Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu tamén quería ser aforado

jueves, 13 de marzo de 2014
Quería, pero non teño partido político que me adopte como afillado pra aforarme.

Estoulles contentísimo. Estou que bailo nun pé só. Estou coma un neno con zapatos novos. Estou coma unas castañolas. Estou coma se onte fose o día máis feliz da miña vida. Que se é porque saíse presidente da Conferencia Episcopal un tal Blázquez, como moi agudamente dixera un tal Arzallus antes de chochear de todo de vez e caer da foto de familia? Tamén por iso, porque “ese tal Blázquez” tén dado motras de ser persoa cercana, intelixente, sensible, equilibrada, non atafegada por fríos cánones e mesmo con ventás abertas cara aires relativamente renovadores, pero a principal razón é outra.

Como estou tan ledo, vou empezar á feito e sen presas a ver se consigo contaxiar ou cando menos compartir algo desta miña alegría.

Verán: Andaba eu caciquendo onte polo Multiusos de la Junta de Galicia en Lugo cando ás 11,33, -pola hora do meu móbil, e tamén do gran “Gran Hermano” que a través do teléfono móbil nos ten ben controlados-, recibo unha chamada de Xulio Xiz, dicíndome que estaba preocupado polo estado da miña saúde, porque me puxera un correo electrónico, ou sexa un mail, -que pra algo o noso presidente tamén o é dos Estados Unidos con capacidade ata pra impoñernos a lingua anglosaxona-, o luns e que eu debía contestarlle e non contestei. Aclareille que eu contestara, pero, en vista de que non lle chegara a resposta, volvín a mirar no móbil e vin que non saíra! Grazas á bendita telefónica que, xa terán observado que desde que levamos un pedaciño falando córtanos a comunicación e déixano coa palabra na boca ou traballando en seco. Non sei se o fan pra que non gastemos de máis ou se pra que paguemos 15 céntimos de “nuevo establecimiento de llamada”.

Despois ás 13, 03 recibo outro mail de Xulio -non sei se desde Estados Unidos, vía Colombia-, dicíndome textualmente: Xa que estás ben, e mañá é xoves, supoño que hoxe me mandarás un artigo sustancioso.

Vouno mandar de aquí a un pouco, pero antes quero aclarar o de andar caciqueado polas dependencias de la Junta. Como eu son cura e os curas sempre fomos uns caciques e non aprendemos aínda a non selo, andaba caciqueando. Esa é a gran diferencia entre os políticos e os que non o somos, que mentres que os políticos non caciquean, porque, salvo honrosas excepcións, serven ó pobo desinteresadamente a cambio de votos, -desde a aparente restauración da aparente democracia valen máis catro votos ca antes catro xamóns-. Caciqueei por partida triple. Foi unha mañá moi ben aproveitada. No 1º baixo de la Junta, informáronme moi amablemente en Estruturas Agrarias de a quen lle asignaran na Concentración Parcelaria da parroquia de Ramil un horteiriño de aproximadamente 100 metros cadrados.

O que non souberon explicarme é como uns técnicos, enxeñeiros e todo, tiveron a feliz idea de, en lugar de facer parcelas meirandes asignaran unha pequerrechiña a quen non tiña nada xunto dela pra apezar, aproveitando que non había quen mirase máis que pola súa comenencia, porque a deficiente psíquica que debería ser titular dese recullo está baixo a desprotección da FUNGA. O que me parece a min é que esta actuación foi toda ela conforme á lei… do embude. A continuación, no 2º Piso caciqueei con algúns inspectores de ensino, amigos, a posibilidade de ter unha charla ou máis impulsada pola Ampa, co beneplácito da Dirección e demais persoal, pra pais en exercicio, avós de hoxe, e posibles pais de mañá sobre educación, no Colexio Ramón Falcón de Castro de Rei. E a terceira cacicada, no piso 1º, foi informarme de como conseguir permiso da Consellería de Cultura pra tratar de conservar o noso patrimonio cultural sen medo a denuncias do Seprona ou da Policía Autonómica e co firme compromiso por parte da Consellería en cuestión de non aportaren eles un euro, porque non teñen orzamento pra vixiar o patrimonio. Só o teñen pra vixiar, e sancionar dado o caso, ós que vixiamos o patrimonio facéndolles crer a administradores de recursos públicos que nos mercan cunha subvención a conta de cartos non seus, senón dos contribuíntes.

Son eses os motivos da miña ledicia desbordante? Que va! Nin moito menos! A causa da miña alegría é que onte gañei 150 EUROS. Pra un pensionista cunha pensión de arredor de 600 euros coma labregos e curas, gañar 150 nun só día é como pra poñerse a bailar na punta do pé, ou non? Como os gañei? Vouno dicir por se lle pode valer a alguén a receita. Resulta que na Ponte de Outeirto, na estrada de Vilalba a Meira, ou á viceversa, puxeron hai pouco tempo uns limites de velocidade de 50 e de 70. Como a miña memoria xa non é o que foi, pasei por alí a 80 e non me acordei de que puxeran os límites unha noite ás agachadas. Debido a non acordarme, pasei como pasei e pasou o que pasou, que se resume en que, segundo me dixeron que dixera o radar homologado e todo, se eu era o condutor do vehículo 3010 HY…, podía darme por fastidiado. Iso si: todo mirando polo meu ben e pola miña seguridade persoal. A sanción inicialmente era de 300 euros e con-levaba ó mesmo tempo a perda de 2 puntos. Agradézollelo moito a ver se aprendo dunha vez e non volvo a pasar por Outeiro coma un toliño, ou en que estamos? Pero, polo “pronto pago” so tiven que desembolsar 150 EUROS, e dous puntiños que nin van nin veñen.

Con esta operación gañei nunha mañá outros 150, ou non? Con eses 150 que paguei tamén me expropiaron case sen darme conta o dereito a recorrer contra o sabio radar, pero o que algo quere algo lle custa, ou non? Ese élle, prezados lectores, o sistema moderno de facer cartos mediante a economía semisumerxida: Infrinxir e pagar axiña. A próxima vez vou mirar a ver se consigo que o radar me poña 600 EUROS pra poder gañar eu 300. Se Deus me dá saúde e sorte, conto con chegar en menos de medio ano a conseguir que me poñan de sanción 50.000 EUROS, pra gañar 25.000 e despois xubilarme deste negocio e dedicarme ó da contrucción na nova etapa na que di Don Rajoi que estamos case entrando se non hai cousa de novo ou a Merkel non ten outros maternais planes para nós.

Fun pagar a educativa sanción ó edificio de tráfico en Lugo. Fun pagar pero alí non puiden pagar. Levaba os cartos na man, pero a señora que estaba polo outro lado da cambeleira, ou do presebe onde se alimentan as mascotas de tráfico, preguntoume: Tiene tarjeta bancaria? Eu pensei responderle: E a vostede que lle importa? Pero non me deixou tempo, porque seguiu ela: Es que, si no la tiene, tiene que ir pagar a un banco. Ahí por detrás de este edificio está el de Santander. Eu, con toda a amabilidade de que fun capaz, respondín: Mire, señora, vostede non ten culpa, pero gustaríame saber contra quen podo cabrearme, porque, pra ter tarxeta bancaria teño que pagar ó banco por ela. Que negocios se traen os botines coa banca pra ese compadreo? Se teño que facerme cunha tarxeta pra pagar as multas é coma se con cada multa me puxesen dúas: a de tráfico e a do banco.

Polo camiño pró banco acordeime de que o sábado pasado lin nun xornal que un politiqueiro ó que cando aínda non era deputado lle puxeron unha multa de 380 euros acompañada de retirada de carné por un mes e perda de seis puntos. De todo iso parece ser que puido escaquearse de mala maneira no seu momento. Agora o fiscal pide pra el sanción de 600 euros, tres meses de cárcere e inhabilitación especial pra cargos coma o que desempeña durante catro ano e un mes. Ai, pero agora é deputado autonómico, parece ser que posiblemente con carácter retroactivo, e goza da armadura protectora que lle proporciona a condición de aforado. Bien muchacho, así me gusta, a cada un o seu! E, logo, en que estamos aquí?

Que méritos fan falla para ser aforado? Pois, polo que se me ocorre así sobre a marcha, paréceme que é preciso ter amigos influínte no partido político que corresponda pra poder entrar de matute nunha lista electoral pechada, facendo constar que, se cadra, non se vale pra outra cousa, -nin para esa tampouco-. Desde que estás dentro, se saes… se saes elixido, non de dentro, ou elixida, xa podes acollerte a unha lexislación feita á medida dos lexisladores que permite infrinxir e non cargar coa consecuencias.

Dise por activa e por pasiva que a lei é igual pra todos. Ja, ja! A lei será igual pra todos, pero non todos somos iguais prá lei. Tamén se di que a condición de aforado non é un privilexio, senón unha protección da función que certas persoas desempeñan na sociedade. Ja, ja e ja! A función pola que certas persoas viven á conta da sociedade é, mediante a disciplina de voto é torpedear todo o que propoñan outro partidos, impedindo así un auténtico progreso da sociedade por unha noxenta cortedade de miras.

Imos chamar as cousiñas polo seu nome e, se me forzan a comulgar con rodas de muíño, que polo menos me respecten o dereito constitucional a poder dicir en voz alta que quero que saiban que sei que me estou indixestando con rodas de muíño.

Vese que a semente dos roldáns é coma a da herba da fame que tan ben se dá en Mondoñedo de onde é unha deputada provincial que se escadela moito na Deputación, pero que á hora de escoitar e apoiar queixas de veciños mindoniense polos desaguisados da autovía está en paradoiro descoñecido.

Para rematar, tamén se di que LA DIRECCIÓN GENERAL DE TRÁFICO vela moito por nós, pero non pode conducir por nós. Grazas a Deus! Só me faltaba iso! Eles a conducir e eu a pagar as súas arrogantes inxustizas cometidas en nome da lei! Pode ser que vele por nós, pero vese que a úns vélaos máis ca outros. Vamos… digo eu, que sigo máis ledo ca unhas castañolas neste país de pandeireta que defende os dereitos dos touros como sinal de progresismo, e tamén como sinal de progresismo mira pra outro lado se se fala de dereitos de non natos xa concibidos, mentres se discute se xa son ou aínda non son seres humanos. O que perece, claro é que moito non chegarán a selo. Pero iso é outro cantar que merece un trato moi rigoroso e sen cachondeos. Espero que o artigo resultase sustancioso como Xiz desexaba.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES