Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡Pois mollémonos!

viernes, 07 de febrero de 2014
Tan pronto rematou o acto e nos dispuxemos a saír do anfiteatro do Teatro Principal, aínda sen pretender escoitar os comentarios que a xente -coñecida ou non- podía facer na apretada 'procesión' cara o vestíbulo, a casualidade quixo que recibira un protagonizado por dous representantes do sector económico, que me fixo exclamar para os meus adentros: ¡Xa estamos co noso secular negativismo!

O caso é que -sen me deter en detalles literais- o que oín foi máis ou menos isto: '¡Home!, a proposta é ambiciosa e parece estar ben traballada, pero, ¡son moitos millóns de dios!

Como pode supoñer, benquerido lector, do que estou a falar é da presentación do Plan Termal que por encargo da Deputación e da Xunta redactou un equipo de profesionais dirixido polo arquitecto e experto consultor no ámbito do turismo termal, Mario Crecente, que aínda que é lugués de nacencia e coruñés de vivencia, a forza de ter participado activamente en proxectos dunha e doutra beira do río Miño hai xa unha manchea de anos que lle ten ido crecendo unha póla de ourensanía na súa leira profesional, que eu propoño que se lle outorgue completa se é que o Plan comeza a abrollar economía por esas mesmas surxencias e mananciais polos que hoxe só sae auga máis ou menos quente.

Pode creme, benquerido lector, que o comentario que escoitei xusto á saída do acto non superaría o chanzo da anécdota se non fose porque ó día seguinte -é dicir, para vostede, onte- as declaracións que lin (e mesmo o tratamento informativo que vin que lle deron outros medios -que non este-, relegando a información a un mero titular de columna) non reforzaran esa teoría que hai tempo que manteño e na que desgraciadamente cada vez me reafirmo máis, de que o peor problema que temos os ourensáns, ademais de tódolos esóxenos -que evidentemente tamén axudan-, é un problema de estado de ánimo. Mellor dito, de negativo e escéptico estado de ánimo.

É certo que teñen sido moitos os plans estratéxicos, proxectos de futuro, programas turísticos, etc., etc., que teñen sido presentados e que deron como rendemento o mesmo que supón botar -nunca mellor dito- auga nunha cesta. É certo.

Ora ben, se por primeira vez en moitos anos chega un equipo técnico de aquí e nos di -en ¡1.130 páxinas!- que levamos séculos ciscando un recurso do que podemos vivir, qué menos -digo eu- ca concedérmoslle un mínimo de tempo. E se nos piden que nos mollemos, pois mollémonos -aínda que sexa timidamente-, empezando por crer nel e sen botarlle mal de ollo, que á fin e ó cabo vainos custar o mesmo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES