Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Amores que non todos entenden

viernes, 06 de diciembre de 2013
Non vos escandalicedes; pero, como “os amoriños primeiros son moi malos de esquecer”, dende hai bastantes anos ando algo máis de medio namorado dunha muller. Sorprenderá que isto lle pase a un cura e sorprenderá máis aínda que se atreva a dicilo publicamente. Pois, aí vai e viva a liberdade de expresión!

Xa postos a falar, vaia por diante que o máis grave do asunto pode ser que ela nin é solteira, nin separada, nin viúva. É casada! E ten un fillo xa maior. Tanto o home coma o fillo saben o noso. Si. Non puiden calalo e díxenllelo eu mesmo, pero coido que xa ela lles tería falado algo de min, aínda que, se cadra non fixo referencia aos amoríos, porque igual a min me parece que estou moi namorado e ela nota que non é tanto, ou polo menos que o disimulo ben. Pero do que non teño dúbida é de que ela, por ser mellor ca min, quéreme ben e desculpa as miñas infidelidades. Sabéndoo o home e consentíndoo, podería dicirse que a nosa relación e “moi á moderna”, ou que está moito de moda. Iso, polo visto, chámase: “relación civilizada”. Que Deus me perdoe, pero case me atrevería a dicir que home e fillo senten fachenda de que outros se namoren da súa esposa e nai. Son tan confiados e tan pouco posesivos! A verdade é que motivos para confiaren nela non lles faltan.

Como queira que sexa. Évos marabillosa!.

Veredes: Non sendo rica, é moi riquiña. Non tendo carreira, é moi culta. Non sendo a máis guapa, é unha beleza. -A guapura é transitoria a beleza é perdurable-. Supoño que todos os namorados pensan que o seu amor é o máis marabilloso. Non ía ser menos eu!.

Sabe facer e fai de todo, ou de case todo: cociña ben, é tan limpa que todo nela é pureza, cose, ten tempo para dedicar ás amigas e aos amigos, para visitar necesitados e para asistir a algún banquete coma calquera e preocuparse porque viño abondo. Goberna a casa, axudou a educar o fillo e é apoio e complemento agarimoso do seu home…e meu tamén. Séntese realizada co traballo da casa e máis co de fóra, porque lle axuda ao home, que é artesán autónomo, a pinchar árbores, esfendelos en táboas coa serra de aire e, co seu toque feminino, a faceren cancelas de curradas de pobres tan galanas como as entradas de xardíns de ricos. O que non fai é apampar con telenovelas alienantes, porque se recrea mellor contemplando a natureza. Así, educou o fillo coma un apaixonado ecoloxista que sabe de lirios e paxariños. Ao fillo mimouno moito e de acordo co home, fórono orientando, á miña maneira pragmática e práctica de ver as cousas, por vieiros un chisco utópico e pouco realistas para abrirse camiño na sociedade competitiva de hoxe. Menos mal que, despois de meditalo ben, impulsouno a ser el mesmo e a seguir o seu propio camiño, que nin para el nin para ela foi un camiño de rosas.

Sendo miudiña, tén unha vitalidade excepcional. Dixéronlle moi atinadamente que está chea de espírito. Ese é un dos segredos de que non pase un día por ela, ou polo menos a min parécemo así. Tamén é relixiosa; pero, máis ca rezadora, é muller que na oración enraíza compromisos moi serios e comprometedores. Esta xente que ora o amor aos demais e a xustiza é perigosa e sempre correu perigos moi serios. Non chegou a dicir en público que o Deus dos pobres no que ela cre desmonta do machiño do poder aos asoballantes en ben dos asoballados? Que dixese iso tenme preocupado moito e cheguei a temer que alguén tomase represalias contra ela. Mesmo algún dos especialista en marcarlle a Deus normas canónicas para que teña ben claro como ha de comportarse.

Ten coraxe ata para non escapar das cruces e vive coa teima de facer comunidade.

O día oito de decembro case sempre imos os dous a nunha festa. Non nos gardamos de que nos vexan xuntos; pois pensamos que non temos por que esconder o noso afecto. Eu este ano non sei se poderei ir por mor da friaxe. Así que, se ides vós tamén, non dou palabra de estar para presentárvola.

Claro que, se cadra, coñecédela e tratádela incluso mellor ca min. Se non fose así, preguntade por María de Nazaré, a filla de Xaquín e Ana, e veredes como hai moitos e moitas que a coñecen e tamén están namoradiños dela. Home, tamén hai quen di que o seu estilo está pasado de moda, pero non fagades caso. Todo é cuestión de tratala, a pesares do mal que a trataron algúns que se chaman teólogos, que, con tanto afán de divinizala, deshumanizárona.

Que nos bendiga e nos agarime no seu colo, agora e na hora de partir cara o colo tamén agarimoso do Pai, que a escolleu para nai do seu Fillo e nola deu tamén como naiciña nosa ben queridiña. Amén. Perdoade se vos pasei de matute unha oración. Todo é cuestión de saber desler.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES