Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xa estamos!

lunes, 17 de marzo de 2014
Eu non sei se lle terá pasado a vostede algunha vez, pero estou por apostar a que si. Refírome ó feito cotián de ir repostar combustible a unha gasolineira e acontecerlle que canta máis présa leve, meirande será o número de repostadores ós que se lles ocorreu facer o mesmo, á mesma hora e no mesmo lugar preciso. Ou, en consecuencia variante, atoparse co operario da estación completamente abafado opola clientela por non saber a quén atender e ó tratar de tranquilizalo cun inicio de conversa, escoitarlle algo así como 'levo toda a tarde sen servir un litro de combustible e nun minuto déuselle a todo o mundo por vir botar gasoil...!'

E isto que eu relato para as gasolineiras podería ser trasladado ós bares, ás cafeterías, ós restaurantes, a multitude de oficinas bancarias ou a calquera outro tipo de negocio de atención ó público nos que tan ben non hai nin un só penitente ó outro lado do mostrador, como de súpeto se enche e todo o mundo pretende ser atendido antes có seu propio antecesor.

E é que así somos os seres humanos, xentes de costumes fieis ó vello dito de 'a onde vai Vicente?...' ou, en consecuente contraposición, evocando ó clásico Samaniego, 'a un panal de rica miel dos mil moscas acudieron, que por golosas murieron, presas de patas en él'.

En fin!.. Véuseme a exclamación do titular e a conseguinte perorata á idea logo de ter visto nunha información do día cómo os promotores da candidatura do Ferrol da Ilustración a Patrimonio da Humanidade seica teñen pensado relanzar a vella proposta co fin de tentar conseguir que a destartalada cidade departamental poida colocarse de novo no mapa.

É dicir, xusto cando por primeira vez as dúas Deputacións e é de supoñer que os vinte e tres concellos que forman parte da demarcación xeográfica por ámbalas dúas beiras do Sil, ademais de moi diferentes colectivos sociais e culturais das dúas provincias se poñen de acordo para elaborar unha candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade cunhas mínimas garantías de éxito, ou, cando menos, cun sustento institucional que sexa quen de garantir unha campaña informativa capaz -cando menos- de facer chegar os ecos da candidatura á Unesco, resulta que se lles acendeu a chispa ós ferroláns e se xa é difícil competir con todo canto lugar 'se menea' polo mundo, acabaremos competindo tamén, unha vez máis, cos nosos veciños do norte.

E non haberá alguén -pregunto eu- con certo mando en praza que lles diga abertamente: 'Benqueridos, o asunto está moi ben, pero agora -simplemente- ¡non toca!'
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES