Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cruceiros do Concello de Guitiriz (I)

jueves, 17 de noviembre de 2005
Cruceiros do Concello de Guitiriz (I) I.- INTRODUCCIÓN
No eido etnográfico, un dos aspectos que máis chama a atención da comarca da Terra Cha e o seu elevado número de cruceiros. Estes presentan unha peculiar tipoloxía, pois boa parte deles son obra de dinastías de canteiros, como a dos Carboeira.

O perigo de destrucción ou desaparición que afecta a estas construccións aumentou considerablemente nos últimos tempos: apertura e ensanche de pistas, camiños e estradas; roubos, etc… A este factores hai que engadirlles os producidos polo paso inexorable do tempo. Isto motivou que en 1993, gracias a unha axuda da Consellería de Cultura para traballos de investigación etnográfica, iniciasemos o proxecto de catalogación dos cruceiros da Terra Cha, ó que denominamos "Proxecto Carboeira", por ser esta unha das familias de canteiros máis coñecida da comarca chairega.

Neste traballo pretendemos facer unha análise dunha serie de tipoloxías que afectan ós corenta e nove exemplares, tres deles calvarios, catalogados neste concello.
Na relación, soamente incluímos aqueles cruceiros que se atopan en lugares públicos, independentemente da súa titularidade. Consideramos tamén públicos, por estar ligados ó culto ou devoción, os situados no interior dun templo, como, por exemplo, o da capela do S. Alberte e o da igrexa de Mariz.

Pola contra, excluímos aqueles cruceiros que se atopan dentro de propiedades privadas, porque a súa función é fundamentalmente decorativa. Deste criterio exceptuamos os situados en Cercedo e Vilargabín pola súa orixinalidade e certa proxección pública, e os de Verulfe, Paderna e pazo de Casanova pola súa tipoloxía, antigüidade ou valor artístico.

En base ós devanditos criterios de selección, mencionamos as cruces de Vilar e de Bascuas, pero non se inclúen as cruces de madeira ou cemento realizadas co gallo dunha Misión por non axustarse ás intencións deste catálogo.
Xunto á escasez bibliográfica, varias foron as dificultades que atopamos na realización deste catálogo. En primeiro lugar, cómpre destacar o tamaño do Concello de Guitiriz -un dos meirandes da Terra Chá- e a dispersión xeográfica dos cruceiros, espallados por case tódalas parroquias. Problemática foi tamén a localización dos cruceiros, pois unha boa parte deles atópanse en lugares de difícil acceso e pouco transitados como, por exemplo, os de Fraguas e Rebordiños, situados na parroquia de Vilar.

II.- ALGUNHAS TIPOLOXÍAS DOS CRUCEIROS DE GUITIRIZ (LUGO)
Ó falar dalgunhas tipoloxías tentamos facer un breve resumo dos cruceiros deste concello, atendendo a unha serie de contidos: orientación, situación que ocupan, elementos da súa composición, materiais de construcción, datación e canteiros que os construíron.
Con respecto a orientación dos cruceiros distinguimos dun xeito preferente dous tipos: a Oeste-Leste, que abrangue a seis cruceiros e a Leste-Oeste a cinco (I). Logo hai outros tipos de menor entidade: a Sw-Nw, que afecta a tres, a Norte-Sur a dous e a Sw-Ne tamén a dous (II).
En canto a súa situación, un calvario e doce cruceiros están emprazados nun cruzamento de viarios (III). Trece a carón dun viario (IV). Once no adro da igrexa (V). Sete preto dun cruzamento de viarios (VI). Tres a carón do antigo camiño real e dous no interior da igrexa parroquial (VII).
En relación ós elementos artísticos dos cruceiros imos facer as seguintes distincións:

1º. A plataforma
Hai once cruceiros sen plataforma (VIII). Once cun chanzo (IX). Dezaoito con dous (X). Oito con tres e un con catro (XI).

2º. Base
Catro cruceiros non teñen base (XII). Dezaoito amosan unha base cúbica (XIII). Sete troncopiramidal e trece paralepípeda (XIV).
Este elemento leva unha inscrición en seis cruceiros (XV). Antano tamén había unha inscrición no cruceiro da Fírveda (XVI). A inscrición soe mencionar o nome da persoa ou persoas que mandaron construír o cruceiro e a data de construcción; algún tamén fai referencia as indulxencias concedidas polo bispo de Mondoñedo a quen rezase devotamente unhas oracións diante do cruceiro. Como modelos representativos de inscrición citamos a dos seguintes cruceiros:

2.1. Cruceiro de Saa (Labrada).
“AVE MARIA / DE /AÑO 1800”

2.2. Cruceiro de Cercedo (S. Estevo de Parga).
“AÑO 1977 CERCEDO“

2.3. Cruceiro de Verulfe (Os Vilares) (XVII).
“RDE. AGAPITO ROSENDE Y ESPOSA 1988”

3º. O fuste

3.1. Formas que adopta
Soe ser monolítico, prismático, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto.

3.2. Ornamentación
Algúns cruceiros posúen motivos decorativos de forma alongada nos extremos das catro caras do fuste (XVIII). O resto do fuste está ornamentado cos instrumentos da paixón nos cruceiros da Vila (S. Xoán de Lagostelle) (XIX) e Cercedo (S. Estevo de Parga) (XX). A súa disposición nunha orde descendente é variable. Así distinguimos:

3.2.1. Cruceiro de Cercedo (S. Estevo de Parga)
Látego, tres cravos, lanza, tenaces, martelo, escaleira de tres banzos (XXI).

3.2.2. Cruceiro da Vila (S. Xoán de Lagostelle)
Sol, lanza, media lúa en cuarto crecente, tres cravos, martelo, tenaces, escaleira de oito banzos (XXII).
Este elemento leva unha inscrición en seis cruceiros (XXIII). A inscrición fai mención dun xeito preferente a data en que se construíu así como a persoa ou persoas, que propiciaron a súa construcción. Como exemplo representativo de inscrición citamos a do cruceiro de Riotorto (XXIV).

"ESTE / CRVCEI / RO LOY / ZO YNA / CIO DE /
CASTRO / Y SU M / Mª FRZ / 1872/
APE / DIMEN / TO DE / INACIO / CASTRO /
I SU MR / EL SR O / BISPO / DE MON /
DOÑE / DO A / CONCE / DIDO 40 / DIAS"


NOTAS BIBLIOGRÁFICAS
I .- 1.1.- Orientación Oeste-Leste: cruceiro de Riotorto (Buriz), cruceiro do Mallo (II) (Labrada), cruceiro da igrexa de Mariz (I), cruceiro da igrexa de Mariz (II), cruceiro do
S. Alberte (S. Breixo de Parga), cruceiro de Verulfe (Os Vilares).
1.2.- Orientación Leste-Oeste: cruceiro de Becín, cruceiro da Graña (Buriz), cruceiro da Sta. Mariña (Sta. Mariña de Lagostelle), cruceiro de Cercedo (S. Estevo de Parga), cruceiro de Bascuas (S. Salvador de Parga).
II.- Tipos de orientación:
2.1. Se-Nw: Calvario da Graña (Buriz), cruceiro da Vila (S. Xoán de Lagostelle), cruceiro de Negradas.
2.2. Norte-Sur: cruceiro da Granxa de Monfero (Labrada), cruceiro de Vilargabín (Os Vilares).
2.3. Sw-Ne: cruceiro da igrexa (Os Vilares), calvario dos Vilares.
III.- Situación nun cruzamento de viarios: calvario da Graña (Buriz), cruceiro de Riotorto (Buriz), cruceiro de Xestoselo (Buriz), cruceiro de Bañobre (Labrada), cruceiro da Loba (Labrada), cruceiro do Pazo (S. Xoán de Lagostelle), calvario da Sta.Cruz de Parga, cruz da Raposeira (Sta.Locaia de Parga), cruceiro de Casas Novas (Pígara), cruceiro de Roca, cruceiro do Pazo (Os Vilares), cruceiro de Reixas (Os Vilares) e cruceiro de Vilargabín (Os Vilares).
IV.- Cruceiros situados a carón dun viario: cruceiro de Sandiño (Buriz), cruceiro dos Castelos (Labrada), cruceiro da Granxa de Monfero (Labrada), cruceiro da Paderna (Labrada), cruceiro de Saa (Labrada), cruceiro de Cercedo (S.Estevo de Parga), cruceiro de Bascuas (S.Salvador de Parga), cruceiro da rectoral (S.Salvador de Parga), cruceiro do pazo de Casanova (S.Salvador de Parga), cruceiro de Castiñeira (Pígara), cruceiro de Ferreira (Pígara), cruceiro de Fraguas (Vilar) e cruceiro do Rego Pequeno (Os Vilares).
V.- Cruceiros situados no adro da igrexa: cruceiro de Becín, cruceiro da Graña (Buriz), cruceiro do Mallo (II) (Labrada), cruceiro da Sta. Mariña (Sta. Mariña de Lagostelle), cruceiro da Vila (S. Xoán de Lagostelle), cruceiro da igrexa de Mariz (II), cruceiro de Sta. Locaia (Sta. Locaia de Parga), cruceiro da igrexa (S. Salvador de Parga), cruceiro de Trasparga, cruceiro da igrexa (Vilar), cruceiro da igrexa (Os Vilares).
VI.- Cruceiros situados preto dun cruzamento de viarios: cruceiro da Fírveda (S. Xoán de Lagostelle), cruceiro da Granxa de Monfero (Labrada), cruceiro de Paderna (Labrada), cruceiro de Saa (Labrada), cruceiro do Toxiño (Labrada), cruceiro de Bascuas (S. Salvador de Parga), cruceiro de Verulfe (Os Vilares).
VII.- 7.1. Cruceiros colocados a carón do antigo camiño real: cruceiro da Granxa de Monfero (Labrada), cruceiro da Paderna (Labrada), cruceiro de Castiñeira (Pígara).
7.2. Cruceiros situados no interior da igrexa parroquial: cruceiro da igrexa de Mariz (I), cruceiro do S. Alberte (S. Breixo de Parga).
VIII.- Cruceiros sen plafaforma: cruceiro da Graña (Buriz), cruceiro dos Castelos (Labrada), cruceiro do Pazo (S. Xoán de Lagostelle), cruceiro da igrexa de Mariz (I), cruceiro do S. Alberte (S. Breixo de Parga), cruceiro da pena de Lliboi
(S. Estevo de Parga), cruceiro de Bascuas (S. Salvador de Parga), cruceiro de Fraguas (Vilar), cruceiro do Rego Pequeno (Os Vilares).
IX.- Cruceiros que amosan un chanzo na plataforma: cruceiro da esquerda do calvario da Graña (Buriz), cruceiro do Toxiño (Labrada), cruceiro da Fírveda (S. Xoán de Lagostelle), cruceiro de Casas Novas (Pígara), cruceiro do Pazo (Os Vilares), cruceiro de Reixas (Os Vilares), cruceiro da igrexa (Os Vilares), cruceiro de Verulfe (Os Vilares), cruceiro de Vilargabín (Os Vilares), cruceiro da dereita do calvario dos Vilares.
X.- Cruceiros que mostran dous chanzos na plataforma: cruceiro de Becín, cruceiro de Riotorto (Buriz), cruceiro de Bañobre (Labrada), cruceiro do Mallo (II)(Labrada), cruceiro de Saa (Labrada), cruceiro da Sta. Mariña (Sta. Mariña de Lagostelle), cruceiro da igrexa de Mariz (II), cruceiro de Negradas, cruceiros laterais do calvario da Sta. Cruz de Parga, cruceiro de Cercedo (S. Estevo de Parga), cruceiro da rectoral (S. Salvador de Parga), cruceiro da igrexa (S. Salvador de Parga), cruceiro do pazo de Casanova (S. Salvador de Parga), cruceiro de Ferreira (Pígara), cruceiro de Roca, cruceiro de Rebordiños (Vilar), cruceiro de Vilar.
XI.- Cruceiros que amosan tres chanzos na plataforma: cruceiro central do calvario da Graña (Buriz), cruceiro de Sandiño (Buriz), cruceiro de Xestoselo (Buriz), cruceiro da Granxa de Monfero (Labrada), cruceiro da Loba (Labrada), cruceiro do Mallo (I) (Labrada), cruceiro da Vila (S. Xoán de Lagostelle), cruceiro central do calvario da Sta. Cruz de Parga, cruceiro de Trasparga.
XII.- Cruceiros sen base: cruceiro de Sandiño (Buriz), cruceiro dos Castelos (Labrada), cruceiro da pena de Lliboi (S. Estevo de Parga) e cruceiro de Bascuas (S. Salvador de Parga).
XIII.- Cruceiros que teñen a base cúbica: cruceiro de Becín, calvario da Graña (Buriz), cruceiro de Riotorto (Labrada), cruceiro de Bañobre (Labrada), cruceiro da Loba (Labrada), cruceiro do Mallo (II)(Labrada), cruceiro de Saa (Labrada), cruceiro do Toxiño (Labrada), cruceiro do S. Alberte (S. Breixo de Parga), cruceiro da igrexa (S. Salvador de Parga), cruceiro do pazo de Casanova (S. Salvador de Parga), cruceiro de Casas Novas (Pígara), cruceiro de Ferreira (Pígara), cruceiro de Rebordiños (Vilar), cruceiro de Reixas (Os Vilares), cruceiro do Rego Pequeno (Os Vilares), cruceiros laterais do calvario dos Vilares.
XIV.- A. Cruceiros que amosan a base troncopiramidal: cruceiro de Xestoselo (Buriz), cruceiro da igrexa de Mariz (I), cruceiro de Sta. Locaia de Parga, cruceiro de Roca, cruceiro de Trasparga, cruceiro do Mallo (I) (Labrada), cruceiro da Paderna (Labrada).
B. Cruceiros que amosan a base paralepípeda: cruceiro da Granxa de Monfero (Labrada), cruceiro da Sta. Mariña (Sta. Mariña de Lagostelle), cruceiro da Vila (S. Xoán de Lagostelle), cruceiro da igrexa de Mariz (II), cruceiro de Negradas, cruceiros laterais do calvario da Sta. Cruz de Parga, cruceiro central do calvario dos Vilares, cruceiro de Cercedo (S. Estevo de Parga), cruceiro de Fraguas (Vilar), cruceiro do Pazo (Os Vilares), cruceiro da igrexa (Os Vilares), cruceiro de Verulfe (Os Vilares).
XV.- Cruceiros que presentan unha inscrición na base: cruceiro de Riotorto (Buriz), cruceiro de Saa (Labrada), cruceiro da igrexa de Mariz (II), cruceiro central do calvario da Sta. Cruz de Parga, cruceiro de Cercedo (S. Estevo de Parga) e cruceiro de Verulfe (Os Vilares).
XVI.- SANTOS SAN CRISTOBAL, Sebastián.: Inventario Artístico de Lugo y su provincia, T. III, Ministerio de Cultura, Madrid, 1980, páxs. 251-252. A inscrición dicía: "Este crucero lo hizo José Losada de Landeira y su mujer Dominga Pardo en 1890".
XVII.- ARRIBAS ARIAS, Fernando / BLANCO PRADO, José Manuel.: Catálogo de Cruceiros da Terra Cha. Cruceiros de Guitiriz, Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 81, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1999, páx. 122.
XVIII.- Cruceiros ornamentados no fuste con motivos de forma alongada: cruceiro de Becín, cruceiro da Sta. Mariña (Sta. Mariña de Lagostelle), cruceiro da igrexa de Mariz (II), cruceiro de Trasparga.
XIX.- GAY MÉNDEZ, Aurora.: O concello de Guitiriz, Servicio de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, 1995, páx. 160.
XX.- SANTOS SAN CRISTOBAL, Sebastián.: Inventario Artístico de Lugo y su provincia, T.V, Ministerio de Cultura, Madrid, 1983, páx. 70.
XXI.- ARRIBAS ARIAS, Fernando / BLANCO PRADO, José Manuel.: Ob. cit., páx. 72.
XXII.- GAY MÉNDEZ, Aurora.: Ob. cit., páx. 160.
XXIII.- Cruceiros que teñen algunha inscrición no fuste: cruceiro de Riotorto (Buriz), cruceiro de Saa (Labrada), cruceiro de Casas Novas (Pígara), cruceiro de Fraguas (Vilar), cruceiro de Rebordiños (Vilar), cruceiro da Vila (S. Xoán de Lagostelle).
XXIV.- ARRIBAS ARIAS, Fernando / BLANCO PRADO, José Manuel.: Ob.cit., páx. 26.

Os mapas foron realizados polo delineante José Cancio Fernández e as fotos por Fernando Arribas Arias.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES