Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

El Belén de Begonte es una farsa (e II)

viernes, 03 de enero de 2014
(O que hoxe publica Galicia Digital é a II parte do traballo do mesmo título publicado o 2 de xaneiro de 2014).

...

De vez en cando botáballes un ollo e, mentres andivemos por Lugo, seguiron de fronte a fronte. Teño de testemuña nada menos que a Portomeñe, o que daquela era Subdelegado do Goberno en Lugo, que llos ensinei xunto da porta do bispo Aguirre.

Pero cando cheguei á casa ían de cu, con perdón, un para o outro. O que non podo é xurar que se virasen eles sós. Se cadra foi co tráquele tráquele do coche, que agora con recortes as fochancas ván a máis. Ou o mesmo na bolsa de La Voz de la Verdad reviviron vellas contendas e enfrontamentos por motivos relixiosos.

Non me estraña que o Príncipe da Paz teña que volver a nacer unha e outra vez a ver se damos aprendido a lección de amor eterno e infinito que nos veu ensinar, en lugar de enguedellarnos en pequenezas coma as da mula e o boi.

Cando andaba eu artellando este escrito morreu e celebraron funerais festivos polo presunto San Nelson Mandela. Hai quen di que non pode ser santo, porque, aínda que pacificou Sudáfrica, foi Nobel da Paz e é un home sinxelo e renovador con certo parecido co papa Francisco, non soubo gobernar a súa casa nin ós descendentes das súas tres mulleres, que andan medio revoltos por mor das partillas como bos parentes que son.

Pero o das tres mulleres non debería ser óbice ou impedimento, porque tamén os bispos levan o anel como sinal de desposorio coa diocese á que van servir, e moitos deles cando ven outra máis rica ou máis guapa esquécense da primeira e vanse coa segunda ou coa terceira, e despois bufan contra o divorcio e reafirman a indisolubilidade matrimonial dos outros.

Con motivo da despedida de Mandela houbo celebración relixiosas ecuménicas nas que participaron representantes de distintas relixións. Por que se darán tan poucas veces este tipo de celebracións? Quizais por iso temos que celebrar cada ano que todo un Deus faise Carne humanizante, Palabra elocuente e Luz refulxente para aprendernos a vivir con toda dignidade e en harmonía cos demais o feito de sermos homes ou mulleres independetemente da cor de cada un.

No Belén de Begonte cada figura, cada efecto sonoro ou luminoso, cada movemento, cada paisaxe resultan harmónicos e así hai sosego e beleza no conxunto e non hai liortas, enfrontamentos, guerras e pelexas esnaquizantes. Ó mesmo tempo o Belén Domínguez-Varela e demais familia begontina xa tería mérito abondo só por ser unha lección de historia etnográfica en perenne movemento. Ese Belén vén sendo dende hai moitos anos unha parábola con vida propia que nos amosa o que Deus soñou para a humanidade.

Vistas así as cousas, lector ou lectora amigos (amigos tedes que ser se chegastes lendo ata aquí, que algún que eu sei, nada máis ver quen firma ou que está escrita en galego toda esta parrafada torcen a vista e moumexan: “Piqué una vez, señor cura, pero ya no le picaré más, porque usted, además de escribir en gallego para que no le leamos, ofrece wishky y dá gaseosa envenenadita”, como escribira no xornal El Progreso o día 1 de maio de 1993 un tal José J. Rodríguez Armesto, a quen nin coñecín nin penso facer viaxe a propósito para coñecer.

Non será ben darlle a volta ó título do encabezamento? Non quedaría mellor:

COMPARADA A SOCIEDADE QUE CREAMOS CO BELÉN DE BEGONTE É UNHA FARSA QUE XA HAI MOITO QUE ESTÁ FÓRA DE TEMPO E DE LUGAR?

Ben sei que as figuras do Belén non teñen liberdade, son autómatas, pero tamén dixen que son unha parábola, para que aprendamos os que gozamos dese don da liberdade que nos fai imaxe de Deus.

No Nadal todo nos fala de paz e alegría no profundo. Por iso vai este artigo nun ton desenfadado e de certo humor para contrarrestar o efecto de non poucos tétricos predicadores que se empeñan en converter as mensaxe de Xesucristo nunha mensaxe lutuosa, válida para os enterros, pero non para a vida nin para a festa, quizais por iso algúns se paran máis na mula ou o boi ca na mensaxe mesma. Tamén eu teño caído nese pecado e nesa trampa que espanta. Permítaseme facer penitencia falando, sequera por unha vez, de verdades tan sublimes e ó mesmo tempo tan tenras, agarimosas, ledas e gozosas, con un sorriso que poida facer ó mesmo tempo de pregón.

Para iso nada mellor ca transcribir aquí mesmo o que pregoa Lucas no seu evanxeo:

“Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ó descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor. Eles levaron un gran susto. Pero o anxo díxolles:

-Non vos asustedes, que vos veño anunciar unha boa nova: vai haber unha gran alegría para todo o pobo. Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor. Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira, nunha corte.

E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo:

-Gloria a Deus no ceo e na terra paz ós homes que gozan do seu amor!”
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES