Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Para ler e, se vale a pena... reflexionar

viernes, 14 de febrero de 2014
A nosa sociedade de consumo élles moi complexa. Estamos tan enfeitizados con iso de manter as aparencias e gozar do presente, que non nos queda outro remedio que acelerar a vida, dilatando o presente a conta do pasado e do futuro.

A socióloga polaca, Elzbieta Tarkowska, fálanos do “home sincrónico”, que, segundo ela, vive exclusivamente do presente, non fai caso as experiencias do pasado e tampouco lle preocupan as consecuencias futuras das súas accións. Di que a cultura do presente favorece a velocidade e a eficacia, non a paciencia nin a perseveranza.

Nosoutros preguntámonos por que -e parécenos que algunha explicación podemos encontrar- esta sociedade de consumo nos leva a consumir, non tanto para cubrir necesidades, como para manterse nas aparencias, pois moito do que tiramos ao cubo do lixo, en sentido metafórico, seguiría valendo, se non houbera que seguir a moda, que é a raíña das veleidades. (Non exceptuemos a crise, en canto consecuencia desta sociedade, que non impide as mesmas prácticas tan pronto aflora algún recurso).

Sen embargo, segundo unha opinión abondo xeneralizada, se non o facemos así, aprémanos unha sensación de ridículo e ata nos sentimos marxinados. Adoita dicirse que non parece conveniente saírse do común, sexa razoable ou non. Comprácenos máis gabarse nas burbullas da corrente que aterrar na marxe.

Pero tampouco se pode poñer todo no “haber” das aparencias, xa que a economía deste modelo de sociedade esixe que o diñeiro circule para manter o mesmo nivel de benestar. Xustamente por isto, os consumidores teñen (temos) que espelilo, facer que estea en constante cambio dunhas a outras mans.

Así se explica que aquelas persoas que lembramos ós consumidores de antano comprando só para atender, na medida das súas posibilidades, o necesario, e que mantiñan a mercancía ata que non servía, sentimos un certo desconcerto e desaxuste nos nosos esquemas lóxicos.

O primeiro que se nos ven ao maxín é se o consumidor que compra só para cubrir a súas necesidades é -hoxe en día- un perigo para a estabilidade económica desta sociedade, sobre todo para os mercados, aínda que isto sexa equivalente a considerar a sensatez unha rémora para os mesmos.

Desta maneira, sen dúbida, está pensando Bauman cando se pregunta se non prima realmente o fortalecemento da DEMANDA antes que a mesma satisfacción das necesidades fundamentais, xa que sen que os supermercados, as tendas de roupa, os hostais, as fábricas de coches, as vendas de material de construción, os comercios, os servizos crediticios (outra vez!)... estean ateigados de compradores, non hai posibilidade de manter a prosperidade dunha sociedade consumista.

Polo tanto, comprar, usar por un tempo imposto polos creadores de modas e, logo, tirar ao lixo, ven a ser un imperativo social, político e económico do noso tempo. E aquí estamos, cadaquén facendo os seus equilibrios.

As consecuencias non contan, porque, como dixemos, o futuro queda asolagado polo presente. Isto explica que nada máis comprar, por exemplo, un ordenador, se acerque á mesa de traballo unha neta de poucos anos e che diga que es un carca, porque xa hai outros modelos máis recentes: Expresión dunha mentalidade xa forxada na súa época, acompañada do correspondente talante.

Esta desenfreada é a que reina nas sociedades de consumo e cando se lle aplica o freo prodúcense unha serie de perturbacións en cadea, inducidas, ata o estremo de que, incluso os que se manteñen nunha situación límite para atender as necesidades básicas, senten o desasosego de ter que quedarse co adquirido dende hai algún tempo, que xa non viste.

Pero algo está funcionando pesimamente, porque, neste presente voraz, os que carecen de medios para sosterse nos mínimos humanamente aceptables, acoden avergoñados aos servizos asistenciais, públicos e privados, e tamén á rebusca no lixo daquilo que necesitan para atender as necesidades que verdadeiramente apreman; aínda que a vergoña debería de andar máis apresurada noutras facianas, sen descartar as propias: O sentido da responsabilidade tampouco está no lugar que lle corresponde.

Consecuentemente, no seo desta barafunda consumista en que nos encontramos, a nivel incluso global, xorden unha serie de contradicións e esixencias paradoxais desconcertantes, porque, como queda dito máis arriba, a prosperidade dunha sociedade de consumo está sostida polo movemento do diñeiro dunhas mans a outras, coa maior rapidez posible.

Pero isto esixe que as mercancías deben renovarse nun curto prazo de tempo, desbotando unha cantidade delas completamente utilizables, o que equivale a desaproveitar socialmente moitas horas dun traballo destinado a cubrir producións só suxeitas ás volubilidades do momento, e do que se prescinde cando un refacho cíclico abanea a feble estrutura económica.

É dicir, os consumidores, realmente, vivimos para fabricar, adquirir cousas e desfacerse delas, para que desta maneira creza o produto interior bruto; pero non sen consecuencias: Hai que introducir o factor “estar de moda”, eludir iso de ser carca, para impulsar a renovación do adquirido.

O profesor de Antropoloxía Social, na Universidade de Oslo, Thomas Hylland Eriksen, aborda todo o que comporta esta présa -que afecta ás nosas sociedades actuais-, definíndoo como urxencias atafegantes, cun pasado e un futuro ameazados polo que el chama “tiranía do momento”.
E non se queda curto en premonicións, segundo unha cita que recolle Bauman, na que di literalmente: “Hai indicios moi claros de que estamos a punto de crear un tipo de sociedade onde vai ser imposible ter unha idea que ocupe máis de cinco centímetros”. Eu, modestamente, engadiría que o problema non é dispor de máis tempo para concibila e espazo para expresala, senón para reflexionala.

Pois ben; esta présa inquieta á mesma tranquilidade familiar e urxe a posta ao día dunha serie de cousas, que, por comportar esixencias económicas innecesarias e insoportables, soe, moitas veces, desencadear violencias inusitadas.

Esta é a razón que move a Z. Bauman a preguntarse en que medida é feliz o home / a muller neste sistema social, apuntando, a modo de contestacións, entre outras, algunhas reflexións que deberían ser merecedoras dunha sosegada reflexión, e que confirman que, sen dúbida, tamén impera o desacougo na sociedade de consumo.

Como as xornadas laborais son moi prolongadas polas necesarias horas extraordinarias, reducen as relacións sociais, deteriorando incluso as familiares, e alimentando a desconfianza de que as cousas non marchen tan ben como se percibe neste intre do presente, porque a sensatez non está sempre ausente a hora de apremar, acusadora, as conciencias.

Pero non podemos apearnos deste sistema económico, que propicia dilapidacións e excesos, incluso, a veces, adobados con enganos. E, sen embargo, e como paradoxo, é precisamente isto o que garante que tal modelo de sociedade sobreviva. Como di un estudoso, “para manter vivas as expectativas... o camiño dende a tenda ao cubo do lixo ten que ser curto e a viaxe rápida e fluída”.

Creamos un ambiente dunha satisfacción tan estraña e vacilante, que non queremos que veña o futuro a cuestionalo: Hai que evitar un horizonte condicionante. E o pasado tampouco, porque nel incoamos os proxectos, que son un inconveniente para navegar á deriva no presente e poder barallar toda clase de opcións: Hai que romper coa continuidade suxerida.

Obviamente, os que non queren, ou non poden, soportar esta présa nos cambios, polas razóns que sexan (sobre todo as económicas), só lles queda a bebedela, a drogadicción e a marxinación social.

Nesta liña crítica e analítica están situados un número importante de estudosos actuais das temáticas sociais e da antropoloxía social. Como exemplo das súas contundentes opinións, permítanme que lles traga aquí unha extensa cita de Joseph Brodsky, poeta, Premio Nobel de Literatura 1.987, xudeu, nacido en 1.940 en Leningrado e falecido en Nova Iorque, en 1.996.

Tivo este xudeu, coma moitos outros, unha vida complicada e foi autodidacta. Pero penso que as súas vivencias deberían interesarnos, e por iso seleccionei unha cita do seu libro “Del dolor y la razón” (Destino, Barcelona, 2000), páxs. 107-108, que non ten desperdicio e di, no marco da temática desta colaboración, o seguinte:

“Vostedes aburriranse do seu traballo, dos seus esposos ou esposas, das súas amantes, da vista que se contempla dende a súa xanela, do mobiliario e do papel pintado da súa habitación, dos seus pensamentos, de vostedes mesmos. En consecuencia, vostedes mirarán de idear vías de escape.
Aparte dos aparatos de autogratificación antes mencionados, é posible que traten de cambiar de traballo, de domicilio, de empresa, de país, de clima...”.
Nada debe estrañarnos, porque incluso podemos cambiar algunhas cousas do noso corpo que non nos gusten!. Aquí teñen sentido estas palabras de Pascal, escritas hai uns catrocentos anos: “a única causa da infelicidade do home é que non sabe como quedarse tranquilo na habitación”. Quen lle dixera naqueles seus tempos que ían ser proféticas!.

E créanme. Introducir correccións neste modelo de sociedade, sen caer en atavismos locais e singularizados, esixe respostas globais: Sería mester corrixir por arriba -e tamén por abaixo- dos niveis nacionais, unha tarefa inconcibible por agora, se non a impoñen as crises consecuentes, que parece que seguirán aflorando como os respiradoiros nas represas.

Nunha obra de Anthony Giddens, titulada “Un mundo desbocado”, lembro ter lido este chiste que serve de metáfora aos riscos que nosoutros non somos capaces de evitar, porque nin tan sequera os concienciamos á hora de crealos e porque non nos interesa o futuro, que é onde son operativos.

Un home, que saltou dende a azotea dun rañaceos de moitos andares, aproveitando o seu paso por diante de cada xanela, dicíalle a xente que estaba dentro: “Por agora vai ben, por agora vai ben, por agora vai ben...”. O risco de estrelarse contra o solo non o contemplaba, porque iso pertencía ao futuro, que condicionaba o seu estado anímico. E, sen embargo, estaba determinado. Acaso non estaremos nós tamén gravitando cara ao solo (que eludimos mirar) deste edificio que nos construímos?.

“AGOIREIRISMO... CATASTROFISMO...!!!.” -soan nos meus oídos-; pero ampárome na autoridade dos intelectuais aquí citados e de moitos outros, entre eles de Hans Jonas, que aconsella, aos habitantes da “era da incerteza,” que se fíen máis das sombrías premonicións dos “agoireiros” que das palabras tranquilizadoras dos promotores da nova e feliz vida de consumo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES