Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Prohibir a convivencia

miércoles, 08 de enero de 2014
Cando eu era un neno que non soprara aínda as oito velas, logo de ter vivido os tres últimos nunha rúa do outeiro coruñés de Santa Margarita, pasei uns meses cos meus avós maternos na aldea dos Quintairos de Amoroce onde hoxe mesmo resido e dende onde comecei a redescubrir (mellor dito, debido á idade que tiña cando a deixara, case debería escribir, a descubrir) o meu pobo natal de Celanova.

Nunha daquelas primeiras semanas, o meu avó Enrique levoume con el 'á vila' para ir ó mercado semanal que dende tempo inmemorial se viña celebrando tódolos xoves do ano, e despois de pasear ó longo da mañá polo fermoso rebumbio humano -e tamén animal- que se concentraba fundamentalmente na Praza das Pitas e no Toural, acabamos indo comer o pulpo á taberna da Estrella, situada nos baixos da casa que dicían de 'don Luís Iglesias', rector que fora en Santiago e ilustre naturalista que hoxe lle dá nome ó museo de Ciencias Naturais da universidade compostelá, cousa -por outra parte- que evidentemente eu naquel intre descoñecía.

Por máis que os fotogramas sexan difusos, ata onde me alcanza a memoria lembro que o meu avó trouxo un inmenso prato de madeira -supoño que da caldeira da señora Pilar- completamente ateigado de talladas das que comín ata ter conciencia certa por vez primeira na miña vida do significado literal da palabra fartura.

Era un día de abafante verán, iso si que o vexo nítido no fardel dos tempos idos, porque tan pronto chegamos á casa bebín a caneiro cheo na fonte de catro canos que a República mandara facer no lugar. E logo chegou a noite. Probablemente a peor noite da miña vida polo corte de dixestión que me provocaron os iniciáticos excesos cometidos coa anuencia filopaternal de meu avó.

Como pode supoñer, benquerido lector, dende aquela xamais volvín mesturar a auga e o pulpo, sen que ninguén me alertara do mito que os afasta dende que os monxes de Oseira transformaron o cefalópodo nun producto 'terreal'.

Por unha columna na que contaba esta historia recibín no ano 1992 un premio de periodismo da 'Festa do Pulpo', xunto con outros vellos colegas coma o carballiñés Carlos Rodríguez e Antonio Nespereira, que me serviu para regalarme o pequeno capricho dunha cadea musical.

Daquela -e non hai tanto-, coa Lei de Normalización Lingüística xa aprobada, nin eu nin ninguén de terra a dentro oiramos chamarlle nunca 'polbo' ó pulpo, por máis que agora os puristas (¡cómo lles gusta a moitos -rediós- a palabra prohibir!) queiran prohibir a convivencia da lingua que fala o pobo coa lingua de laboratorio que nos queren 'inocular'.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES