Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ser ou non ser de esquerdas

viernes, 13 de diciembre de 2013
O avogado vilalbés afincado en Madrid desde hai máis de medio século, Domingo Goás Chao, ven de publicar en "Ediciones De Buena Tinta" o libro "Por qué nunca fui de izquierdas... ni nacionalista, pero si liberal". Publicamos o texto de presentación do libro na cidade de Lugo (e con pequenas variacións en Vilalba), a cargo do xornalista Xulio Xiz.

Ser ou non ser de esquerdas

Este é o segundo libro que publica Domingo Goás Chao, e a presentación primeira faise en Lugo para a continuación ir a Vilalba, a súa e miña terra, por unha obriga moral en relación coa terra e coas xentes, da que – e das que – en fin procede parte deste libro, que é o producto das vivencias do autor no transcurso dunha vida plena que, a pesar da lonxanía – ou precisamente por iso- xira arredor dun epicentro que se chama Vilalba, capital cordial – cordial, de corazón- de todo o noso mundo.

Eu coñecín este libro cando aínda era un proxecto, porque o autor fíxome a honra de que eu o leera cando tiña escritos arredor de setenta folios que virían ser unhas cen páxinas impresas... Agora o libro medrou, é publicado, e sométese á consideración de todos nós, como literarios confesores dun autor que –contando vivencias- se abre a nós para explicarnos os seus por qués, buscando en nós sintonía, comprensión, ou alomenos coñecemento dunha posición diante da vida.

Teño que dicir que a primeira versión deste libro leína coa urxencia do lector ávido de coñecer a totalidade dunha obra, porque queda enganchado, porque o tema conecta co seu sentir, e quere rematar a lectura para saber se a súa coincidencia é no básico, na esencia, ao cen por cento, ou pode haber flecoss soltos cos que non conecte, como se fose un tema químico e as valencias do libro – se a valencia en química é o poder combinante dun elemento- esixisen similares valencias no lector para poder formar un composto químico homoxéneo. E o certo é que o libro, a narración, tira polo lector curioso aínda que o lector saiba ou coide saber de onde ven e a donde vai o escritor.

E teño que dicir aquí e agora que se cando leín a primeira versión do libro me pareceu rematada, que non “quedaba pequeno” o libro, comprobo que a nova versión é bastante máis completa. E ademais de completa, rotunda, fervorosa, contundente!.

E agora que xa se sabe e somos conscientes de que os temas particulares poden sublímarse no xeral, que os temas locais son os verdadeiramente grandes, transcendentes, precisamente por cercanos, a min paréceme un logro moi xeitoso – a base de resumir a propia experiencia vital – xustificar por que un autor nunca puido sentirse de esquerdas (nin de dereitas puras), especialmente tomando como base os exemplos existentes arredor da súa persoa, primeiro en Vilalba, logo a escala nacional, e definitivamente ollando con ollos profundos o panorama internacional.

Na actualidade non se adoita falar de “dereitas” e “esquerdas” como se o tema estivese esgotado, como se esta clasificación non fose moderna, como se desde a transición na que apareceu o “centro”, centro democrático, presunto ou pretendido moderador de dúas tendencias dos extremos políticos, non se puidese ou debese falar de dereitas e de esquerdas.

Pero non esquezamos que cada persoa é producto dun lugar, dunha xente, e dun tempo... E Domingo viviu plenamente – esa plenitude reflictese no libro- o tempo no que estes termos políticos estaban á orde do día. E aínda que daquela (poñamos que falo dos anos cincuenta, sesenta, setenta...) non había partidos políticos, e existía unha sóa filosofía política dominante, as posibles posicións políticas estaban perfectamente definidas.

A vida, o decurso do tempo, os acontecemento de todo tipo, foron marcando a evolución social, os nomes, os arquetipos, os estereotipos... E esquerda e dereita como tales denominaciones fómolas esquecendo, e non é extraño se temos en conta como se orixinaron.

Resulta que unhas e outras apareceron nada menos que o 11 de setembro de 1789, en Francia, en plena Asamblea Nacional Constituínte, nacida da Revolución Francesa, cando se votaba un artigo da nova Constitución para establecer se o Rei podía vetar ou non as Leis que aprobase a Asamblea Lexislativa... Os que querían que o Rei seguise tendo o poder absoluto de vetar normas, situáronse á dereita... E os que opinaban que as Leis tiñan que estar por enrriba das decisións reais, situáronse á esquerda do presidente. Desde entonces, entendeuse por esquerdas –pura teoría, claro está- o conxunto de persoas que abogaban polo cambio social, e dereitas os que se opoñían a este cambio. Tamén se ten considerado que o de dereitas é o que defende a propiedade privada mentras o de esquerdas aboga pola propiedade colectiva, pero tamén houbo forzas que podían ser consideradas de esquerda en temas de dereitos dos traballadores e de dereitas en canto a valores e conceptos. E a dereita defendería sobre todo a orde social mentras que a esquerda abogaría pola xustiza. Pero son teorías. A práctica, como a colleita do trigo (en relación coa predicación), é outra historia.

Choveu o que tiña que chover en todo este tempo, e “esquerda” asimilouse en teoría a progresismo, ao contido social, á defensa dos dereitos dos máis humildes, ao laicismo, á igualdade. Dereita, en cambio, enténdese como unha posición conservadora, capitalista, liberal, confesional. Cabendo dentro de cada clasificación un amplo abano no que destacan un centro esquerda e estrema esquerda, centro dereita e estrema dereita, como referencias máis ostensibles.

Vindo como viñamos nos anos setenta de case corenta anos de “paz de dereitas” (dito esto entre comiñas), coido que para evitar un enfrontamento ideolóxico –e do outro- tan temido daquela, xurdíu un centro político que alomenos durante un tempo foi procurando a concordia.

E aquí e agora – novembro de 2013- presentamos un libro de Domingo Goás no que confesa que nunca foi de esquerdas nin nacionalista. Hainos do seu tempo que si, aínda que sexa producto dun cambio acontecido na metade da súa vida, en canto as condicións sociopolíticas permitiron disentir da opción dominante.

Pero o título do libro non di que non sexa de “dereitas”, xa que o de “liberal” pode apuntar algo nesa dirección. Pero por iso hai que ler detidamente o libro para comprobar que se pode estar nunha posición ecléctica, non sei si decir intermedia, que é a máis difícil porque sendo independiente sitúase un – neste caso o autor, e todo o que aspire á independencia- en terra de ninguén, expoñéndose a recibir impactos desde os infinitos puntos que marca a rosa dos ventos (ideolóxica).

Entre as deformacións políticas que nos aqueixan, están a relación de dereitas e de esquerdas entre, e coa sociade, especialmente coa cultura. E nesta España, e nesta Galicia nosa, o que non é de esquerdas, o que non se manifesta ostensiblemente de esquerdas, corre o perigo de non contar na cultura, de tal xeito o esquerdismo teórico ten “controlado” este sector, que ata o conxunto organizado dos conservadores parece ter renunciado a figurar no mapa cultural do país.

E os medios informativos en xeral –con honrosas excepcións se é que as hai- adoitan tratar mellor os pecados da esquerda que os pecados da dereita, como se aqueles fosen máis disculpables ou se estes últimos tiveran que seguir pagando culpas de devanceiros, antecesores nun pensamento que o tempo se encargou de matizar, armonizar, civilizar. Dun e doutro lado, esquerda e dereita, o tempo encargou de matizar, armonizar, civilizar pensamentos e comportamentos.

O estudio que fai Domingo Goás, pescuda sociolóxica e sicolóxica, ten como punto de arranque a existencia dalgúns destacados militantes de esquerdas aos que a vida, o sentidiño e as realidades cambiaron de bando en aras dunha persoal racionalidade, aínda que algúns se pasaran no bandazo e chegaran á case irracionalidade do extremismo contrario. E se queremos antecedentes ou xustificacións a ese movemento de péndulo, lembremos aquel vello refrán que indica que “o que de novo non é revolucionario, e de vello conservador, non é normal”.

O persoal relato de Domingo Goás paréceme tremendamente orixinal no seu plantexamento e desenvolvemento. É moi doado de leer, tira polo lector, resulta atractivo e entretido. E aínda que para os políticos en exercizo -militantes de esquerda ou de dereita- poida ter elementos rebatibles, quizais non os teña tanto para quen foxe dos extremos e entende que a virtude pode estar precisamente en escapar das estridencias sendo a persoa máis importante que os colectivos que pretenden anulala. E tendo en conta fundamentalmente que os do meu tempo fomos criados nun ambente apolítico ou contrapolítico, onde todo estaba previsto para que non nos metésemos en problemas/en política.

Dediqueille a este libro que hoxe presentamos parte desta pasada fin de semana... e remateino de ler ás tres da mañán do luns. E a pesar de coñecelo parcialmente, o interese ía subindo a medida que o temperamento de Domingo se plasmaba nas páxinas incendiarias “in crescendo”. Porque esta nova versión vai moito máis aló que a primeira, e non quero nin pensar como sería se tarda un anos máis en publicalo, porque é froito dunha subida de temperatura socio-político-económica (quentamento global, en fin) que o sensible Domingo Goás vai recollendo e reflictindo, resultando o libro como unha ola a presión – coma o país- que vai rexistrando acontecemento tras acontecemento, dato a dato, detalle a detalle.... sen saber cantas atmósferas de presión pode soportar... deixando ao final un concepto de “suma e segue”... agardando, ou temendo, unha “suma total” imprevisible.
A idea do libro parte dunha realidade editorial titulada “Por qué dejé de ser de izquierdas...”, para que o autor lembre que no decurso da súa peripecia vital foi descubrindo a realidade diaria dos acontementos da vida, política especialmente, que empezan en Vilalba onde o autor tivo unha curta actividade política , para logo pasar á vida nacional, unha etapa profesional nas dictaduras de dereitas de Hispanoamérica, visitas ás dictaduras de esquerdas da Europa oriental, e panorama político nacional de onte e de hoxe...

O vello xornalista chairego – e mestre de xornalistas- José Tuñas Bouzón contaba o conto dun Ministro de Obras Públicas que, chegado a un lugar, proclamaba as bondades dos feitos do seu ministerio e as realizacións tan importantes efectuadas... un espectador replicaba ao ministro que el tiña viaxado por todos eses sitios sen ver nada parecido ao que estaba contando. E o ministro remataba o conto indicando: Pois menos viaxar e máis leer a prensa.

Domingo lee a prensa – que agora tamén conta cousas- pero sobre todo viaxa, e o libro podería ser parcialmente unha crónica de viaxes. Pero sobre todo é unha declaración de independencia, o “2 de maio” particular do autor.
O título do libro podería recortarse, pero perdería impacto. O libro podería titularse “Por qué nunca fui de...”. Ou sexa: por que nunca seguíu unha corrente prefixada, e foi por libre... Non é de esquerda, pois nón, e dío moi claro; non é nacionalista, non, que tamén arremete contra os sentimentos exacerbados localistas; pero tampouco é puramente de dereitas, que hai que ver como pon algúns comportamentos ou realidades. Ou, polo menos, non é “cego político”. E se fose algo de todo, sen decantarse nunha determinada dirección?. E se a independencia é, precisamente, esa liberdade de acción que implica poder estar con todos aínda que en definitiva non está con ninguén, e sobre todo ninguén – ningún colectivo- está con el.

Pero xa está ben de elucubrar pola miña parte... Que fale el, pero sobre todo que fale o libro. De todo o que dixen, non retiro nin unha palabra. Non pretendo convencer a ninguén, pero eu si que estou convencido de todo o que dixen.

Recoméndovos a lectura do libro... É unha lectura dura, dun libro duro. Lectura dura para quen teña unha ideoloxía, de dereitas, de esquerdas, de centro... Lectura dura porque fala de xeito descarnado de todas as nosas eivas, das nosas realidades... e tomade as miñas palabras como o aviso de que a lectura deste libro pode mancar. Non a vosa sensibilidade, senón o voso xeito de xulgar, de consentir, de soportar, de transixir coa realidade que nos rodea.

Se tedes o que hai que ter (curiosidade, interese, vontade...), leede o libro de Domingo Goás Chao. E tomade nota de que nas súas páxinas anuncia como mínimo outros dous. Atoparanos preparados. Alomenos para leelos. Para poñernos en marcha, por desgracia, coido que aínda non. Polo de pronto, repito e remato, se tedes o que hai que ter, leede o libro de Domingo Goás.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES