viernes, 11 de abril de 2014
Estou escribindo esta colaboración exactamente o mesmo día en que fai 59 anos que morreu, na casa dos xesuítas de Nova York, Teilhard de Chardin, como saben os lectores, por outros artigos, geólogo, paleontólogo, teólogo e místico. Paréceme, pois, oportuno traerlles aquí este recordo, que ben o merece aquel xesuíta que tivo que soportar con humildade e non pouca resignación a censura da publicación das súas obras, tanto polos seus superiores da Orden, como polas decisións do Santo Oficio.

Tamén con este contido que dou á colaboración, como membro da Asociación Amigos de Teilhard de Chardin, a que me honro pertencer, atendo as amables suxestións do seu Vicedirector (da sección española), Dr. D. Leandro Sequeiro, igualmente home de ciencia e de fe, un xesuíta, con raíces en Galicia, catedrático universitario, paleontólogo, filósofo, teólogo, membro da Academia de Matemáticas de Zaragoza, hoxe xubilado virtual, porque está despregando unha actividade intelectual, en diversos campos, que asusta. E informo de todo isto para evidenciar as analoxías co seu irmán na Orden, Teilhard de Chardin, e tamén coma el interesado no evolucionismo.

Leandro está pendente de que os socios teñamos no noso poder toda clase de información bibliográfica, ou de calquera outra natureza, e el mesmo publicou artigos e libros sobre Teilhard, moi documentados: “Teilhard en mi corazón” é una obra na que a paixón non lle impide facer uso da máis coidada obxectividade. Por tanto, se alguén desexa facer algún traballo neste campo da concepción evolucionista teilhardiana, seguro que sempre a súa infinita amabilidade estaría disposta a axudar cos medios dispoñibles na Asociación.

Como queira que só se trata de traer ao recordo a tan prestixioso investigador, non me estenderei sobre algúns aspectos que foron abordados noutras colaboracións; pero, ademais, son moi consciente das miñas limitacións, e habendo, como hai, estudosos do pensamento de Teilhard, moi documentados, me parece que debo cinguirme a algo que considero que val a pena de ter en conta nesta temática: Resaltar o rexurdir dese pensamento, esixido polo avance científico e filosófico, que, sen descartar outros, mesmo parece que encaixan e están de actualidade.

Só a lectura dun libro ao que eu fixen referencia noutro artigo, que considero de importancia, nos evidencia ata onde as teorías evolucionistas de Teilhard están de actualidade e gozan de presenza nos traballos de prestixiosos investigadores nesta temática. Refírome a EVOLUCIONARIOS, de Carter Phipps. Neste libro emparéllase o indio (formado en Londres e Cambridge) Sri Aurobindo con Teilhard, pois ambos estiveron fascinados polos poderes e capacidades que “a evolución alenta no mundo manifesto”.

Reparen nesta cita, extraída do libro mencionado, páx. 410-411. Di así: “Pero se a espiritualidade quere ser algo máis que un descanso do mundo, se non quere limitarse a ser un refuxio dos perigos e enigmas da vida, debe cambiar. Se quere volver a asumir o seu papel como marcadora da historia, non só como mera testemuña, e se quere contribuír ao futuro, e no só librarse das súas cargas, debe comezar unha nova relación entre as comprensións que xacen máis aló do tempo e un mundo que non deixa de avanzar no tempo”. É dicir, ven a ser necesario que as comprensións do máis aló, han de estar relacionadas, eu diría que concordadas, cun mundo que evoluciona.

Nesta mesma liña, con matizacións, está Alfred North Whitehead, cando dí: “Arríscome a esbozar a profecía de que a relixión logrará transmitir á comprensión popular, nos feitos temporais, algunha grandeza eterna”.
Ken Wilber, de quen xa me ocupei noutro traballo, “trata de unir a relixión, a arte, a moral, a economía, a psicoloxía e as grandes ciencias baixo o paraugas dunha teoría, dunha metaperspectiva”. E recoñece a importancia das achegas teilhardianas.

Polo que respecta a Teilhard, o Dr. Sequeiros resume nun traballo que nos enviou, en cinco teses, que non son outra cousa que a explicación do famoso “Credo” de Tteilhard, o fundamental do seu pensamento. Así:
“Creo nun universo en evolución,
Creo que a evolución camiña cara ao espírito,
Creo que o espírito desemboca na persoa.
Creo que a persoa suprema é o Cristo Universal
Como eu creo”.

É dicir, todo o que existe, incluído Deus, está suxeito a un proceso irreversible; por iso o mundo no que vivimos non está feito, senón que se vai facendo; todo converxe cara ao espírito; o futuro vai ser unha superación da persoa, que terá a súa expresión na humanidade e na superhumanidade: todo tende ao PUNTO OMEGA, que se identifica con Cristo.

Pero tamén estes días recibín a través da revista dixital “Tendencias 21 de las religiones”, un artigo da Dra. Patricia Arca Mena e do Lic. Gustavo Masutti Llach, titulado “ Un “Homo Gestalt Mistico”, ¿se perfila en el futuro evolutivo?”. Está en liña teilhardiana e quixera dicirlles algo del.

Hai bastante materia interesante e de actualidade, na miña opinión, neste artigo; pero o que máis esperta a miña curiosidade é o libro do Dr. Edwin Francisco Herrero Paz, dedicado a xenética médica, forense e das poboacións. Traballa en atención sanitaria e hospitalaria, en Honduras. O título desta obra é moi suxestivo: SUPERORGANISMO UNIVERSAL: UNA TEORÍA DE LA EVOLUCIÓN HACIA LA COMPLEJIDAD. Aborda a emerxencia da CONCIENCIA COLECTIVA, como propiedade dun “sistema composto por moitos individuos que segue un pequeno conxunto de regras e que fai funcionar ao sistema como se fora unha unidade inseparable”. Pon o exemplo das formigas.

Pensa este intelectual que xurdirá unha intelixencia colectiva dunha complexidade superior na Terra, a través, probablemente, da especie humana. No mesmo artigo incorpórase unha cita de Teilhard, que, literalmente, di: “Non somos seres humanos tendo unha experiencia espiritual. Somos seres espirituais tendo unha experiencia humana...”. Ven a ser a introdución a teses de que se mantén por algúns neuroteólogos que sosteñen que a cortiza prefrontal do cerebro está relacionada coa actividade relixiosa, que non é nada allea a evolución da estrutura do cerebro humano, segundo algúns estudosos apuntan.

Parece, pois, como din os autores do artigo que lles trago aquí (http://www.tendencias21.net/&un-Homo-Gestalt-mistico--se-perfila-en-el-futuro-evolutivo_a32703.htme), que a espiritualidade e a vida en sociedade faciliten a evolución do cerebro humano, coa conseguinte evolución da mente e da intelixencia.

E xa son varios os neurocientíficos que pensan que a evolución futura da humanidade pode ter moito que ver coas experiencias relixiosas, como escribe Francisco Rubia, investigador español en neurociencia, citado polos autores do artigo: “O resultado destas investigacións mostraría que unha parte do cerebro é o responsable do noso sentido da espiritualidade, co que este quedaría ligado ao cerebro e, polo tanto, sería algo innato no ser humano” (“La conexión divina: La experiencia mística y la neurobiología”. Ed. Crítica, Madrid, 2.002, de F. Rubia).

Polo que parece, as teorías de Teilhard de Chardin, que faleceu hai 59 anos, non caeron en saco roto. Antes ben, na súa liña seguen unha serie de investigadores da actualidade, aínda que sexa mester introducir oportunas matizacións.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES