Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha "Opa" á Bioloxía...?

lunes, 07 de abril de 2014
Dubidemos, con humor, se a “OPA” lanzada a Bioloxía pola Físicoquímica, por agora, tivo éxito, ben sexa á nivel ontolóxico (pois non está aínda suficientemente claro o concepto de materia), ben metodolóxico, porque se teñen fundadas dúbidas de que o mundo das partículas infratómicas, átomos e moléculas teñan significados biolóxicos (están estudándose as macromoléculas), ou ben a nivel epistemolóxico. Pero todo isto esíxenos unha explicación no campo do REDUCIONISMO, porque os avances na ciencia son verdadeiramente fabulosos.

Hai tres clases de reducionismo (aquí limítome a redución das ciencias biolóxicas ás fisicoquímicas): reducionismo ontolóxico, metodolóxico e epistemolóxico. Permítanme que aventure algunhas preguntas previas:
Se por reducionismo ontolóxico entendemos que os organismos consisten exclusivamente e se constitúen de entidades físicoquímicas, entón os organismos vivos non posúen máis compoñentes que átomos e moléculas, e cabe preguntarse o seguinte: Redúcense realmente á materia inorgánica?. Teñen os organismos vivos propiedades emerxentes distintas das dos seus compoñentes inorgánicos?.

As cuestións metodolóxicas nesta leira adoptan o sentido de se un problema calquera biolóxico debe resolverse só co estudo dos procesos físicoquímicos, ou, pola contra, é mester elevarse a outros niveis de organización (célula, organismo, etc.)

En canto ao reducionismo epistemolóxico, pode quedar formulado na seguinte pregunta: É posible derivar as teorías biolóxicas das físicoquímicas?. O reducionismo sostén que todas as teorías biolóxicas poden quedar reducidas ás físicoquímicas. Isto implica outras preguntas. Acaso pode afirmarse que chegará un momento en que non sexa necesaria a bioloxía?. Poderán reducirse as teorías biolóxicas ás físicoquímicas?.

De todo o que levamos dito, dedúcese que esta problemática pode quedar centrada na controversia MECANICISMO / VITALISMO, mais nunca exenta de certas exfoliacións ideolóxicas: Ou ben os organismos vivos se reducen a átomos e partículas da materia inorgánica, ou ben existen outras entidades inmateriais. Sen embargo, o vitalismo está de capa caída, porque cientificamente non é unha hipóteses plausible: Non pode verificarse nin falsarse en sentido popperiano.

Pola súa parte, os mecanicistas non defenden que os organismos vivos sexan nada máis (nothing but) que átomos e moléculas, porque moitos son os que sosteñen que os sistemas complexos teñen propiedades que exceden ás dos seus elementos constitutivos. Isto lévanos a unha conclusión importante: Se a vida en niveis inferiores non pode ser completamente explicada en función só do inorgánico, a humana, a fortiori, presenta maiores dificultades.

Para descansar un pouco desta leria, antes de matizar o reducionismo metodolóxico, intentemos captar a mensaxe da seguinte anécdota:
“Acude un señor con forte dor de cabeza a un afamado doutor. Este recibiuno nunha clínica ben repleta de estraños aparellos e numerosos libros, en diferentes idiomas. Empeza o historial clínico:

- Que lle ocorre?.
- Dóeme moito a cabeza.
- Séntese aquí.
- ……………..
- Non se preocupe, non é nada importante: O que ten vostede é unha CEFALALXIA.

Canto sabe este home…!, pensa o paciente, aínda que o doutor non fixo máis que utilizar un termo grego para dicirlle o mesmo que el lle dixera ao principio: que tiña DOR DE CABEZA.

Ocorre así, amigo lector, con moitos outros termos, e este é o caso do noso “reducionismo metodolóxico”. Que cousa tan difícil…!, estarán pensando vostedes. Vamos a velo.

Comprenderán que o home (a muller) estude os fenómenos dotados de vida coma calquera outra realidade. O que ocorre é que á hora de facer investigación neste campo pode empezarse polos elementos máis simples constitutivos do fenómeno, e tratar de encontrar aí mensaxes e razóns abondo que o expliquen; ou, polo contrario, poden facer obxecto de estudo os mesmos organismos vivos, como é o caso das células, que xa teñen un grao elevado de organización.

Pois ben; se usamos a primeira estratexia, hai que empezar a investigación nos átomos e moléculas e, incluso, nas partículas aínda máis elementais.

Por exemplo, hoxe en xenética estúdase a estrutura dos ácidos desoxirribonucleico (ADN) e ribonucleico (ARN), uns complexos químicos. Facelo con esta metodoloxía é reducir o estudo da vida a problemas físicoquímicos, e ós científicos que o fan así chámaselles “reducionistas metodolóxicos”. Pero tamén hai outros que fan a investigación directamente dende os mesmos organismos, poboacións e comunidades, porque consideran que o físicoquímico non ten significación biolóxica, e eles pretenden avalar a súa postura con exemplos: A resposta inmunolóxica dos anticorpos non puido ser esclarecida ata que se estudou en termos de organismos.

Así pois, segundo algúns, os fenómenos biolóxicos deben de estudarse dende os seus elementos máis simples; pero segundo outros, hai que acometer este estudo dende o nivel de maior complexidade de organización, porque é onde verdadeiramente hai significados biolóxicos (“composicionismo” metodolóxico). Pero tanto nun caso coma noutro, poden reducirse as leis e teorías dunha ciencia (secundaria) ás doutra (primaria). Por exemplo, as leis e teorías da termodinámica foron reducidas ás da mecánica estatística. E esta operación coñécese no argot científico coma reducionismo epistemolóxico. No caso que nos ocupa podemos pensar ata onde as leis e teorías biolóxicas son reducibles ás da rumbosa bioquímica.

Feita esta camiñada para dotar de elementos de xuízo ós lectores, cabe preguntar se a OPA lanzada pola Físicoquímica a Bioloxía ten, ou non, algunha probabilidade de prosperar. O acrónimo OPA non foi traído aquí sen intencionalidade. Refírese, como saben, a O-ferta P-ública de A-dquisición, un instrumento financeiro para a adquisición de accións dunha sociedade, mediante oferta pública; pero a seguridade da entidade bancaria que a lanza pode verse prexudicada polo que encerra en si a entidade a quen vai dirixida. Isto é, a operación está envolta nunha incerteza. Neste campo científico parece que a Físicoquímica vai por bo camiño, pero aínda existen escollos que sortear.

Saben por que eu me metín nesta leria?. Por iso do “cromosoma de deseño”, que, segundo din os entendidos, alimenta a esperanza de acadar un ADN artificial. Os investigadores que traballaron baixo a batuta de Jef Boeke, no Langone Medical Center (Universidade de Nova York), parece que lograron xerar unha copia ( a primeira!!!) dun cromosoma do fermento.

Miren que meu pai e miña nai non levaron tempo preparando o fermento na maseira, na que facían a masa do pan!. E ata sabían que, cando facía moito frío, había que subministrar calor para que levedara a cousa. E, sen embargo, nunca se lles ocorreu iso do cromosoma!.

Confésolles que a min póñenme tan ledo os éxitos dos esforzados dos científicos – moitas veces escasamente valorados, ben sexa pola ignorancia ou por outros motivos –, aos que temos abondo que agradecerlles, como me desacouga a presa en adiantar consecuencias que, certamente, non parece que se poidan seguir das premisas que xeran os feitos celebrados.

Eu, que son un ferreiro basto do pensamento, lonxe dos verdadeiros xoieiros, teño para min que todos estas liortas científicas non van ao esencial, porque, no mellor dos casos, resolveranos cales son os verdadeiros portadores da vida á nivel material e incluso como lle abren a porta á mesma, pero non parece que poidan chegar a dicirnos QUE É A VIDA EN SI MESMA. Isto corresponde, seguramente, a outras disciplinas, hoxe en día vítimas dunha intelectualidade preguiceira e superficial, que renuncia a transcender a realidade manifesta. É dicir, renuncia a un ir máis alá, non necesariamente fora, senón, incluso, no ámbito do acá, porque tamén se pode considerar a “transcendencia na mesma inmanencia”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES