Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alzheimer: Será sempre tan malo?

jueves, 27 de marzo de 2014
Teño un pequeno televisor na habitación e non sei se iso é bo ou malo, por mor das ondas electromagnéticas, radiacións catódicas, apampamento difuso e xeneralizado e esas cousas. O que sei é que me resulta moi eficaz para durmir. Ó pouquiño de acendelo doulle as costas e xa adormezo sen necesidade de valiums nin relaxantes con denominación de orixe ou xenéricos. Nas instrucións que viñan co televisor non dicía nada de contraindicacións para durmir con el pero, ó mellor, ténas. O caso é que na noite do 23 ó 24 deste mes de marzo non produciu o televexo o efecto acostumado e polo mesmo, non durmín como é debido. Trasgolei moito, pero tampouco me pesa.

Toda a noite estiveron falando do finado expresidente Suárez. Eu lembrei -onde vai iso!- que nas primeiras eleccións municipais democráticas fora nunha lista como independente baixo as siglas de UCD por Castro de Rei. Supoño que xa haberá moitos cidadáns que non saben que relación podía haber entre D. Adolfo Suárez e a UCD, pero non me vou para a explicalo, que tampouco o fan moitos libros de texto nas páxinas dedicadas á recente historia de España. Algúns nin tan sequera citan a Suárez.

Cando foron coa lista de Castro de Rei á sede da UCD de Lugo, segundo me contaron, algúns capitostes do partido dixeron que lles valía a lista pero sen Xosé Manuel Carballo, porque era nacionalista. Mira ti, e eu sen sabelo! Pampo de min que só pensaba que era un fillo máis desta Terra e que lle quería ben a miña nai sen menosprezar as nais dos outros!

Cadroulle de pasar por alí a un que despois foi Presidente da Deputación –que tamén acabou decepcionado de politiqueiradas- e parece ser que dixo: “Se Carballo non pode ir na lista de Castro de Rei, quitádeme a min de todas as listas”. Non o quitaron a el e eu puiden ir, pero tamén houbo xente que, sen coñecerme suficientemente, acusoume de que me vendera ó estalismo opresor. Tampouco sei por que o pensaron se eu sempre tratara e trato de non poñerme á venta nin pertencer en exclusiva a ninguén, -esa debe ser a principal razón do celibato-, nin sequera ós bispos que me impuxeron obediencia e ós que lle la debo en virtude da promesa do momento da ordenación. Non convén que se saiba, pero no momento da promesa fixen unha restrición mental, pois dixen en voz alta: “Prometo” e en voz baixiña: “Se saben mandar como é debido”.

Así e todo, tiña eu algo de mala conciencia pola miña ramplonería ideolóxica en materia de política á hora de animarme e animar a outros a ofrecer aquela lista a UCD, evitando así que nos impuxesen eles outra. Vou dicir en que consistía esa ramplonería e máis ben sei que máis dun e dunha, envoltos en nobilísimos ideais, vanse sentir moi decepcionados ou decepcionadas. Pensaba eu, que nunca entendín moito desas cousas, que era atinado o que lle escoitara unha vez a outro que diso sabía máis ca min: “Queiramos non queiramos temos que manter una vaca que se chama política, pois haberá que buscar a que máis leite poida dar nestes momento e a mellor maneira de muxila para ben do noso municipio”. A que parecía que daría máis leite a curto prazo era a UCD que xa montara no machiño a nivel estatal. Pois, foi por iso, e non obstante un señor de Meira que levaba anos muxindo a vaca chairega a ámbalas mans dixo: “Vaia homes hai en Castro do Rei, que deixan AP solo porque un cura sabe falar de vacas!” En paz descanse.

Andando o tempo e visto o esmendrellamento e desfeita da UCD, a mala fada que perseguiu ó Señor Suárez e o esquecemento que del se deu ó longo destes anos coma se xa estivese morto e enterrado de vez hai moito tempo, todo se volveu parecerme que me equivocara con aquela decisión pasaxeira de ir baixo as siglas daquel partido tan re-partido e tamén teño pensado algunha vez: “ Se cadra, o pobre D. Adolfo Suárez despois de todo canto sufriu por motivos familiares e por traizóns, felonías, acoso e derribo dos de dentro, dos de fóra o dos de os arredores… tivo sorte co alzheimer, para non vivir amargado polas acedas lembranzas.

Escoitando na tele a noite do seu pasamento o relatorio das súas grandes virtudes, a súa entrega e o seu sacrificio persoal en aras do ben común, pensei que, con toda a súa valía, se volvese hoxe a ser presidente desta “Epaña que no zé zi la conoze o no la mizmízima madre que la parió” aínda llas ían facer peores, porque daquela había moitas ansias de novación que pouco a pouco se foron trocando para moitos militantes convencidos de dereitas, de esquerdas e ambidextros en ansias de colocación propia, dos prólos e prólas e dos cartos en paraísos fiscais. Tamén pensei que algúns daqueles que se levaron unha decepción polas miñas ramplonas ansias de poñer o meu municipio ó abeiro temporal do paraugas da UCD estaban e están ben lonxe de gozar da liberdade interior e da grandeza de miras daquel home que foi quen de transitar e conducir o tránsito do glorioso movemento nacional a unha incipiente democracia popular que paseniñamente parece que vai dexenerando en aparente democracia bipartita.

E lendo declaracións tan eloxiosas coma hipócritas, dalgúns dos que sen piedade acabaron con el, que ó día seguinte aparecían en grandes titulares nos xornais, dinme conta de que eu estaba equivocado comparando a ideoloxía política dalgúns coas vacas leiteiras. Tal comparación é unha gravísima ofensa para as vacas. Vendo os exercicios rehabilitadores de vértebras cervicais ante o féretro de D. Adolfo e a idílica escena de animada conversa en amor e compañía de tres expresidentes, pensei: “Que bonito. Isto ten que ser froito do consenso e tolerancia que Suárez sementou!” Pero, como gato escaldado escapa da auga fría, tamén interferiu estoutro pensamento: “Cando poida teño que preguntarlle a algún psicólogo se une máis un amigo común ou un inimigo común?” Diante de tales escenas asaltoume un mal desexo: O de ter alzheimer para non sentir tan vilmente ofendida a memoria recente colectiva por algúns que tratan de impoñer sen argumentos a súa exclusivista memoria histórica. Menos mal que non caín na tentación e rexeitei, por malo, ese desexo, porque esquecer nunca é a mellor solución.

Señor Presidente por antonomasia, ben merecido ten o descanso en paz. Moitas grazas por todo o que fixo para que con vostede e despois de vostede poidamos ter unha certa paz ben diferente da que nos quixeron ofrecer o moi inxenuo Tejero e os seus moi agudos mandos a distancia. Ía aconsellarlle que, se por un casual, se reencarnase, non se metese en política, home; pero quen son eu para darlle consellos a vostede? Non me faga caso. De facerllo a alguén de por aquí, mellor que llo volva a facer ó noso veciño Fernando Ónega. Pode prometelo e prométeo? Ai!, e, se fai o favor, non se esqueza de darlle moitos saúdos á súa dona de parte dos moitos que o despedimos con dolor, porque lle quixemos ben a vostede. Aínda que a ela non chegamos a tratala tanto, tamén lle queremos ben, xa que, aínda os que somos solteiros, ben nos damos conta de que non é doado que haxa un gran home sen unha gran muller, -moitas veces caladiña- ó su carón. Ata vernos por aí, calquera destes días.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES