Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Padre Manuel Feijoo: Obra polifónica

miércoles, 19 de febrero de 2014
Intervención de Enrique Mourille na presentación do libro PADRE MANUEL FEIJOO. OBRA POLIFÓNICA, no Salón Carlos V, de Santiago.

Houbo unha vez un home
que nunca dixo meu,
Petou nas portas do mundo,
chamou no meu corazón.
Falaba con palabras
que semellaban pombas.
As cousas á súa beira
púñanse blancas.
Nascíalle nos ollos
un abrente como luz
ou como un mar lonxano de gueivotas.

(Verbas de Celso Emilio Ferreiro, bardo da miña terra, da Nosa Terra. ).

Moi boas tardes a todos e a todos Paz e BEN. Aos que sentades na mesa, ás autoridades ou mentores do P. Feijoo, aos irmáns franciscanos presentes, e máis que nada, á súa familia, quero dicir, a todos os que ao longo de tantos anos fostes ou vos chamades orfeonistas.

E quixera dárvolas ( permitídeme o tuteo ), quixera dárvolas, digo, a maneira que o faría o P. Manuel Feijoo, obxeto desta homenaxe co libro que estamos a presentar…, pero eu non teño aquel seu sorriso nin aqueles seus engaiolantes modos. Só teño parte do seu sangue, mellor dito, o sangue de súa irmá Celia, a quen moitos de vós coñecedes e en cuxa bodega tomastes máis dunha vez un fervoroso grolo daquel viño que con tanta devoción preparaba e ofrecía Xosé Manuel, o único cuñado e case un pai para o Padre Feijoo e todos os fillos e amigos del. E perdoade a efusión e o aceno familiar de arestora. É ben certo que o protocolo deste tipo de actos suxire que sexa algún parente do autor quen fale ao principio do mesmo, daquela non quixera deixarme levar nin pola hipérbole nin moito menos por gabarme de ter sido o inductor da publicación de Padre Manuel Feijoo. Obra polifónica.

Falarei, pois, ao mei xeito, e apenas direi ren sobre datas e feitos que vós coñecedes dabondo e mellor ca min, porque vivistes cabo del e talvez de forma máis espontánea a súa compaña e amizade.

E antes de seguir adiante, quero facer unha aclaración necesaria ou cando menos oportuna. O libro que hoxe se presenta leva o título de Padre Manuel Feijoo. Obra polifónica. A publicación abrangue só a súa obra polifónica, non toda. E isto por criterios de crítica interna, de homoxeneidade do contido e porque, ademáis, “hoxendía corren moi malos tempos para la lírica”…Tendo en conta sobre todo esta última circunstancia e o que ela levou aparellado, faise máis cumplida a obliga dun forte e público agradecemento ao editor musical do libro, o amigo Carlos Núñez Deza, polo inmenso labor e tesón que puxo na edición, co agarimo que lle colleu o noso autor e coa mesma, pola dignidade e elegancia con que se presenta esta 1ª edición.

…No pobo de Outomuro, á beira da Terra de Celanova, a carón do “Polideportivo Piño Vilachá”, das Piscinas Munipais e nun recanto do antigo campo da feira, o concello de Cartelle, o do que están aquí presentes a súa alcaldesa dona Carmen Leytre e seu tenenete alcalde don Jaime Sousa , arranxou un lugar de lecer para os nenos. No monolito de entrada, os veciños e mailos visitantes poden ler : “Parque infantil P.Manuel Feijoo Sousa”( 1926-1992) medalla e fillo predilecto do concello, que paseu polo mundo o nome da nosa terra “. Na súa inauguración estivo presente e cantou o Orfeón Terra a Nosa.

En Santiago de Compostela, á beira do Complexo Deportivo de Santa Isabel, nun espacio ben amplo do sur do campus norte da Universidade, o concello desta cidade adicou un amplo espacio de convivencia cidadá e veciñal ao compositor cuxa obra maior vive no libro que hoxe ve a luz. Unha placa de bronce na fonte que está no medio de este espacio di: “Xardíns de Manuel Feixoo (1926-1992 ), franciscano e musicólogo, medalla de prata ao merito cultural e fillo adoptivo da cidade”. Na súa inauguración interviú a Banda Municipal de Santiago.

En Outomuro ( Ourense ) nacera o P. Feijoo. En Outomuro, a 15 kilómetros da ben chamada Casa dos Poetas - onde tiveran vecindade Curros Enriquez, Lamas Carbajal, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luis Méndez Ferrín e o malogrado cineasta Carlos Velo - alá naceu no ano 1926 o noso compositor e director, o noso frade. E morreu aquí en Compostela no 1992… sendo a súa vida, entre unha data e a outra, un cotinuo tecido de senlleiras hipotenusas coas que xunguiu todos os lados do mapa xeográfixo, humano, relixioso e musical de Galicia, tanto da interior como da exterior, o que fixo sinxelamente artellando a súa vocación de franciscano coa de artista, co amor á nosa terra e á nosa lingua.

Porque o P. Feijoo non só fixo música: con ela facía sobre todo Harmonía: alto, delgado, fachendoso, flequiño bohemio, espíritu intenso e o soriso coma diapasón, cando saía polas rúas compostelás, cousa que aconteceu durante 26 anos e decote, semellaba unha batuta que armonizase ao seu movimento tódalas xentes que encontraba oa seu paso e que disfrutaban incansablemente das súas apertas e conversas, sempre franciscanas, sinxelas e ledas. Neste sentido todos vós tivestes a sorte e o agasallo de estar ao abeiro dun home que trascendía a ideoloxía e só repartía o zume do evanxeo dos pobres, dos homes de ben, do home e a muller unversais.

O P. Feijoo non só fixo música, el facía tamén arte dramática e psicoloxía no pentagrama, e así, por exemplo, vemos cómo os Kyries da Misica Galega amosan o berro máis arrepiante que poida saír da angustia dun home de fe; cómo a Nana para un neno esperado esconxura a tenra brisa de volvoretas que araña as emocionadas entrañas da paternidad cumplida, ou cómo o Canto do Peregrino converte a chuvia de Santiago, “laio de pedra e cristal” de García Lorca, nunha Compostela que ha ser sempre “Camelia branca no ar”.

Pero, non podía ser doutro xeito, o P. Feijoo tiña tamén defectos, un deles, o máis grande, era o mal costume, ese mal costume, de roubarlle o corazón ( ás veces tamén a carteira… ) a calquera que se atopase e quedárselle con el. E isto facíao non tanto a man armada, canto a catro mans. As dúas del, a outra de frade e a outra a de artista intuitivo:

Debeu de ser alá polo ano 1956. En Herbón na Festa de Santo Antonio. No ofertorio das misas solemnes adoitaba interpretar ao armonium e en clave festiva unha das sonatas que formaba parte da colección de sonatas de Mozart que lle tiña regalado súa nai adoptiva, a tía Isaura, da que tamén tendes oído falar. Pois ben, aquel ano non foi así. Chamou cabo del a un neno duns 12 anos, era fillo do mestre director da Banda de Padrón, don Tomás Beteta Yarza, e de contado ámbolos dous puxéronse a interpretar a catro mans a Obertura de Poeta e Aldeano de Suppé. Nin que decir ten que as fusas e semifusas da partitura comezaron a non para quietas nos teclados, rebotando brincadeiras e admirables no sentimento de todos os seminaristas, frades e fieis que alí estabamos. Non se aplaudiu porque daquela aínda estabamos en Trento. Pero foi así cómo roubou para o piano e mailo órgano, entre outros, a dous bós exorfeonistas e logo colaboradores seus: Alfredo Vega, Pedro Cerecero...tamén a Anxo Viro, a Domingo Barreiros, Manuel Pérez, Tarsicio Rodríguez e vel-aí. E isto de roubar e a catro mans, facíao a cotío e co entusiasmo contaxioso con que el adubaba sempre cantas persoas disfrutaban ou precisaban da súa compaña e axuda, xa fose esta espiritual ou mesmo material, sendo por isto último, coma o seu San Antonio, acubillo de mozos e ancianos, de pobres, enfermos, sanos.

Xa que logo poderíamos seguir debullando polo miúdo anécdotas e anécdotas, feitos e feitos, pero non o imos facer, porque todas elas levaríannos á mesma categoría, ésta: O P. Feijoo foi un musicólogo franciscano que pasou pola vida traballando o reino das metáforas e do símbolo musical para somentes quedarse de vez no mundo Consistente, pois el, como Göethe, sabía moi ben que “ a arte é por demáis o mediador do “Incomprensible”…

Remato. Amigos e irmáns do Padre Manuel Feijoo, señores exorfeonistas do Orfeón Terra a Nosa: algo a modo de consello. Cando teñades nas mans o libro Padre Manuel Feijoo. Obra polifónica, que ao final deste acto se vos vai agasallar, facede como fixo Deus no libro da Xénese: botade paseniño o voso bafo sobre as suas tapas e as súas follas e veredes, entón, cómo pouco a pouco o mundo misterioso das súas melodías e autoría cobrarán vida de novo; as vellas lembranzas dun tempo inesquecibel voltarán a camiñar ergueitas pola vosa realidade presente e agradecida, e todos lograremos así que esta obra faga que o Padre Manuel Feijoo Sousa “viva mil primaveras máis” cabo de nós.


(Enrique Mourille Feijoo é sobriño do autor e impulsor da edición).
Mourille Feijoo, Enrique
Mourille Feijoo, Enrique


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES