Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teilhard, educación e globalización

viernes, 07 de marzo de 2014
Son só tres termos. Seguro que os que están moi documentados nas temáticas que, respectivamente, os teñen como referentes fundamentais, xa están poñéndolle estraños xestos ás súas facianas, preguntándose onde está a relación entre eles. Acouguen, amigos, porque estes tempos que nos tocaron vivir dan para todo. E non esquezan, tampouco, que nas facultades ensínase a andar, pero andar ándase na vida, fora delas, e cada quen da os pasos contando coas pernas e os folgos que ten.

Como diría un escolástico, empecemos explicando os termos: TEILHARD DE CHARDIN é un famoso xesuíta francés, evolucionista; EDUCACIÓN, para un dicionario do século pasado, era “cortesía”, “urbanidade”, en cuarta acepción, e a GLOBALIZACIÓN, aquí, vanme a permitir que a entenda como unha sinal, aínda que moi débil, dunha certa converxencia humana. Pero con isto xa sei que non salvei a desconexión dos termos: Hai que dicir algo máis.

Teilhard de Chardin é un filósofo, teólogo, místico e científico francés. Como científico destacou en xeoloxía, paleontoloxía e paleoantropoloxía, que non é pouco. Deixando de lado aspectos moi interesantes da xéneses do seu pensamento, vamos subliñar a súa concepción evolucionista.
Como escribe un ilustre compañeiro del, xesuíta e tamén científico, “ a súa filosofía / teoloxía son unha proxección do sentido do ser humano no mundo que, desde o futuro, ilumina o pasado. Deus, o mundo, a materia, a socialización, a esperanza, o humano, amalgámanse nunha unidade fascinante”.

Vexamos como pensa Teilhard que ocorre todo isto. Debemos reparar, no proceso da evolución, en dous momentos nos que se produce unha “descontinuidade na continuidade”: a aparición da vida e da consciencia e o pensamento no home. A vida envolve a Terra como BIOESFERA; a consciencia (reparen que non é igual falar da consciencia – con “s” – que da conciencia) e o pensamento rompen a continuidade formando unha nova envoltura sobre a Terra, á que denomina NOOSFERA.

Xa temos, pois, o pensamento en acción, impulsando unha dinámica a nivel planetario e cósmico, que chama SOCIALIZACIÓN e PLANETIZACIÓN. E por esta última entende “ a xeración e desenrolo de todos os procesos culturais e sociais que tenden a unir ós homes a un nivel planetario vencendo os intereses individuais e de grupo”, como nos explica outro xesuíta, Agustín Udías.

Acaso non ven aquí os entendidos algo relacionado coa GLOBALIZACION?. E xa para ilos metendo en pista, desde a miña modestia, pensen na involución de Mas e os seus “neanderthalenses”, contemplada polo Señor Rajoy desde a súa habitual impasibilidade decisoria, que non lingüística, ensaiada.

Non lles parece que aquí pode xurdir algunha relación?. Pois, se o ven así, síganme poñéndolles vencellos ós termos. Penso que nos pode facilitar a explicación dalgúns eventos actuais no noso país, que se me permiten chámolle España.

Na formación da NOOSFERA, Teilhard distingue dous movementos, ós que chama “socialización de expansión” e “socialización de compresión”. No primeiro predomina a influenza dos individuos e dos grupos, e pensa nas tribos de CAZADORES e RECOLLEDORES nos tempos primitivos. (As maiúsculas levan carga intencional). Logo vai aparecendo a dinámica da socialización de compresión, a que chama TOTALIZACIÓN e PERSONALIZACIÓN “a niveis superiores, con organizacións políticas, sociais, culturais, relixiosas, económicas e técnicas” (A.Udías).

Nesta etapa a énfase no individuo é substituída pola énfase no social. E como di A. Udías, “Teilhard ve este proceso non como sinxelamente aditivo, composto por unidades humanas independentes, senón como a emerxencia dunha nova unidade social a nivel planetario”.

Claro, para Teilhard tanto a involución como o estatismo son incomprensibles pola súa descontextualización da dinámica social, pois xa apuntou no seu tempo a emerxencia dunha NEOCEREBRALIZACIÓN COLECTIVA, a nivel planetario, dirixida cara a unha unidade final, á que se opoñen esas actitudes. (Lean a súa obra “La place de l`home dans la Nature”, Oeuvres, 8, 1.949, páxs. 154-160).

Tamén preconiza un SUPER-ORGANISMO apoiado no coñecemento, que permitirá unha liberación das limitacións da comunicación, transcendendo os límites do espazo e do tempo, que levará ao que el denomina CO-CONCIENCIA ETÉREA, e neste punto volve o especialista A. Udías a traducirnos os termos á linguaxe do noso tempo. Di que, aínda que non nos explicou o paleontólogo xesuíta que entendía por este termo, “podemos ver nel unha premonición do que hoxe chamamos o MUNDO-VIRTUAL, o CIBER-ESPAZO de internet e as redes sociais”.

Fálanos, ademais, Teilhard do Espírito da Terra, que facilita que eses elementos libres da NOOSFERA converxan no PUNTO OMEGA (Cristo).

Non podía quedar este aspecto sen tocar tendo en conta que estamos na presenza dun home de fe, que, non obstante, non lle impediu entrar no estudo da organización social, na que ve abertos moitos camiños polos que ten saídas de progreso a humanidade, aínda que nalgún deles pode emerxer o egoísmo, que espera sexa vencido polas tendencias converxentes do Espírito, considerado por el como sucesor da enerxía radial (que impulsa ás sínteses evolutivas).

Pero como é un científico dotado dun sentido común que impregna todos os seus coñecementos, recorda que esa converxencia humana (globalización – manifestada debilmente nas Nacións Unidas e nos distintos organismos internacionais–) ten que amalgamar diversas tendencias diverxentes (individualismos, NACIONALISMOS, violencia, terrorismo, etc.).

Este recorrido polo pensamento teilhardiano suxírenos formular unha pregunta que pretende botar outro vencello aos termos. ¿Onde situamos a EDUCACIÓN, non só entendida como ensinanza, senón principalmente como equivalente da CORTESÍA e a URBANIDADE nos comportamentos e condutas duns homes cos outros?.

Penso que para contestar é mester partir de que os bos hábitos deben acompañar en función integradora ó proceso evolutivo social en constante avance, inda que non sempre perceptible. Supoñer o contrario equivale a situarse no ámbito das tendencias diverxentes, como nos evidencia o primitivismo de certas posturas nacionalistas. Pero digamos algo máis.

E, sobre todo, digámolo en sentido negativo. A falta da educación ven a ser a manifestación dunha indixencia na concienciación cultural, moral e de conduta, xeralmente con actitudes que patentizan unha inelegancia incualificable a estas alturas da evolución, acompañadas de consecuencias de matiz diverxente e de presión política involutiva.

Pero, tamén, un baldío no proceso “endoeducativo” das persoas, ben polas súas escasas potencialidades psíquicas e intelectuais, ou ben por unha formación focalizada nas singularidades étnicas dos pobos, se nos remitimos ao nivel político. En todo caso, hai certa marxinación e desfase na evolución social, como nos evidencian os conceptos resaltados máis arriba.

E cando a falta de educación se presenta como descortesía, pon de manifesto, ademais, un desarraigo finxido ou real da tradición que forxou, nun espazo social e nun tempo histórico determinado, os parámetros do trato cos semellantes, sempre considerados moi positivos no grupo social no que se convive.

Pero toda esta “negatividade” ten, sen dúbida, moito que ver cun rol imaxinario, como ocorre cando unha persoa non se descobre embarcada na irrealidade das propias ou asumidas proxeccións persoais, e obstínase en representar o papel que se atribúe a si mesma, intentando darlle manifesta relevancia por canles casuais sen apropiación adecuada.

É a consecuencia de que o home, na sociedade, é autor, axente e actor (ten un rol), á vez, da súa propia configuración persoal, e cando como autor proxecta na irrealidade imaxinativa, afastándose das tendencias socias, periga a execución e ridiculiza o seu papel como actor: A descontextualización das grandes liñas da dinámica social esixe unha correlativa tributación.

Xeneralizando, nunha visión evolutiva do cosmos, cara a unha maior complexidade, os elementos que o constitúen nos distintos niveis converxen nas correspondentes sínteses; pero na sociedade os elementos que non se incorporan a este proceso, deveñen convulsivos e xeran inestabilidade, so pretexto da defensa e reivindicación de certos valores culturais, perfectamente integrables, e duns supostos dereitos históricos de carácter político, que só se consolidan NA historia, se os consolidaron os eventos que os xeraron, porque dos dereitos a historia non só rexistra a seu orto e a súa permanencia, senón tamén a súa extinción.

Hai catro termos latinos cos que, seguramente, se poida conceptuar mellor isto relativo aos “dereitos históricos” do nacionalismo: Positum, de-positum, pro-positum e destructum. O nacemento dun dereito é un acto constitutivo do mesmo, algo “posto” (positum) na historia a través do evento que o xerou. Unha vez que o dereito adquire corpo propio, queda como depósito (de-positum) na mesma historia. Neste estado, cabe propoñelo (pro-positum), está en vigor. Pero a evolución social non só “crea” e sostén, tamén destrúe, e neste caso o dereito, incluso sen derrogación expresa, queda extinguido, destruído (destructum). Aquí xa non ampara e resulta un despropósito alegalo. E todo isto prodúcese só NA historia, e só neste sentido se lle pode chamar histórico; pero esta adxectivación non o restablece nin o vigoriza.

Polo tanto, dende o contexto dunha visión evolutiva do mundo, podemos facer unha cartografía, metaforicamente falando, de como se foi configurando a personalidade humana en perspectiva psíquica e sociolóxica, dende unha postura egocéntrica, en proceso progresivo cara a etnocéntrica, naciocéntrica e mundicéntrica, e sempre con trazos evidentes de superación, que, aínda que, a veces, leva ao home a pasar por etapas esgotadoras que desencadean o escepticismo, non parece intelixente recuar ó pasado, senón corrixir a traxectoria ao futuro, adoptando as precaucións que correspondan, como, na actualidade, as de signo ecolóxico: Os edéns do pasado teñen non pouco de míticos e moito de imaxinarios.

Para aducir algún apoio recente a esta dinámica evolutiva, lembremos, entre moitos outros, a Robert Wright, xornalista norteamericano, especializado na evolución psicolóxica, que publica un interesante libro titulado “Nonzero: The Logic of Human Destiny” (Vintage 2.001, New York), no que evidencia a influenza de Teilhard de Chardin, sobre todo en manter a dirección única da evolución, tanto na bioloxía como na cultura, considerando incluso o progreso moral, que nosoutros, desde a perspectiva do noso tempo, nós vemos obrigados a cuestionar.

Concluíndo, esperemos que a frecuente mala educación pase a ocupar un lugar marxinal, sobre todo naqueles que teñen obrigas pedagóxicas polo seu papel na sociedade e non se avergoñan de caer en certas involucións, alardeando de progresistas, que non están xustificadas polo que se acadou no ámbito “noosférico”, onde xa impera a referida “neocerebralización colectiva”.

Esperemos tamén que os nosos políticos descubran que as tendencias converxentes deberían ter unha tradución social e política no noso país, urxente, no ámbito económico, e suprimindo as institucións que só serven para dar solucións aos acomodos políticos, sen esquecer o que dixo Kelly Kevin, editor da prestixiosa revista “Wired”: “A arte da evolución é a arte de xestionar adecuadamente a dinámica da complexidade”, que non é o mesmo que quedarse de brazos cruzados deixándoa ao chou.

E como delas non se decidiu nada nas sesións do Debate do Estado da Nación, tal vez sexa conveniente, aplicando os criterios de austeridade que tan ben coñece o noso Goberno, colocar uns robots que reproduzan os baldíos, tópicos, estereotipados, electoralistas e consabidos discursos parlamentarios, con non máis ideas que as coñecidas ata o fastío, e que xa non interesan á maioría dos cidadáns, como non sexa para constatar ata onde as Súas Señorías están desvencelladas da realidade, ou para contemplar, divertíndose, as manifestacións mímicas do entusiasmo gregario no Parlamento.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES