Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Plaxio obrigado

jueves, 06 de febrero de 2014
“Non é iso, non é iso...!”(Ortega). Este filósofo español, ao que nunca lle estaremos abondo agradecidos de ofrecernos tan deliciosos, dixeribles e apetitosos pratos filosóficos, foi un desafortunado no Parlamento, onde, segundo din as crónicas da época, escoitábase con fruición, pero non se lle facía caso.

El manifestou o seu descontento e desacougo coa República cunha expresión epigráfica, que nosoutros nos permitimos copiar: “Non é iso, non é iso...!”. Que mágoa que hoxe non poidamos gozar dunha pluma desa categoría, que fora capaz de ofrecernos unha lección con non menos elegancia que contundencia argumental, porque materia si hai para facelo.
Xa que o talento, a virtualidade literaria e os contidos intelectuais non se poden improvisar, cando menos permitan o ensaio dalgúns plaxios, máis ou menos borrosos e faltos dun desenrolo rigoroso, para extrapolar aquela decepción orteguiana ao noso contexto socio-político.

“Non é iso, non é iso...!”, porque non parece serio que un partido político convoque unha convención para buscar un ambiente cunha disposición psicolóxica colectiva propicia ó autobombo, anunciando a boca chea uns éxitos que só corresponden a unha importante maioría do pobo, non a TODO o pobo, como afirmou o Señor Rajoy, sabedor de que un grupo privilexiado do mesmo non puxo os ombros ao servizo da comunidade, senón que incluso segue mantendo unha diferenza insolidaria.

“Non é iso, non é iso...!”, porque non son cribles as caras de avinza dos asistentes, cando o peso do radicalismo gregario enerva a manifestación de desacougos, estendidos noutras situacións, dando testemuña do contrario. Si..., dando testemuña do fracaso do paro e da caída dos contribuíntes á Seguridade Social, aínda que se prodigaron todos niso da unión, por aquilo de manter prebendas económicas. En canto a unión política ... xa se sabe, dime de que presumes, que eu ben sei de que careces.

“Non é iso, non é iso...!”, porque o honesto, e eu diría que o académico, nestas xuntanzas sería empezar pola autocrítica, xa que é moito máis importante debater os desacertos, reflexionando sobre as causas, que sacar á luz pública os éxitos, que se xustifican por si mesmos.

“Non é iso, non é iso...!”, porque as críticas aos adversarios é perder o tempo, en canto que, para todos, as discrepancias son presupostos ben sabidos da mesma existencia dos vínculos que xustifican a xuntanza dos asistentes á convención; son, xustamente, a razón de ser da ideoloxía que posúe calquera agrupación política partidista. Así pois, esa razón deslexitima que o Señor Rajoy dedicara máis tempo disparando ao aire que á presa.

“Non é iso, non é iso...!”, porque en toda España, os cidadáns, estamos ata a coroa dos ataques á etapa socialista, e xa sabemos que vostede, Señor Presidente, levou oito anos na oposición e non foi capaz de coñecer nin tan sequera a situación económica dalgunhas autonomías do seu partido.
Porque...quen ignora, se non é da grea, os despropósitos socialistas?. No é mester recordalos, se non é para ocultar os seus incumprimentos, porque a reiteración descobre a súa incapacidade para cumprir o que nada ten que ver co herdado... que non é pouco!.

“Non é iso, non é iso...!”, porque non debería ir a Valladolid para repetir aquilo de “España va bien”, deixando baleiro o espazo para a presentación dun programa realista de futuro, e sen explicar os cambios de fondo que necesita a estrutura administrativa do país, dos que falou nos primeiros tempos con tanta profusión. Non estaría mal tampouco que aquí dera a coñecer o seu proxecto para que os poderes do Estado gocen de verdadeira independencia. Ou non lle interesa?. Entón, por que na oposición se sentía tan molesto con esta cuestión?.

“Non é iso, non é iso...!”, porque os españois non podemos confiar na súa literatura respecto da pretensión secesionista catalán. Necesitamos coñecer a súa decisión firme de non seguir permitindo, polos medios legais que sexan pertinentes para a súa aplicación, a confusión da que están sendo vítimas os cataláns, e coñecer os seus pasos dados, e a dar, en tal sentido, para evitar que un día poida amañarse unha componenda (outra doutrina Parot!), que confunda a CONSTITUVIDADE HISTÓRICA de España, que é esencial, coa CONSTITUCIONALIDADE xurídico-política, que vostede ten a obriga de coidar, en evitación da “taifanización” de España.

“Non é iso, non é iso...!, porque Eta non está derrotada, e, se así fose, a vostede estalle gañando a batalla, coma o Cid Campeador, despois de morta. As resonancias de mendigar apoios de partidos políticos que, por natureza, están desvinculados dos intereses do Estado, empezan a vigorizarse, e estamos empezando.

“Non é iso, non é iso...!”, porque os españois necesitamos homes de altura, recios, cunha visión clara dos problemas e vontade firme de resolvelos, non só excelentes opositores. E, lamentablemente, non parece que o discurso de clausura da convención estea nesa liña. Aquel TU – lembren – que é un EL... (con pausa calculada!) semella un recurso literario para disimular dous ou tres días de propaganda orquestrada, sen contidos, que debían ser de obrigada oferta aos cidadáns.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES