Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soidade (X)

jueves, 28 de noviembre de 2013
DOUS VELLOS E UNHA SOA SOEDADE (e X)

TOÑA E MANUEL: DOUS TESOUROS QUE AÍNDA LATEXAN

Toña e Manuel, deixándose levar dun certo egoísmo mesturado co desexo de estreitar a incipiente, pero xa cordial amizade, aledáronse de que aquela tarde os mociños que chegaran preguntando polo camiño do castro e soñando con tesouros non puidesen subir a el, porque así probablemente volvesen outro día.

Insistíronlles nesa idea de volver e propuxéronlles que cando viñesen o fixesen xa pola mañá, pois tamén había combinación de liña, dispostos a xantaren con eles. Non lles pareceu nada mal a proposta aos convidados,
sempre e cando lles deixasen nas súas casas.

Pepiño, o neno, dixo todo cheo de inocencia:
-Se me deixaran meus pais, viría de boa gana nas vacacións pasar uns días con vosoutros.

E tamén dende a súa inxenuidade preguntou:
-Por que os vosos fillos, Xulián e Xosé, non veñen máis a miúdo? É que son malos?

Acariñándolle a cabeciña con toda a tenrura que pode caber na man encalecida dun vello respondeu Manuel con moito repouso:
-Non, homiño, non, os nosos fillos non son malos. Eles non son os culpables. Eles tamén son vítimas. Os malos sonche os sistemas causantes da necesidade que motiva que tantos fillos desta terra tan rica tivesen que irse gañar o pan a outras terras, se cadra, menos ricas, pero que tiveron máis quen mirase por elas. Dese xeito os nenos que terían que nacer aquí nacen aló, ou non nacen. En calquera dos casos, non son de aquí.

-Non te entendo -volveu a dicir o neno.

-E Deus queira que nunca teñades necesidade de entenderme, -volveu tamén a responder o vello.

Por fin despedíronse os cinco rapaciños contando con volveren sen tardar.

Nada máis apartárense uns pasos de xunto daqueles dous vellos, comentou a adolescente María:

-Non sei se haberá ou non tesouros moi antigos enterrados no castro. A ver que descobren nas escavacións que están facendo. O que acabamos de aprender con toda certeza é que nas proximidades do castro hai dous tesouros vivos que aínda latexan.

Deus queira que latexen por moitos anos -dixo Andrés.

Toña e Manuel, despois de bicárenos, seguíronos coa mirada ata podérenos de vista e cando deixaron de velos, preguntoulle Toña con certa desconfianza ao seu Manuel:

-E volverán, Manuel, volverán?

O home botoulle o brazo esquerdo por riba do ombro a aquela muller que, aparentado ser máis feble ca el era o seu insubstituíble apoio, e confirmou moi seguro do que dicía:

-Volverán, Toña, volverán!

Preguntou ela unha vez máis:

-Estás moi seguro, Manuel?

Entrando xa para a casa, que con moitos traballos foran sostendo e reformando un chisco e que non tardaría en quedar baleira, sentenciou el:

-É que fas unhas roscas, Toña, que son como drogas. Quen as proba unha vez xa non pode vivir sen elas... e eu probeinas.

Toña, erguendo a cabeza, tropezou coa súa mirada nos ollos de Manuel. E volveu a ver aqueles mesmos ollos de cando Manuel tiña vinte e poucos anos. E o home leu nos ollos da muller a mesma peza que tocaba o gaiteiro cando bailaron agarrados por primeira vez.

Os dous patrucios déronse un bico que lle soubo a vinte e poucos anos, o mesmiño ca aquel primeiro que se deran ás furtadelas na penumbra dunha ruada había moito anos.

Aquí remata esta historia que, como poden lembrar quen leron a introdución está baseada na peciña de teatro escrita por Marica Campo e por min aló polo 1977.

Desexaríamos de todo corazón que fose historia pasada, pero, por desgraza, segue tendo plena actualidade. Non haberá nada que facer e haberá que seguir resignándose a lamentar desgrazas?

Rematada a historia, quedan aínda para publicar dous epílogos referentes a este memo tema. Graciñas por aturarme.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES