Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

30 anos con A Quenlla

miércoles, 05 de febrero de 2014
Xa van alá 30 anos de cancións, de recorrer Galicia e todas esas terras onde Galicia está presente. A Quenlla celebra tres décadas de “amor, dor e loita” e faino alentada polos amigos de sempre: Alfredo Garrido como produtor, Xulio Xiz e Alfonso Blanco como alentadores de músicas e poesías e un crítico da talla inmensa de Xesús Mato (incombustible musicólogo e humanista).

Con este consello de sabios Mini e Mero seleccionan coidadosamente 26 cancións inéditas para un dobre disco que nos trae moitas das músicas que levan anos formando parte do seus directos dos que, por certo, saiamos con ganas de ter en cd cancións como “Carlos dos Santos” de Xosé Lois García, “Penélope” de Díaz Castro ou “Abril de lume e ferro” de Manuel María, todas elas musicadas por Mero.

No disco atopamos, tamén, cancións novas que chaman a atención facéndonos cavilar como “Carme ti nós” de Lois Diéguez , na que o recordo e a nostalxia se fan amor en cada verso. O disco ten moito de saudade, dende ese precioso “Quero voltar para Porto” ata o recordo alegre ao humanista Bernardo García Cendán, que nos deixou fermosos poemas como “Dime quen te foi pescar”.

A Quenlla recunca no seu credo de sempre e faino con firmeza e utilizando a verba para denunciar que a nosa Penélope segue engaiolada nas teas de sempre con continuos retrocesos e enganos que nos adormecen na falsidade. Contra isto, A Quenlla permanece na terra porque é terra e non pode deixar de teimar nela para agromar o porvir; mais agora, está claro que nunca estiveron, nin estarán, sos nesta teima senón que os rodea un amplo exército de poetas que esnaquizan ermos coa palabra que eles erguen en voz para espallala polos puntos cardinais dunha terra que merece ser outra cousa.

Na voz de A Quenlla veñen espertando moitos corazóns dos que bebemos futuro en cada concerto, en cada reflexión que Mini e Mero fan ao redor de poetas xa inmortalizados en cancións. Para min, cada concerto destes merlos da Terra Chá ( como lles teño chamado nalgunha ocasión) é unha inxección de esperanza e autoestima que consegue que o optimismo volva recorrer o corpo e a alma ata tecer un pensamento que nos di “pode ser, agora, pode ser”.

Despois de 30 anos temos ganas de máis, porque sempre conseguen sorprendernos, porque nos traen vellas saudades coas que viaxar nun recordo que alenta futuros e porque moitas das súas cancións xa son himnos que compoñen a nosa vida. Á Quenlla pasoulle como a aquela copla de Martín Fierro, as súas cancións representan tanto para tanta xente que xa son do pobo e coido que este é o gran orgullo que poden levar no corazón humanistas da música como Mini e Mero.

A Quenlla agasállanos con 26 cancións nas que se deixa sentir o recordo dos mellores directos. Este é un traballo de anos, rodado e perfeccionado en moitos lugares de Galicia nos que estes músicos deixan as esencias da voz e da palabra. Por iso, cómpre agradecérllelo e pedirlles que sigan dándonos ese canto dos poetas que nos alenta.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES