Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na bandeira unha estrela e no bico un cantar

martes, 21 de enero de 2014
Antón Seoane vén de publicar un libro co evocador título “De Voces Ceibes a Milladoiro” que é un exercicio memorístico imprescindible para coñecermos as orixes e artellamento do movemento popular da canción galega. Hai corenta anos! É de agradecer o esforzo que fixo para recuperar do faiado da memoria datas e feitos agora migalleiramente relatados. Foi curta a súa vida – 1973 – 1978 -, pero intensísima en actividades, que el mesmo resume asi: “Cinco anos que semellan esquecidos e que, non obstante foron ricos como espello dun tempo de cambios e un certo sentido, testemuño dunha orde de cousas que esmorecían e outras que empezaban a súa singradura. Concordo totalmente.

Efectivamente, remataba o ciclo protagonizado polos cantautores que se aglutinaban baixo o nome de “Voces Ceibes”; movemento musical que xorde a fins dos anos sesenta, inspirado na “Nova Canço” nos círculos universitarios composteláns vencellados ao Partido Comunista. Non conectaban coa tradición e gustos das nosas xentes pola música popular.

Foron, como di Carlos Méixome no prólogo do libro, anos transcendentais para recuperar a autoestima e construír formulacións políticas propias. Houbo que reorientar moitas dinámicas e artellar un discurso capaz de avivar o sentimento de galeguidade do pobo galego. Este labor fíxémolo os da UPG da que fun cualificado dirixente e activo impulsor da súa fronte cultural.

O libro ofrécenos un relato rigoroso do que aconteceu naqueles anos.Dou fe. Daquela a UPG cismaba na necesidade de dotar á ANPG, un organización de masas, dunha bandeira e himno propios. Fun eu o que máis fincapé fixo. Esta intrahisoria cóntaa tamén Antón Seoane no seu libro, que dito de paso é o noso compositor de proxección universal do nacionalismo musical. Pero non está de máis que eu a complete. Preguntei se entre a nosa xente tiñamos alguén capaz de compoñer o himno. Axiña que souben que Seoane estaba disposto entrevisteime con el para explicarlle o obxectivo. Entendeuno de contado e puxo mans á obra cunha condición: que semanalmente nos vísemos no seu piso da rúa Fernando III O Santo en Compostela para “supervisar” a composición. Así o fixen. Os primeiros compases foron para a primeira estrofa: “Obreiro é hora xa / labrego para ti tamén/ que pide a patria/ tódalas mans./Dos portos a túa voz/ virá mariñeiro irmán/que xunto a nosa/ vencerá”. A letra era moi épica do estilo poético de Ramón Cabanillas.

A primeira vez que se cantou ese himno foi na manifestación de presentación da ANPG en Monforte en 1976. Manifestación que preparei minuciosamente valéndome dun mapa cartográfico para evitar na medida do posible as consecuencias das actuacións policiais. Era a primeira vez que o nacionalismo galego demostraba a súa capacidade de mobilización popular.

Foi aí onde, ademais, se enarbolaron por primeira vez bandeiras galegas con estrelas vermellas de cinco puntas, hoxe tan popular, que, por certo, eu deseñei no meu domicilio da rúa do Medio de Santiago. A divulgación fíxose tamén a través de chaveiros e insignias fabricadas en Portugal. Esta é a historia da creación deses dous símbolos que os historiadores oficiais do nacionalismo non contan.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES