Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soidade (Epílogo I)

jueves, 05 de diciembre de 2013
Dous vellos e unha soa soidade (Eplogo I) EPÍLOGO I – PROTAGONISTAS NO ESCENARIO E NA VIDA

Os mociños e neno que no ano 1977 estrearon no Colexio Ramón Falcón de Castro de Rei a peciña de teatro: “DOUS VELLOS E UNHA SOA SAIDADE” dando vida e vitalidade, con moito xeitiño por certo, á letra duns folios escritos por Marica Campo e por min foron:

Manolo García, da Ponte de Outeiro, no papel de Manuel. Lola Rodríguez, tamén de Outeiro, en Toña. Pepe Vega, igualmente de Outeiro, facía de Xoán. Lito Prieto, de Ramil, representaba a Andrés. Edita Ferreiro e Dasio Anllo, os dous de Bazar, daban vida respectivamente a Luísa e Pepiño. Finalmente, Marta Falcón de Muimenta, era no escenario María. Maricarmen Gayoso, tamén de Muimenta facía de presentadora.

Desprazabámonos nos coches de Marica e meu. Cousa impensable hoxe, por varias razóns, entre elas porque un cura levando no seu coche a rapaciñas e rapaciños probablemente fose acusado de pederasta e porque unha mestra acompañando a un cura ou deixándose acompañar por el..., xa se sabe. Menos mal que nin a un nin a outra nunca nos afectou moito o que dirán, xa que dar que dicir pode ser facer caridade ou terapia ocupacional con quen non tén que facer.

Todos eles andan agora entre os corenta e os cincuenta anos, mentres que Marica e eu pasamos pouco do trinta e cinco. Quen os pillara!

Aquelas mociñas e mociños proviñan todos do rural, xa que, aínda que Muimenta sexa unha vila, non deixa de ser rural. E a moita honra!

Polo 1977 o Colexio Ramón Falcón aproximaba aos seiscentos alumnos. A día de hoxe anda polos oitenta. É certo que daquela viñan a el nenos de Muimenta que agora non veñen por teren alí Colexio Público e que se cursaba ata oitavo, pero, por outra banda, viñan poucos parvuliños por non teren aínda dereito a transporte gratuíto.

Grazas a Edita, puiden recordar algo que xa esquecera: que con este peza e estes actores gañáramos o primeiro premio do certame provincial de teatro infantil galego e que a representáramos en Castro de Rei.tres veces, No teleclub de Bazar, dúas no mesmo día, igualmente no Colexio de A Ponte Nova, na sala de festas de Muimenta, no teleclub de Saavedra, en catro colexios de Lugo ademais da Escola de peritos, recadando fondos para Auxilia e na igrexa da parroquia do Socorro en Ferrol. Como remate fixemos unha viaxe de dous días polas Rías Baixas e e de volta paramos en Bemposta a “Ciudad de los Muchacos en Ourense.

Tamén grazas a Edita, que segue vivindo en Bazar, puiden saber que Manolo está na Coruña, Lola en Monforte, Lito en Madrid, Dasio no Brasil, José en Outeiro, Marta en Muimenta e Maricarmen tamén en Muimenta. Total, que de oito, catro emigraron máis ou menos lonxe.

Foron e son, xa que logo, aqueles actores protagonistas do acontecer de daquela, e dalgún xeito tamén de hoxe, nas táboas e na vida.

O exilio e diminución de natalidade no rural é evidente e non se debe só ao que a veces se me pode ter escoitado en son de humor tristeiro. Teño dito que moitos dos que están en idade de teren fillos, en lugar de facérenos eles mesmos, miran para a televisión como os fan outros e despois... pégalles o sono.

Por qué será esa perda de poboación no rural? Independentemente das respostas que nos dan os economistas, sociólogos e demais analistas titulados, e independentemente tamén de que agora os invernos son máis benignos e rara vez falla a luz eléctrica, sería ben escoitar as razóns de cada un dos que naceron na aldea, pero quixeron ou tiveron que deixala. E tamén as de aqueles que podendo deixala, optamos por seguir nela.

Con relación ao castro do que se fala na peciña, podería ser calquera dos poucos que comezaron a ser escavados, pero, cando a escribimos, pensabamos, sen nomealo, no noso Castro de Viladonga que comezou a ser escavado o ano 1972 e polo 1987 creouse o seu extraordinario Museo monográfico que cumpre á perfección as funcións conservadoras, científicas, didácticas e de comunicación que corresponden a este tipo de entidades.

Teño o honor e a honra inmerecidos de que me elixisen e me conserven piadosamente como Presidente da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga a pesares da miña incompetencia e dos meus intentos de renuncia motivados polas limitacións debidas a unha gorxectomía completa que case me expropia totalmente a voz. Por fortuna, non a palabra.

Algúns fillos daquelas mociñas e mociños actores teñen xa acudido en viaxes culturais organizados para atoparse no noso Castro e o seu Museo coas nosas raíces, marabillosamente vixiadas e expostas por o seu director, Felipe Arias, e polas demais persoas que alí coidan, cada unha no seu cometido, o noso pasado, para que poidamos aprender a asumilo sen quedarnos inmóbiles mirando para atrás, coma estatuas igual ca Sara, a muller de Lot; senón para afincarnos nese pasado cos seus atinos e desatinos e tomar pulos para vivir o presente con ilusión, encarando o futuro con esperanza.

Entendendo que a esperanza, mesmo a do tempo litúrxico do Advento, non é simple espera pasiva, senón forza transformadora que nos move a buscar respostas á pregunta: Que podo facer e esixir eu por un mañá diferente e mellor?

No próximo artigo conto con falar dalgún tesouro atopado no Castro de Viladonga, en concreto, dun dos dous torques que a última hora tamén se viu forzado a emigrar para Madrid sintonizando así co empobrecemento do rural; xa que, aínda que afincaba no Museo Provincial de Lugo, esta cidade, por sorte, conserva moito de rural e algún dos que escribe en letra impresa, por desgraza, ás veces tamén parece conservar non pouco de aldeanismo no máis pexorativo sentido da palabra, coma se as murallas de Lugo fosen as paredes dun curral de calquera casa de aldea no que cando cadraba se xuntaban algúns ou algunhas que non tiñan moito que facer ou de que falar para esfolar a outros coa lingua. Hoxe nas aldeas xa case non queda xente nin para iso, pero menos mal que se conserva a tradición en medios modernos de comunicación orais e escritos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES