Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (III)

martes, 08 de abril de 2014
¿Qué se dirán, qué poden dicirse estas Myiopsitta monachus, que non se teñan dito de antemán? Polo que percibo, os amantes de hoxe en día xa non parrafean en verso, e as cotorras? Observando o arrolamento destas, fáiseme que si, que o fan en verso. ¡Agora me explico o por qué Manuel María tiña tanto éxito coas rapazas, e aínda así, aquela “Miss Lugo” deulle cabazas!

Espallando ideas (III)

Falarlles en verso aos prosaicos é unha loucura, un disparate; perde-lo tempo! En verso hai que falarlle á Natureza, preferentemente na primavera, tódalas primaveras. ¡E ás mozas, tamén; por suposto! Na primavera todo rima, que por algo é a estación na que se namoran os paxaros, e fan o niño, e crían os fillos, e cántanlle á alba albas de gloria!

Nesas algaradas chamadas “botellón”, os rapaces, falan en verso? ¡Teño que saír unha noite para espreitalos, pero o caso é, cómo fago para disfrazarme de rapaz, calvo, coa barba branca, e unha chepa monumental? Vóullelo preguntar aos espías americanos, e que, por favor, me presten un aparello deses de escoitar a distancia! A cambio, déixolles poñer unha Base no meu Prado Grande, que é un sitio axeitado!
-.-


Falando de falar: A meu pai encantáballe falar con sete ou oito mulleres da súa época e da súa bisbarra que, sen altos estudios, dábanlle a tódolos temas, e a todos con amenidade e con profundidade. ¿De qué falaban? ¡Pois, de todo o divino, e tamén de todo o humano, de todo o que se sabía, ¡e podía!, falar a mediados do século XX: poucos temas, pero vitais para aqueles tempos! Miña nai, que era intelixente, pero á súa maneira, e boísima, pero tamén algo posesiva, celábase tremendamente daqueles diálogos puramente intelectivos. Rememorándoos, gozo con lembralos porque me dan unha evidencia de que os rústicos non estaban no campo: ¡O campo é filosofía, pedra filosofal, froita selecta…, para quen quere e sabe cultivala! No campo, na soidade do campo, cultívase todo, de todo, e mellor aínda se abonamos con vontade de perfección.

¿Os homes, no ínterim? ¡Os homes somos máis simples, así que lles chegaba con falar do tempo, do tempo e da feira…, amén do caro e do escaso que andaba o tabaco! Aquelas…, ¿sabias?, desintoxicábanse analizando, mentres os maridos se intoxicaban de tabaco, como se non tivesen droga suficiente co tapabocas do réxime franquista. Desde entón a muller foi a peor, pois agora son elas, maiormente elas, as que fuman. Para igualarnos en altura, en altura física, pois na outra sempre estiveron por encima, tacóns; e para igualarnos en estulticia, fuman!

Había mulleres intelixentes, pero, listas, poucas; de presente, ¡a verdade sexa dita como din os que presumen da pouca que teñen!, en intelixencia non foron a menos, pero en listura, que non é sinónimo de intelixencia, por máis que así o poñan os dicionarios, foron a máis. De propósito: Nesa Lei de Violencia de Xénero, que tanto deu, e dá, que falar, boto en falta un artigo que esixa unha ditame de Psicólogo subseguinte ás denuncias das mulleres supostamente maltratadas. ¿Para qué? ¡Por machismo, para dilucidar se hai ou non hai atenuantes no comportamento do nobre bruto, pois igual é máis nobre que bruto, e está doído, inevitablemente doído, por algún que outro esporazo da conxénere! ¿E iso…? ¡Pobriños, para poñelos a tratamento previo, en evitación dunha posible, e irreversible, gangrena matrimonial!

Agora que sabemos moito, agora que tanto estudamos, e vai resultar que temos menos de qué falar que naqueles tempos da incultura. Claro que está o fútbol, pero morreu Lenin para descubrir que este si que é o opio dos pobos, e non a relixión: ¡Grazas á relixión os pobos veñen soportando o indicible, evitando guerras atroces, pero non as opresións, que hai veces nas que compre soltar un taco! Xeralmente falamos do que menos importa, e calamos no transcendente. ¡Se resucitasen aquelas mulleres da miña bisbarra, nunhas listas abertas terían o meu voto! Con mulleres así, os brutos achántanse, e coido que a violencia de xénero, de non erradicarse, iría a menos.
-.-


Tenme sorprendido, e sigo estándoo, iso de que, nesta España dos meus pecados, fonte, manancial, de tantos inventos, e de tantos inventores, desde o Ictíneo á fregona actual, ninguén tivese a ocorrencia de rexistrar ese sistema das contas “B”, tan útil e tan xeneralizado. ¡Mira que sería rendible esa patente!

O caso é que esa técnica contable vén de vello. Estoume lembrando que, sendo un bancario principiante, naquel territorio de…, ¿de soberanía?, de Ifni, xa me tocou pasar apuntes, ¡á man, que é como daquela se facía!, na “Cta B”, dun importante centro militar. ¿De onde viñan os ingresos? ¡De mil maneiras, de mil raspiñadas, entre elas, a de dar permisos sen lista de embarque, co cal os sorchis seguían devengando, pero non cobrando, nin gastando rancho, aforros que ían…, a onde non debían! ¿Daquela, para onde ían? ¡Iso nunca o souben, que era segredo de Estado! O único que souben foi aquela transferencia millonaria que me mandaron facer, en certa ocasión, para unha conta de nome rarísimo, e por tanto esquecible, en Madrid; iso si, no mesmo Banco, no de fóra!

Tamén é certo que había, daquela, outras técnicas máis sofisticadas, pero tampouco as vexo rexistradas. Para mostra: Naquel Casino de Oficiais a miña dona gustaba de sentarse na mesa da nai do comandante Baylo, pois, como galega acérrima que era, ¡dicían que ata se confesaba en galego co Páter!, ao castelán dáballe mal, chapurreaba, así que agradecía moito que lle desen conversa, precisamente en galego. ¿Eu, mentres, qué? ¡Daquela, por aqueles tempos, abondo facía con xogarme a vida sen encima xoga-los nosos aforriños! Así que, entre iso, e unha xusta afinidade coa velliña, tamén as acompañaba, de cando en vez. Nunha ocasión díxome a miña rapaza: -Estou intrigada aí por dúas cousas: Que ese provedor, tan amigo teu, e tan bo cliente do Banco que seica é, sempre perda cando xoga cos mandamais, e sempre gane cando o fai cos Oficiais. ¿Non debía ser ao revés, que tal parece que se comprace en baleirarlles o sobre mensual aos das estrelas miúdas? A outra é que veño observando que esa velliña sempre se persigna cando, desde a súa mesa, observa as perdas dese civil, que nin que vise o diabro. É tan boíña que tal parece que se doe do señor!

A miña contestación non se fixo esperar, de sabida que a tiña: -Muller, hai premios Nobel por moitas cousas, por moitas razóns, pero a ese señor tíñanlle que dar dous: o da Listura, e tamén o da Oportunidade. Perde, fai por perder, para ganar, para ganar moito máis, ¡a saber canto!, nos seus subministres, e todo iso sen que ninguén o note, sen que ninguén se decate, a excepción, claro está, da nosa galeguiña, que por algo e para algo é galega, séxase, intelixente!

Neste país, onde, que eu saiba, aínda non está abolido aquel slogan imperialista de, ¡España, Madre de Naciones!, é unha pena que ocorran, e sigan ocorrendo, cousas así, pois a ninguén lle gusta, aínda hoxe, que lle chamen…, iso, Fillo de Puta!

Espallando ideas (III)
-.-

Veño da igrexa de San Pablo, de Misa Maior, e veño abraiado: ¡Só había vellos, vellos decrépitos! ¡Ai, Deus, que se acaba Coruña, e haberá que repoboala! Volverán os romanos; tras deles, os suevos; despois os bretóns, e acaso algún que outro normando…E xa non volva Mizián!

O problema meirande será que, neste XXI, o apóstolo Santiago está entretido en facer de capelán dos políticos, labor inxente, vive Deus! Daquela, quén cristianizará ás próximas xeracións? Meu Santiago, vas ter que tornar a Zaragoza para que a Virxe, desde o seu Pilar, che renove os azos; iso, ou converter as igrexas en museos, pois o que é arte teñen, pero, do demais?
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES