Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (I)

martes, 25 de marzo de 2014
Espallando ideas (I)¿Por qué, e para qué? ¡O gran á limpadora, e a palla ao palleiro! A palla avulta máis có gran, pero pesa menos, que por iso se queda nos brazos; sendo de muller, máis áxiles, máis esveltos… menos peludos! As de agora levan calzón, pero as da miña época poñían o mantelo para atrás, evitándolles os malos pensamentos aos miróns, que sempre houbo abázcaros neste país das colmeas. Os homes adoitamos atusmar, e como tales, ocupámonos do palleiro; as mulleres, ademais de guapas, son facendeiras, así que o delas é o gran.

Falando de espallar: Os de Castroverde vimos daqueles colleiteiros do Flammoso (flamma = mar de chamas, mar de espigas ondulantes, en ondaxe dourada), que así nos viron aqueles romanos, tan namorados do trigo, do trigo alleo, ¡ouro comestible!, que, de inmediato, pensaron en dedicárllelo ás súas sabinas, barcos enteiros! Para Baco, viño de Amandi; e para as sabinas, trigos do Flammoso! Pero, a Deus grazas, ¡a Deus, que non a Baco!, non morreu a tradición, a laboriosidade, a xenerosidade, así que, de espallar trigo, pasaron/pasamos a espallar ideas, que ese é o apostolado dunha benemérita Asociación do meu Castroverde: “A Espalladoira”.

Ese apostolado tamén obriga aos castroverdenses da diáspora, entre os que me atopo. Daquela, qué levo feito? ¡Máis ben pouco, salvo algunha charla que me ten encomendado don Manuel, Cura, Avogado, e…, Mallador! ¿Mallador? ¡Si, Mallador, deses que xebran o gran da palla! Por iso se me ocorreu titular así este libriño, que, como dicía o Cura Valiño, do Fato, -Montecubeiro-, na portada do seu “Surcando el Miño”, que os vendía a peseta: Poco valdrá, pero menos costará! Eu tamén: e para rebaixar o custe…, vouno subir á Internet! O malo é se ten máis palla que gran, pois agora non quedan espalladoiras daquelas, daquelas do mantelo!

De espiga en espiga, comezarei pola fe:

Non fai falta ver para crer
con tal de que as verdades estean demostradas,
pero somos tan incrédulos
que só cremos
nas trolas.
¿Será polo que teñen de divertidas?
¡Ata non, que non todas o son!
Para comezar,
hai que crer nun mesmo,
caso de merecelo,
e para iso nada como lixar nas criaturas,
desde a cuna ao ataúde.
Agora chámanlle berce…
¡Xa o sei, pero non por iso deixa de ser cuna,
cuna cunae!
Meu Avó opinaba que,
Do oído nada crido, e do visto, a metade!
Razón non lle faltaba,
pero destas hai que saír.
¿Cómo?
¡Ensinándolle ao mundo a ser veraz,
que moita falta lle fai!
-.-

Espallando ideas (I)
Esperanza, no cristianismo, sempre foi unha virtude teologal; no paganismo, no imperio dos áureos, concretamente neste XXI, desde que demos en adorar o presente, o futuro impórtanos un ravo: ¡As feitas, cóntanse; as vindeiras contaranse no seu día…, se é que veñen! O presente é lume, o futuro, fume, que iso din os materialistas. Nin os Economistas, augures da modernidade, cren, pensan, elaboran, futuro; profetizan o pasado, que así non se equivocan, listos eles! ¿E dos gobernantes, que? En España teñen un credo: só cren na terceira, na caridade, pero baixo o lema de que, A caridade ben entendida comeza por un mesmo. ¡Que xente máis práctica, pero que sigan cebándose, que sigan, pois, tras da ceba sempre vén a matanza, que nunca porco houbo, nin porco nin rico, que chegase a ve-los netos canonizados!

No meu laboratorio de análises sociais estes días tiven dúas redomas ben redomadas: Unha, que lle preguntei ao meu párroco se seguen poñendo o nome de Esperanza ás neófitas, e contestoume que, ¡ningunha! Máis dixo: Que en toda a freguesía só lle ía á Misa unha Esperanza, unha soa, e para iso, cando coidaba que se trasladara de domicilio, dixéronlle que si, pero nun Asilo, con Alzheimer! ¡Daquela, adeus esperanza! A outra pasounos esta mesma tarde: Saiamos do Centro Médico, e á miña dona, que casualmente estreaba un sombreiro deses da auga, levoullo o vento, pero non en liña recta, pois da nosa beirarrúa pasou á perpendicular, nun deses viraventos que tanto propician as cuadrículas urbanas; o esposo, sen esposas pero ben esposado, séxase, servidor, disparouse tras do sombreiro…, inutilmente! Cando máis atento e máis agachado estaba para mirar debaixo dos coches, achegóuseme unha muller, para darme un bo consello: ¡Non siga buscando, pois, deste a outra, vin como un rapaz paraba no aire ese sombreiro, tal que se fose un balón de fútbol, para seguidamente, coa presa dun futbolista, botar a correr costa abaixo! –Señora, vostede ten cara de sincera, pero iso que nos di non é crible. –Equivócase de século, señor; neste, no XXI, si, así que volvan á mesma tenda… por se lles queda outro!

Quen rouba un sombreiro, un home que rouba un sombreiro de muller nunha ventada, se chega a ter mando en praza, qué? De escarmentado, vou pedir que me enterren sen zapatos… por se mos rouban no cemiterio! ¿É, ou non é, certo, que morreron as esperanzas? ¡E para iso, no meu barrio, a que vive, aquela, tamén fuxiu co señor Alzheimer! Estou vendo que non se precisan espalladoiras, pois os trigos de hoxe en día, con tanta ciencia absurda, estúpida… medran sen espigas!
-.-


Caridade. Tiven un Mestre, na escola de Maxide, que se chamaba así, Justo Caridad Arias. As últimas referencias foron que andaba por Tenerife, exactamente polos Llanos de Aridane, e daquela díxenme: ¡Con ese apelido, tiña que estar esparexido! Pero non sei, non sei, pois, lendo os periódicos, vendo tele, ou escoitando emisoras, entráronme certas dúbidas acerca da abundancia desta virtude. Tiña entendido que, caridade = amor; amor ao próximo, coma a ti mesmo! E nesa crenza parecíame que o amor era algo innato no ser humano, incorporado por Deus ao ser humano, pero… tamén lin, ou oín, que hai un invento, ao que lle chaman “Face-lo amor! Reconcho, así que non o fixo Deus, non estaba feito, fano as parellas! ¿Fano as parellas? Daquela, para qué se casan, se aínda non están namorados? ¡Hai que ter coidado coas definicións, pois, confundir o material co espiritual, e á viceversa, é o colmo da estulticia!

Descendendo ao material: Se eu mandase, mandaríalles aos restaurantes que non servisen comida que non fose solicitada da véspera: Así non tirarían alimentos, e, con igual ganancia, cobrarían menos. En canto aos viaxeiros…, ¡que coman bocadillos, ou que os leven da casa, que tamén levaba eu, na miña crianza, fose á escola ou á feira, un anaco de pan e quixo, que xa era moito, pois algún compañeiro só levaba pan, e para iso balorento, como de un mes! Non teño nada en contra de que a muller traballe fóra da súa casa, pero tamén é certo que este avance trouxo un retroceso, pois agora, comendo por onde se pode, e cómo se pode, non hai máis que nenos barrigudos, e iso que fan ximnasia nos colexios.

¿Qué non estou falando en serio? Serios son os avances que implican retrocesos…, por non saber organizarnos! A organización, ao estar planificada, deixou de ser un instinto, un instinto connatural do ser humano, acaso o máis perfecto de todos. Só os lobos matan máis do que comen; só os cultos, quere dicirse, os ricos, pois aos pobres téñennos por incultos, piden máis do que lles admite o bandullo, e iso que adoitan telo dilatado!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES