Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xosé Manuel Carballo ferreiro

lunes, 09 de diciembre de 2013
Quen é ese? Desde a Policía ou a Garda Civil ata o último vilego ou señoriño da aldea a pregunta é sempre a mesma: De quen vén sendo? Identificamos as leiras ou mesmo lle poñemos “chips” aos nosos bichos domésticos, incluídas as pombas.

Iso da identidade das persoas debe ser algo moi fundamental. Non saias da casa sen o DNI. Hai que estudarlle o ADN, o seu grupo sanguíneo, etc. Se non tés papeis es un ninguén. Sábeno ben os das concertinas-coitelas de Ceuta e Melilla e en Lampedusa.

Pregunteille aos compañeiros por Carballo Ferreiro e non paraban de falarme del. Consultei ao “Dr. Google” e dáme 283.000 resultados. Mi madriña! Só lin os primeiros. Moitos relatan a súa historia e biografía polifacética. Tamén citan as súas obras escritas e publicadas e falan dos premios recibidos.

Ao final decidín deixar iso e interrogar a alguén que me é moi achegado. Quen é para min Xosé Manuel? E resooume alá moi dentro algo da letra daquela canción: “Este amor apasionado” Non sei falar de Xosé Manuel sen velo absolutamente entregado aos demais con ese amor inmenso. E por máis que ás veces lle pagan con malas mañas, el erre que erre: “Y volver, volver, volver...” “Yo sé perder”. Ese é o seu segredo: a constancia na entrega limpa, utópica e gratuíta. Non dá aprendido. Sempre volve. Porque sabe que na vida, para recoller hai que saber perder. Como as nais, que ás veces incluso perden a vida por dála. Vou salientar algúns ecos que me foron chegando desde tantos anos que nos coñecemos e somos amigos.

Sumamente intelixente e creativo. Algunha vez chéganlle voces, sinceras unhas, aduladoras outras e non podían faltar as interesadas: –“Co que ti vales, podías meterte no noso grupo, dámosche isto, facémosche aquilo,...”. – Non, grazas. Xa vos axudei. Eu sei perder. Eu sei volver ao rural, aos de abaixo, aí a onde nacín e vivín. Agora volvo a onde está a miña misión. Non quero perder de vista o sentidiño que herdei da miña aldea da nacenza: “Goberno”. Iso é o que aprendín de vós e dos meus. A ter goberno, empezando por min mesmo sen deixarme levar por cantos de sereas que me poden conducir aos abismos. Esas, as sereas, disque se aparecen no mar. Eu nunca as vin. Porque eu son de terra a dentro. E no Miño hai xentes moi xeitosas, mas nunca meigas chuchonas que nos suman o siso. Por iso non me veñades con andrómenas. O meu camiño está medianamente trazado e vouno decidindo a cotío seguindo aquilo do Concilio Vaticano II: “Os gozos e as esperanzas, as tristezas e angurias dos homes e mulleres do noso tempo, sobre todo dos pobres e de cantos sofren, son á vez gozos e esperanzas tristezas e angurias dos discípulos de Cristo”.

No catecismo que eu aprendín de pícaro, coma vós, dicía: Ser cristián é ser discípulo de Cristo. Pois iso. Eu, coma vós, tamén son discípulo de Cristo. “Nada hai verdadeiramente humano que non encontre eco no seu corazón. A comunidade Cristiá está integrada por homes e mulleres que, reunidos en Cristo, son guiados polo Espírito Santo no seu peregrinar cara ao Reino do Pai e recibiron a Boa Nova para comunicarlla a todos. Por iso a Igrexa, (na que eu milito), séntese intima e realmente solidaria do xénero humano e da súa historia”. E tamén nisto apareceu agora unha luz grande no firmamento que mesmo me afirma a min. Falo do papa actual, Francisco. Eu véxome moi reflectido nel. E vós?

“E preguntáronlle a Xoán o Bautista: – Ti quen es? El confesou así a secas: – Eu non son o Mesías. – Entón quen ves sendo, para darlle unha resposta aos que nos enviaron? – Eu son unha voz que berra no deserto: Achaiade os camiños do Señor”. (Lc 1, 25-27)

E logo que saídes ver aí a Goberno, na Terra Chá? Por que tanto correr para esas aldeas? Hai algún milagre? Un mago? Un conta-contos? Un dandy vestido con luxos? Eses están nos pazos dos potentados! Que vos pode dar ese ninguén? Por un casual, apareceu algún profeta? – “Pois Eu dígovos que é moito máis do que un profeta. Deste está escrito: Eu envío o meu mensaxeiro diante de min para que prepare os camiños do Señor”. (Mt 11, 2-11).

Coma Xoán o Bautista, este é o noso Xosé Manuel: Un “Don Otto de viaxe pola Chaira”, un profeta anunciando e cumprindo o mandato do Señor: – “Ide e anunciade o que estades a ver e a oír nas nosas comunidades: Os cegos ven, os inválidos andan; os leprosos fican limpos e os xordos oen; os mortos resucitan e aos pobres anúnciaselles a Boa Nova. E feliz quen non se sinta defraudado por min!”

Formando comunidades de amor e de axuda, facendo rir á xente no medio das desgrazas humanas, a carón dos enfermos e dos coidadores, adiviñando cunha baralla o que ti pensas que el pensa do que ti pensas. E acerta. Porque sabe psicoloxía. E sobre todo porque vive ese amor apaixonado polos de abaixo. Por iso adiviña os pensamentos do corazón, incluso cando fai brinquedos e xogos. E xa non che digo nada cando persoalmente ou en grupos nos pon a pensar ou mesmo a rezar se toca festa ou cando os ánimos van tristes, que de todo hai na vida, e el acompáñanos a todos en todo.

Na teoloxía, referíndose a Xesús, o Cristo, hai un concepto que se lle debe a Heinz Shürmann e que me parece moi axeitado e ben acaído para esta ocasión: A PRO-EXISTENCIA (“essere-pro”: ser para os demais. A entrega total). “A pro-existencia de Xesús fúndase na súa relación con Deus: a súa vida en favor dos outros flúe da súa vida con Deus. Ao estar pleno do Espírito de Deus, vive por completo de Deus. Por iso Xesús foi un home diferente: pola profunda sensibilidade e compaixón pola dor dos demais, por unha simpatía activa cara a eles e o compromiso incansábel ao seu favor. Recibiu a presenza de Deus e transmitiuna con todo o seu ser. Ao dar entrada a Deus na súa vida, de Xesús abrollaron accións liberadoras e sanantes: aos pobres fainos partícipes da boa nova, aos necesitados fainos partícipes da misericordia. Os enfermos de corpo e de alma son sandados, experimentando a veciñanza benéfica de Xesús e con ela a proximidade de Deus. Os discriminados e oprimidos social e relixiosamente experimentan a súa solidariedade e amizade insubornábeis, poden sentírense aliviados e desenvolveren o sentimento da propia valía. Xentes con inimizades encontran no círculo dos discípulos de Xesús unha relación mutua e empezan a exercitarse nunha convivencia sen violencia e en reconciliación.

Por iso incluso nos adversarios medra unha pregunta: que ten este de especial?”

Non sabería eu describir mellor a túa vocación de crego na nosa Galiza rural, pola que fixeches unha opción radical de vida e de entrega e de comunicar, o Reino de Deus e a súa xustiza, non con palabras ocas, necias e mentireiras, senón coa túa pro-existenza, sabendo que o resto virá engadíndose e medrando en cada persoa na que prende a chama da graza de Deus.

Quen é este? En Geogle dín: Categoría: Cura rural, escritor, ilusionista, humorista, animador cultural e social. Esa é a máscara. Xosé Manuel é absolutamente outro. Pásalle coma o azucre ou o sal. Non se ven, pero nótase a súa presenza. O verdadeiro Xosé Manuel está dentro de cada un de nós. É coma un espello, rompido en milleiros de anacos. A súa imaxe está en cada un de nós. Nos anaquiños. Cando ao final da súa pro-existencia chegue perante Deus, halle amosar, recompondo todos os cachiños, un espello infinitamente grande dicíndolle: Este es ti. Entra no gozo do teu Señor, porque tiven fame, sede, estaba espido, etc., e fixeches por min, polos irmáns o indicíbel.

Pero non vas para dentro, de aquí non pasas, se primeiro non me fas unha sesión de ilusionismo das boas. Porque aínda que che pareza mentira, Deus, eu, tamén necesito ilusión. E pásoo moi ben ríndome e tendo ilusións. Seguriño que tes algún segredo nalgún xogo que nin eu mesmo sei. E iso que dicides que o sei todo. Os magos sempre gardades algo na manga, por se falla a risa no mundo. Senta aí e empeza xa. Mellor dito. Agarda un pouco que vou convocar a corte celestial, que non todos os días chega alguén que nos ofreza unha velada xeitosa.

Agora si. Empeza xa. Hoxe póñome eu de público e, presentándote, dígoche a ti: Fale, meu señor don Xosé Manuel, que os teus fans estamos prestos a escoitarte.

E acabada a sesión caeu o pano.E dixo Deus: Este Xosé Manuel évos o diaño! Pódovos asegurar que foi unha boa hora onde todos rimos a cachón.

Agora entendo o de Google: “Categoría: Cura rural, escritor, ilusionista, humorista, animador cultural e social”.

Pasou a vida, dito con todo respecto, facendo rir a Deus! E del para baixo: A todo dios!

Graciñas compañeiro, non deixes de ser ti. Xa sei de quen vés sendo. Dos Carballo Ferreiro de Goberno. Felicidades! Vémonos na próxima feira de Castro de Rei.

Leva a baralla e as arandelas. E a estola branca. Eu poño o camión co escenario.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES