Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O simbolismo do outono

viernes, 06 de diciembre de 2013
Eu téñolles un bo amigo, moi entendido en telecomunicación, que acaba de xubilarse e tivo unha elevadísima responsabilidade aló polas alturas, que se estendía a todo o ámbito nacional. El é de ciencias, como adoitamos dicir; pero, segundo a miña dona, escribe moi ben, ou, cando menos, enténdeselle, e ela, moi leda, aproveita este afago para que eu me decate de que todo o que escribo, a ela, caéselle das mans.

Vou defendéndome como podo. A veces dígolle que eu non son escritor, son escribidor. Quédase mirándome e retrúcame así:

--Pois espera a selo, antes de publicar, e se non naciches para iso...terma da paciencia uns anos máis, ata que os plans do ensino dean os seus froitos para que os escribidores pasen por escritores, que non se tardará moito.

Pero eu tamén teño os meus argumentos e póñolle exemplos.
--Hai científicos moi ilustres que son escribidores e teñen moitos libros escritos, e se non fora por eles a ciencia non avanzaría.

--Si, pero eses libros serven para que a ciencia avance e tu o único que logras é embarullarnos a cabeza.

Amigos lectores, está moi claro que a miña muller non está para comungar con pasquíns. Ela é abondo condescendente e di que os gobernantes teñen tamén dereito a divertirse, que son homes e mulleres coma os outros, que gozan na “troula” (óllaos en “Vaia Troula”...), que para iso teñen o Parlamento, e que incluso son máis educados porque comen no Bar, pagan pouco, por iso da austeridade, e non están exhibindo o que non teñen (sentidiño...!.Ela non o di...!, pero eu non son tolo) nas orxías, para iso van aos xulgados.

--Pois nas “troulas” exercítanse toda clase de actividades dionisíacas, que teñen unha explicación filosófica a través da historia do pensamento.

--Xa mo parece...!, así nos foi con ese voso “pensamento”. Embarullastes todo e ensinásteslles aos pobres dos políticos a marear a perdiz.

Como ven, no me queda outro remedio que volver ao “entendido en telecomunicación”. Xa que logo é tan bo escritor, estes tempos non debe andar moi inspirado, porque se dedica aquí nas terras de Alfoz, onde está a pasar uns días, á fotografía das paisaxes outonais e aprémame con elas no móbil, que ten tantas cousas para palparlle, e a todo responde (non aplica o silencio administrativo, como fan os humanos no poder!), que, que me leve o diaño, emprego medio día en encontralas, e cando estou gozando delas, foxen da pantalla.

Pero...ó que íamos. As fotos teñen calidade. Nelas pódense ver grupos de árbores de follaxe caduco, cunha cor de castaño esvaecida, e carriza en polas e tronco. Entre eles e os frondosos silveirais descorre silencioso un río pouco caudaloso, e nas superficies que asoman libres e despexadas contémplanse as copas das árbores trémulas, goteando as bágoas do pasado florecente e arrogante. Contrasta a emerxencia dalgunhas árbores de follaxe perenne, de cor verde escuro, que salpican o espazo, que vai deixando a caducidade da maioría, con pouca disimulada altivez.

Sobre esta paisaxe, un plúmbeo ceo ameaza uns raios solares que timidamente serpean entre as árbores, regateando os seus aloumiños e escintilándose como os estalos das lareiras cheminea arriba, que se penduran dos inquietos ramaxes reflectidos nas augas coma aqueles nas cambotas. Ao lonxe, no horizonte asoman as nubes das tormentas, intúese o garular dos paxariños e ata se ven os montonciños de terra das toupas no solo. As follas esvaecidas van caendo, coma folerpas, ao chan, e nel dormen a lenta desaparición deste mundo, non antes sen servir de tenra cama ao arteiro golpe, que agora case está en familia cos escasos habitantes da zona.

Pero o que resulta verdadeiramente arrepiante é ver como aquelas terras labradas con tanto esforzo e cariño polos nosos devanceiros e aqueles prados regados con esmerado coidado están hoxe ausentes da imaxinación virtual das novas xeracións. E os que lembramos todo iso estamos tamén sentindo a nostalxia desa unión coa terra nai, que tanto pan lles leva dado a eses nosos devanceiros para apartar a fame das longas noites nas lareiras, antes dun ben merecido e reparador descanso naqueles xergóns de palla de millo que arrollaban ruxindo.

E como o que máis predomina neste mundo é a semellanza, tamén o outono chega aos países e as sociedades deste noso tempo. Reséntense as estruturas sociais, no ámbito económico, político, ético..., e experimentan o rápido murcharse da súa frondosa follaxe de antano; pero aquí non garulan os paxaros, berran os nenos famélicos, que non teñen lareiras nin xergóns que ruxan, senón cartóns e cemento, que acollen ós que aterecen de frío nas rúas; non hai terra nai, hai solo artificios públicos que administran os que teñen por apropiación, non por natureza, a frondosa perennidade da opulencia; non hai augas que ofrezan o resplandor da súa virxindade, pero hai raios de sol que tamén serpean nas físgoas das néboas da polución; hai nubes ameazantes de tormentas nos horizontes do ceos económicos, dos servizos políticos, dos principios éticos, das estruturas do sentido das persoas, do ensino; pero non se albiscan primaveras de solucións; hai a vixilancia das aguias de alto vo, pero a curuxa segue escéptica agochada no furaco; os caraveis, descoloridos polos azoutes, esperan nas balconadas ás novas xeracións, e as partes periféricas da “Pel de Touro”, coa tormenta tramontana e as galernas, axitan o resto da mesma.

E disto tamén teño fotos do amigo (e documentadas exposicións), que me enviou en todas as estacións - verán, outono, inverno e primavera - e parece que non cambian: as cores son o mesmiño dun castaño esvaecido e os brotes verdes volven a estar murchos; as que teñen por fondo as augas mariñáns, reflicten a magnitude ruinosa dos maxestosos edificios doutras primaveras; na rúa campan as masas suplicantes de solucións (preferentes, ensino, indultos solapados de legalidade, inflación lexislativa sen pés nin cabeza, regulación do mercado laboral, “Gürtels”, “Eres”, “Pokemons”, Cariocas”, promesas sen cumprir, “copagos”, impunidades, profusión de actitudes cínicas, etc. ), e mentres tanto o capital financeiro facendo das súas e o poder económico dirixindo aos gobernos...

En fin..., oio mal, e neste balbordo paréceme percibir xuntos os erros e os acertos, e inclúo os servizos de Cáritas e da Cruz Roxa, que, con sacrificios, dan de comer o probe e o desvalido polas sabradas da crise e a euforia dunha primavera xa tempo hai afastada, e dan roupa ao espido.

A moita xentiña só lle queda o consolo ético de que vivir pobre é mellor que vivir coa condición de miserable, que moito non é..., pero dignifica!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES