Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 2014 é chairego

miércoles, 08 de enero de 2014
Coido que este 2014 é un ano fundamental para a Terra Cha, un espazo cunha fonda identidade territorial e cultural que nos ten dado moitos talentos xa imprescindibles para a cultura e a sociedade galega: Darío Xohán Cabana, Xulio Xiz, o inesquecible Bernardo García Cendán, Xosé Manuel Carballo, Margarita Ledo Andión, Alfonso Blanco, Mini e Mero (entre outros), fan cavilar en que a Chaira non só se diferenza fisicamente, senón que esta terra dota dunha feitura especial aos seus fillos, de creatividade e dun espírito comprometido.

Todos os nomeados (e moitos outros) teñen ben demostrado o seu compromiso social e cultural coa Galicia de onte e de hoxe; sendo pioneiros na posta en marcha de moitas iniciativas que supuxeron a creación de tradicións e espazos de convivencia como o festival de Pardiñas que dinamiza Alfonso dende Xermolos. De certo, boa parte desta actividade débeselle a esta asociación que nos convoca anualmente ao cabodano de Manuel María (en Outeiro de Rei) ou a erguer un hectómetro literario (en homenaxe a un/ha escritor/a senlleiro/a da nosa literatura) no Paseo dos Soños en Vilalba.

A Terra Cha é militancia e compromiso, ademais de berce inspirador de moitas obras fundamentais na literatura galega. Quizais por todo isto, a Real Academia Galega decidiu proclamar o 2014 ano de Xosé María Díaz Castro, quen soubo resumir a nosa historia nun arrepiante soneto titulado “Penélope”, onde deixa ver as teas que nos encadean ás portas do porvir.

A Terra Cha é unha razón máis que suficiente para gozar da natureza, da paisaxe e das súas nobres xentes. Pero sen dúbida neste 2014 ofrécenos motivos moi fondos para percorrela novamente na poética que a aloumiña en tantas liras, a mesma que celebra en irmandade a memoria de dous homes inseparables do seu ser: Díaz Castro e Manuel María.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES