Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A 'Cagadiña'

martes, 18 de febrero de 2014
Hai algúns meses, poucas semanas despois da apertura da autovía que agora nos mantén ós celanovenses comunicados co mundo, coincidindo con diversas xentes do ámbito da cultura en Santiago de Compostela, un dos anfitrións do acto ó que estaba convocado, cando me 'cumprimentou' con amable saúdo de cortesía, díxome algo así como que “agora xa non terás desculpa ningunha para chegar tarde a Santiago”, para, de seguido, facer unha broma que no fondo non era tal, poñendo en dúbida a rendibilidade económica dunha obra que el e algúns máis dos que se deran cita no preludio do acto ó que estabamos convocados consideraba que non se debería ter executado porque nos tempos que nos tocan vivir, xa se sabe, se a unha cadela non se lle quita de rendemento cadela e media, a cadela non debe ser investida.

Eu, nun principio recibín o envite con paciencia franciscana, pero ó pouco tempo de iniciada a conversa reaccionei e decateime de que o lugar de onde era orixinario o meu contertulio tamén había poucos anos que lle chegara á porta unha autovía sen ser este capital de provincia nin nada que se lle parecera, e entón agardei coma un can de perdices a que aparecera a presa e espeteille: “Pero, cando a autovía chegou á túa vila non protestaches. Non si?”

O certo é que o home non tivo máis remedio -moi ó seu pesar- ca darme a razón.

Desgraciadamente, por moito que aquel meu colega de conversa se vise na obriga de pechar a boca, este comentario -ou esta opinión- continúa a ser recurrente nalgúns foros mesmo da cidade de Ourense. E no colmo do papanatismo máis absoluto, incluso lla teño escoitado a xentes de por aquí, directamente beneficiarias dela. Xentes que, sen embargo, nada dixeron cando a A-52 tiña que ter transcorrido, dende Xinzo de Limia ata a Cañiza polas Terras de Celanova, porque a administración tería aforrado uns 40 quilómetros de trazado que darían para un ramal cara a capital coma os que agora hai cara Valladolid, Zamora, Salamanca, Ávila ou Segovia e que achegarían Vigo da Meseta en máis de media hora.

E dirá vostede que por qué se me acordan a min agora as obras dunha ou doutra autovía?

Pois acórdanseme ó fío da falcatruada con ritmo de sardana e forma de barretina que veu pronunciar a Compostela o vicepresidente do goberno catalán, Francesc Homs, poñendo unha vez máis en solfa a chegada do AVE a Galicia. E esta vez diante das nosas propias narices sen que lle caera a cara de vergoña, o cal xa é a repanocha.

¡Home! ¡Home! ¡Ata aí podiamos chegar, señor Homs! Está ben que lle importe un carallo esta terra e mesmo que nos queira ver dende a distancia como uns "coitadiños" de terceira. Pero entón, "si us plau", abstéñáse de vir botar a "cagadiña" nela.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES