Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir no rural: unhas faíscas

jueves, 09 de enero de 2014
Non se escatiman as críticas aos políticos, entre outras razóns, porque onde poñen as mans deixan pegadas, e cando o fan no campo, no rural, deixan ostentacións. Si, tamén fan cousas ben feitas: só faltaría ...!; pero, aínda que moitos deles naceron en aldeas, ou teñen complexos ou da a impresión que pasaron por elas de puntillas.

Convén facer unhas referencias históricas, porque a poboación rural tivo tempo de sedimentar algúns feitos do pasado que os políticos de agora parecen descoñecer, e isto trae consecuencias transcendentais para levar a cabo unha política adecuada, sobre todo demográfica; mais tamén, claro está, económica e de acerto nos parámetros que conforman un necesario ambiente confortábel, sen esquecer os factores psicolóxicos que favorecen un certo individualismo, que debería ser unha condición a ter en conta a hora de introducir innovacións, porque a contextura social histórica dos pobos rurais é dunha firmeza consecutiva non facilmente quebrantábel.

Lembran vostedes, acaso, o sentimento de angustia da CREPA das primeiras décadas da Ditadura...?. Vaiamos por pasos. Os labregos, que tiveron que deixar incorporar as novas xeracións ao exército para atender as necesidades militares da Guerra Civil, soportaron, a unha idade moi pouco apropiada, as durísimas labores do campo para seguir resgardando o corpo dos rigores do inverno e poder, como adoitaban dicir, levar unha codia de pan a boca dos netiños ( a seu cargo) e, se quedaba algo, a propia.

Vestiron mal, incluso as xentes da miña idade recordarán como as mesmas rapazas dalgunhas familias numerosas, destecían as sacas de azucre para facer xerseis, que logo tinxían nunhas caldeiras da colada, cuns pos que compraban nas tendas e botábanlle pelas de bieiteiro e carballo, para fixar a cor, dicían. É anecdótico, pero triste, e, a vez, debera servir de adoutrinamento reflexivo, porque, como di D. Eugenio D`Ors, a anécdota feita categoría non é un suceso fortuíto, senón unha expresión cultural consecutiva e sentenciosa.

Pois ben; estes homes do campo, encalecidos polo escabroso do seu traballo, empobrecidos, desdentados e incluso algúns tuberculosos por famélicos, estaban obrigados a acudir ás oficinas municipais para declarar as súas colleitas: trigo, millo e patacas e ata tiñan que pagar polo sacrificio dun cocho.

E nos axuntamentos, con base nestas declaracións, asignábanlle un quiñón de varios quilos a cada produtor ( a CREPA!), que tiña que entregar nos depósitos municipais; pero ao axuntamento correspondíalle tamén unha asignación que, cando a cubría, o trigo, millo ou patacas sobrantes ían a unha casa de confianza e logo vendíanse a prezos de estraperlo abusivos e os ingresos repartíanos, en sixilo, os empregados que andaban na danza.

Sabedor o labrego disto, e sen poder corrixilo, na próxima declaración mentía e declaraba menos. Sen embargo, os beneficiados saían sempre cubertos, porque, dándose conta disto, aumentaban a porcentaxe do quiñón.

Ata onde isto se consentía a nivel provincial non se sabía: delatar certas persoas era perigoso.

Con outra clase de impostos e tributacións pasaba o mesmo. E como en aquel entón os corpos de seguridade contaban con moitos membros, sempre dentro deles había algún que coaccionaba ao labrego cunha sanción por calquera incorrección (unha bicicleta sen timbre, un ameneiro tronzado nunha finca propia para facer zocas, un cocho sacrificado sen permiso, etc.), que servía de desculpa para apañarlle uns ferrados de trigo, que se prometían pagar, pero nunca se facía, porque a reclamación podía desencadear un falso comiso.

En fin..., o pobre do labrego tiña que traballar para todos e el comía pan de millo, leite callado, porque había que vender a manteiga, e do cocho comía o peor, pois o entrecosto había que levarllo ao médico e vender os xamóns para comprar os ranchos do ano seguinte.

E moitas máis cousas se poderían traer aquí para que os lectores das últimas xeracións se fagan cos elementos que foron conformando unha mentalidade nas xentes do campo de extrema desconfianza e receo, pero espero que estes exemplos sirvan de abonda orientación.

E, con esta mentalidade, entraron nos mellores tempos, cos conseguintes complexos. Pero agora escóitenme: Hai uns anos un grupo de técnicos dá unha charla sobre diversos temas relacionados co campo. Cando acabaron, despois de explicar moi ben o que se debía facer nel para acadar unha boa situación económica, a este modesto escribidor ocorréuselle preguntarlles en que fundamentaban os seus asertos e consellos, para que non se pensara polos alí presentes que se trataba dun novo proxecto orquestado para seguir mareando a perdiz, confundindo ao paisano. E engadín:
Por exemplo, hai uns anos que vostedes aconsellaban pequenas explotacións gandeiras, unhas quince vacas, pouco máis ou menos, así adaptadas ás esixencias destas terras; logo informaron que unha explotación con menos de cen non era rendible, e cando moitos paisanos se embarcaron con cuantiosos créditos, reducíronlles o quiñón da leite.

Contestáronme que iso fora certo, pero (coma sempre...!) quen tivera a culpa fora o mesmo labrego, porque non declarou a verdade da leite que producía na súa explotación, que era moita máis, e tomouse esta declaración como referente na CE.

Curioso...!. E vostedes (que algúns incluso son do campo) aínda non se decataron de que ao labrego, cando lle piden esas declaracións, el sempre pensa que son para colgarlle un imposto?. Sen embargo, cando desexan palparlle o peto, ata descobren a pintura dunha cheminea ou se obstinan en que un cabanón reparado dos danos dun furacán, con subvención oficial e inspección conseguinte das obras realizadas, é unha edificación nova.

É que dende que se meten nos despachos, acompañados de xefes políticos que non saben nada, nin lles importa de que vai a cousa, os técnicos parece como se adquiriran ademáns e comportamentos reactivos cara o rural. Si..., poñen botas e unha clase de casacas militares para cubrir o ritual, e esquecen que son membros dunha estrutura de servizo, non de poder, e están lonxe de “consubstancializar” os verdadeiros problemas do campo.

Sen dúbida, a vida no campo cambiou moito para ben; pero aínda hai unha serie de insensateces que non a fan atractiva. Dilapidan en servizos innecesarios: Dúas piscinas a tres ou catro quilómetros de distancia, e logo, como non están climatizadas, hai que utilizar outras a bastantes quilómetros, incluso subvencionando os autobuses; edificacións públicas sen servizos, como escolas construídas onte e abandonadas hoxe, ás que non se lles soubo dar unha función integradora; plans xerais de ordenación urbana, con discutibles localizacións e sen considerar a funcionalidade, porque nas aldeas as edificacións teñen que cubrir necesidades non só sanitarias e de indispensables servizos, senón tamén, e principalmente, unha acertada estratexia que facilite as labores, por sobradas razóns de proximidade, para extremar coidados e vixilancias nas explotacións agropecuarias, etc.

Modestamente, penso que en vez de axustar a realidade ás esixencias teóricas de gabinete e de lucidez especulativa, non estaría mal que se fixeran esforzos para buscarlle asento a realidade dentro de marcos científicos adecuados, abrindo así camiño a unha regulación legal estable, que permita ao labrego saber en todo momento a que aterse, sen estar exposto as veleidades de políticos incompetentes e irreflexivos, que todo o embarullan. Basta a constatación das non poucas dificultades con que se encontran os alcaldes dos pobos rurais para conciliar o sentido común coas esixencias legais.

Porque, por outra parte, ¿como queren que as xentes se sintan cómodas no campo cunha regulación da biodiversidade incompatible cos medios de vida da poboación e unhas esixencias molestas que intranquilizan e perturban os traballos máis sinxelos?: Se desexan sulfatar unha pequena horta, teñen que dotarse do correspondente carné, matriculándose nuns cursiños, sen dúbida ineficaces e sen a conseguinte inspección; se posúen unha finca incluída total ou parcialmente na rede natura, prepárense para seguir pagando a contribución, pero cóidense moito do que fan nela, porque limitan o dereito de propiedade so un pretexto público infundado e irrelevante, etc.

E como proba da escasa eficacia, recordemos que, cando os ríos, por exemplo, estaban cheos de troitas, todos limpaban a súas fincas limítrofes sen reparos, e hoxe hai que repoboalos para garantir unha pesca virtual, que, segundo os que saben destas cousas, ten que alimentarse do que albergan os restrollos das árbores e ramaxes caídas, ou, cando menos, así o poñen de manifesto as vixilancias, sen tomar moi en conta, entre outros, os danos das cheas.

Outra perla: A escasa distancia dunhas casas, autorízase unha “reserva de caza”, e aí os xabarís, os corzos, lobos e outros animais salvaxes, sen excluír a sementeira de cobras, viven as delicias da tranquilidade, para saír de noite a facer toda clase de desfeitas nas fincas cultivadas e atacar aos animais domésticos.

Habería que pensar, pois, que razóns se poden dar como xustificativas de que moitos gandeiros e labregos teñan que sacrificarse para que outros gocen ás súas anchas dun deporte, que, se nada hai contra el, cando menos, esixirá tomar precaucións en evitación de prexuízos ós demais.

Habitualmente, os novos talentos e aqueles que pensan cambiar tantas cousas como as tiñan os nosos devanceiros, fan sempre o mesmo: Tiran a casa vella e vergoñenta antes de edificar a nova, e despois, desorientados, non saben moi ben que facer con esta.

Así, aceleradamente, no que dura unha lexislatura, prescíndese das estruturas vellas e introdúcense outras que, como son caras, xa non se sabe como inquietar ás xentes do rural para facelas asumibles economicamente e que sigan parecendo acertadas. Grazas á desaparición, por exemplo, das funcións das escolas rurais, aglutinantes da poboación, agora podemos divertirnos cos autobuses escolares recorrendo as estradas cunha vixiante e un ou dos nenos.

Concentracións, si; pero como dixo un Presidente da Xunta, “con sentidiño”. Acaso non tiñan vostedes prospeccións demográficas, ou puido máis o afán de innovar sen ton nin son?. Ah..., claro, non foron vostedes, foron os outros!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES