Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un novo 'Amencer' para Díaz Castro

viernes, 04 de abril de 2014
Un novo 'Amencer' para Daz Castro Un novo 'Amencer' para Daz Castro Un novo ‘Amencer’ literario para Díaz Castro

Teño escrito algunha vez que Amencer non é unha revista escolar calquera. Non o pode ser unha cabeceira na que apareceron publicados inéditos de Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Xosé Crecente Vega, na que participaron como articulistas dende Francisco Fernández del Riego ata Marina Mayoral e que supera, con xenerosidade, os douscentos números e os trinta anos de vida.

Mais onte foi un día sinalado para Amencer. E foino porque ás oito da tarde, no Seminario de Santa Catarina que a viu nacer, presentouse o número 225 da revista, un especial dedicado integramente á figura de Xosé María Díaz Castro, quen fora alumno desta institución entre 1929 e 1936 e aínda uns meses do curso 1939-1940.

Ten unha relevancia singular o feito, pois foi en Amencer —tamén en Dorna e Xermolos— onde o poeta guitiricense recuperou a súa voz pública logo da moi longa afonía que dende a aparición de Nimbos en 1961 lle sobreviñera.

En Amencer foi onde o escritor deu a coñecer por vez primeira os poemas “Canto de outono” e “Terra Cha”, dedicados ao seu amigo Manuel María. Viron luz no número 25, de febreiro de 1985, e son, como digo, un dos poucos textos do autor posteriores a Nimbos.

A maior abondamento, foi Amencer quen, a través dunha copia apógrafa dun seu compañeiro de aulas no seminario, recuperou varias composicións ata daquela inéditas do poemario Follas verdes (1934), concretamente as tituladas “Noite de inverno”, “O fillo de Xan Pirico”, “A balada da madrugueira”, “Inconsecuencias” e “O meu caudal”, que apareceron no número 144 de novembro de 1997.

Por tanto, non é nin peregrino nin casual que sexa, precisamente, Amencer quen agora dedique un monográfico ao poeta. Nel, amais dunha ampla antoloxía de versos pouco coñecidos —todos eles escolleitos fóra de Nimbos—, inclúense unha longa entrevista con Alfonso Blanco Torrado (un dos mellores coñecedores da biobibliografía diazcastriana) e artigos de Enrique Cal Pardo (seminarista tamén nos tempos de Díaz Castro), Xulio Xiz (o seu biodocumentalista en vida), un traballo de Xosé Manuel Carballo e un poema dedicado de Xosé Otero Canto, aos que amecín un estudo sobre os anos mindonienses do autor.

O conxunto, por tanto, supón un novo asedio á peripecia vital e literaria do escritor, que se complementa con diversas instantáneas súas, moitas delas ben pouco coñecidas.

Todo este labor foi coordinado por quen é, dende hai décadas, o espírito da revista, Félix Villares Mouteira, tamén el diazcastriano de vello, responsable nesta ocasión de todos os peritextos e da escolma do número, unha publicación que moito paga a pena consultar a aqueles interesados en Xosé María Díaz Castro e que, por xentileza do bispado de Mondoñedo-Ferrol, podedes descargar de balde no seguinte enderezo: http://www.mondonedoferrol.org/publicaciones_amencer_225.pdf.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES