Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando Ideas (II)

martes, 01 de abril de 2014
Espallando Ideas (II)
¿E non sería mellor espallar ideas, cultura, fraternidade, e desfacer os entuertos por vía diplomática? A veces hai “entuertos”, é verdade, que xa os había en tempos de Don Quijote, pero nin daquela con lanzas, nin agora con metralletas…! Disparar ideas, prever as cousas, as desavinzas…; as balas son o último, a última das solucións, pero, a veces, a necesidade obriga se temos en fronte alguén que non razoe.

¿Hai irracionais, segue habéndoos? Agora as guerras son máis ben de tipo económico… ¡Non é certo, que sempre o foron, todas, pero as de agora calcúlanse mellor! ¿Será porque a munición é cara; ou porque as vidas son caras, pois os rapaces dan moito que facer: facelos, crialos, educalos, mantelos, instruílos…? Iso nunca lles importou aos belixerantes; ¡será porque lles criaron os seus propios fillos a corpo de reis, outros!

¿Paráronse os xerarcas, algunha vez, a ponderar o custe de madurar un rapaz? ¡De presente é carísimo, e non imos a mellor! Daquela, deixámolos en París? ¡Ai, si, ho, para que Francia nos pase diante; e despois qué: se non temos descendencia, a quén deixamos as belezas, belezas que non riquezas, desta Hesperie, desta terra dos coellos? Agora non hai bárbaros do Norte dos que botar man para repoboarnos; e os do Sur chapurrean mal a nosa lingua, en particular o galego, ¡tan difícil que é que nin nós mesmos o damos apreso!

¿Solución? ¡Austeridade, pois, o pouco, de ben repartido, chega para moitos! Iso dicía miña avoa, que tivo nove, e ben que sufriu porque a metade non lle subiron ao poleiro!
-.-




Mauthaussen

Espallando Ideas (II)Os nazis entendían, ¡non entendían!, que as razas se depuran así. Eu, que nacín nunha aldea, sei, desde a máis tenra infancia, como daquela se dicía, que os cruces favorecen, perfeccionan, as razas. O segredo está nos pensos, nos pensares, no intercambio de ideas para ir escollendo, pulindo, as mellores. Non é doado, e por veces leva séculos, pero resulta posible.

No exterior inflúe o clima, xeración tras xeración; e no interior, as transmisións culturais. Se eu son dos bos, debo ensinar; se son dos malos, deixarme ensinar. Todos podemos aprender algo do veciño, pero non é certo que a vaca do veciño dea máis leite cá miña: os complexos levan feito moito dano, e quen os cultiva, quen os inculca, ¡un animal! Se dá máis leite cá miña, igual ocorre que o da miña é máis manteigoso. Nese caso, crucemos as razas!

Aínda me falta por coñecer un racista que fose boa persoa; eses tales esquecen que todos vimos da avoa Eva, redimidos polo mesmo Cristo, etcétera. ¿A cor da pel? ¡Xa o dixen: asunto climático, século a século!
-.-


Moito e ben…, ¡ninguén! ¿Ninguén? ¡Nós, os españois, si, pero, coa imaxinación! Houbo unha ocasión na que nos saíu ben a improvisación, a aventura, pero tiña a súa lóxica: O atallo das Indias polo outro lado do globo! ¡Claro, o mariñeiro era de Pontevedra! Tamén se di, referido ás noivas, nerviosas por se o rapaz pensa en divorciarse antes do casamento: Vísteme engorde, que teño presa! Peor sería chegar fea ao altar, non si?

Neste aceleramento sobresaen os locutores, sexan da radio ou da tele; ¡cómo se lles nota que están lendo o que outros escribiron, pois non hai deus, nin deus nin deusa, por parnasianos que sexan, capaces de redactar con esa velocidade! Non se decatan de que o oínte precisa un tempo, e tamén un ritmo, para ir dixerindo, asimilando, eses tragos; ¿non será que lles importa un ravo convencer ao tal oínte? Daquela, ¿para qué lles pagan, para que lle entre ao auditor por unha orella e lle saia pola outra? Eu, neses casos, apago, que xa o lerei no periódico, ao meu ritmo!

Por certo, e coido que niso non son o único: Eu comezo a ler os periódicos polo final… A culpa é deles, por poñe-las verdades nas últimas páxinas; quero dicir, as necrolóxicas, non pensedes mal.

Estoume lembrando daquel día en que meu avó e mais eu volvíamos da Misa de cedo; nós subindo ao Escouredo, e a señora Antonia do Roxo, baixando, que ía para a segunda. Daquela os reloxos eran de sol, e cando non había sol…, a vulto! Díxolle a veciña: -Señor Xosé María, parécelle que vou a tempo…, para chegar á Misa, á segunda? Meu avó, filósofo coma sempre, ¡quen me dera imitalo!, díxolle: -Muller, se vas amodo, chegarás! ¿Chegou? ¡Que va, pois aos poucos metros…, ¡zas; tropezou nunha pedra, rompeu unha zoca, e…, caeu de bruzos! Nós retrocedemos para axudarlle a erguerse, e coa mesma, apoiándose en meu avó, e meu avó na súa caiada, volvemos para Bergland, directos á casa da accidentada; menos mal que pararon de sangrarlle as nafres pois, de esgotados os paniños de man, eu tremín que meu avó me pedise a camisa para seguir estiñando na señora Antonia!
-.-


¿Historias…, verdadeiras? ¿E logo, qué contas? Contar non é igual que referir: cóntanse os contos e refírense as verdades! A Historia, a de maiúsculas, case sempre se escribiu con sangue, co dos mellores, co dos inocentes, pois os outros estaban, quedábanse, na retagarda. Por iso é sacra, por iso! E como sacra, hai que referila con verdades depuradas, auténticas, ben estudadas, contrastadas, ou, polo menos, se tratamos de probabilidades causais, afondar nas súas motivacións; as historias minúsculas, as historietas, son, coma a feira, que as referimos segundo nos foi nelas, ou segundo nos gustaría que fosen, o que é igual a dicir, botándolles imaxinación. ¿A imaxinación ao poder? Tamén é certo, pois, sen imaxinación mal podemos idealizar o futuro, e este depende en gran medida das nosas preferencias, das nosas idealizacións.

¿Explicóusenos que en España houbo tantísimos reis godos, en tan poucos anos, porque se mataban entre si; para herdar, non, para arrebatarse a coroa? ¡Por algo os canarios, tan pacíficos eles, nos alcuman de “godos” aos peninsulares! Tan foi así que incluso, en certa ocasión, alguén lles pediu auxilio aos bérberes, e viñeron! ¡Vaia se viñeron, setenta mil invasores! Menos mal que só trouxeron 7.000 cabalos; iso si, de raza árabe! Se viñesen todos dacabalo, daquela si que era certo que subirían á Pedrafita, e de aí, á Fisterra. Se nos libramos os galegos, foi precisamente por aquela miseria de cabalos; librámonos da invasión, pero non de servir ao Rei en África, que aí temos o caso de que, daqueles quince mil mortos do Rif, en xullo do 21, a maior parte deles eran galegos, galegos pobriños, que non tiveran con qué pagar aquela “Cuota” inefable.

Os vencedores, na euforia dos seus gaños, sempre encargaron a amanuenses, séxase, catacaldos, hoxe chamados, “negros”, que lles escribisen as arengas, as historias da Historia, e aí quedaron! Pasan os anos, morren os vencidos, e quen rectifica? ¡Meros afeccionados, escribentes que escriben de oídas, ou por referencias vingativas! Total: Que ser historiador, historiador fiel, é máis difícil que ser enxeñeiro cuántico! Pero non me fagades caso, que eu tamén aprobei a F.E.N., (Formación del Espíritu Nacional), e xa se di que, do ben apreso, algo queda, algo se conserva.
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES