Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fuente Vaqueros

martes, 18 de marzo de 2014
Tíña unha débeda pendente dende que hai anos visitara a casa natal de Federico García Lorca aquí neste pobo situado nunha terra cha, outrora rica na produción de remolacha. Atópase como a media hora pola estrada dende Granada en dirección a Málaga, e desta volta quixen manter o meu compromiso que tiña que ver coa música, porque naquela antiga visita, na casa museo, había una exposición cuxo título era: “Garcia Lorca e a música”.

E alí estaba parte do percorrido que o poeta tivera con este xeito universal de expresión incardinado nas cinco liñas do pentagrama. Falei coa comisaria da mostra que era a que explicaba tódolos pormenores da exposición e comenteille que eu tiña una serie de cancións baseadas nos poemas galegos do insigne escritor e que, na primeira oportunidade que se me presentara, llos levaría para que figuraran nos arquivos da casa. Volvín un par de veces por Granada, logo daquela visita, pero non fun a Fuente Vaqueros, así que non quixen que pasara mais tempo e agora emprendín o camiño ata o lugar onde Federico García Lorca vira a luz por primeira vez.

Presentouse un día con néboa, pero na medida na que ía chegando a Fuente Vaqueros, foise despexando, permitindo ver a paisaxe desta terra na que o pai de Lorca era un rico facendeiro. A casa é de campo, modesta, coma tantas outras que hai na localidade e alí atópanse lembranzas representadas por elementos decorativos, mobles, fotografías, debuxos, un piano e as estancias reconstruídas con elementos orixinais baixo a supervisión de Isabel, a irmán de Federico, que tiña lembranzas de cómo estaba aquilo na súa nenez.

Nun edificio próximo, o “Centro de Estudos Lorquianos”, había una exposición sobre a primeira edición das súas obras completas.

Desta volta non estaba aquela rapaza coa que eu falara e si un home moi amable que nos repetiu toda a historia de novo. Tivemos unha breve conversa e entregueille a gravación, cousa que me agradeceu moito e correspondeume co agasallo dunha reprodución da acta de bautismo do poeta e unhas fotos.

Volvín de Fuente Vaqueros, un pobo que xira sobre o eixe de García Lorca, coa sensación do deber cumprido.
Fuente Vaqueros
Dous días denantes, na compaña da miña amiga Enriqueta Barranco, fun fotografar a antiga casa dos Rosales, na rúa Angulo de Granada onde o poeta buscou a protección dunha familia amiga da súa, e logo a porta onde estaba no 1936 a Comisaría onde o levaron logo da súa detención. Non puiden deixar de pensar nos momentos de anguria polos que debeu pasar o escritor naqueles intres, os mesmos cos de outras tantas vítimas daquela brutal represión. Hoxe aquela Comisaría xa non existe e o edificio está incluido dentro do complexo da Universidade.

Sobre Lorca aínda circulan certos misterios, un dos mais rechamantes é o da localización dos seus restos. Ian Gibson os situaba en Viznar, pero non apareceron e por aquí circula o rumor que, logo do seu asasinato, os recuperou a famila, que tiña fortes influenzas no texido social daquela Granada conservadora, e que esta mantén o segredo quizais para acrecentar, se cabe máis, o mito que rodeou á figura do poeta ata hoxe.

Quédanme poucas horas nesta cidade feiticeira e seguro que a deixarei con morriña, pero teño o propósito de volver axiña. Abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES