Territorios sentimentales (arte e identidad)
A profesora Carmen Pena López, vilalbesa en Madrid, Catedrática de Historia da Arte contemporánea, publica TERRITORIOS SENTIMENTALES (Arte e identidad), na colección Ensayo, da Biblioteca Nueva, libro que ven de ser presentado o pasado 15 no Museo de Bellas Artes da Coruña.
A Carmen Pena, aínda que nacida en Salamanca. en Vilalba considéraselle vilalbesa. É filla de xuiz, en Vilalba estudiou alomenos un curso na histórica escola de Dona Amelia, e mantivo coa vila e as súas xentes un permanente contacto. Só na súa familia se da a circunstancia de que tres dos seus membros foron mantedores do Certame Literario de Vilalba e Pregoeiros das festas patronais. En 1986 foino seu pai, Pablo Pena de Olano. O ano 2000 foino ela, e anos despois seu irman José María Pena López. Aos tres tiven a honra de presentalos como secretario do xurado do Certame Literario. Carmen Pena, por certo, foi tamén Raíña das nosas festas patronais.
Carmen Pena ten no seu haber amplas investigacións e numerosas publicacións, merecendo ser subliñado un libro dedicado á historia da paisaxe española da fin do século XIX e comezos do XX que veu a luz en Editorial Taurus en 1983, reeditado en 1998, no que analiza a paisaxe española na arte, especialmente o mito da paisaxe castelá en contraposición simbólica coas paisaxes do norte, especialmente de Galicia.
Ten publicado, asimesmo, unha historia da arte galega dentro do libro Los Gallegos en Editorial Galaxia, e no xornal El Independiente foi, durante cinco anos, crítica da arte contemporánea.
O libro TERRITORIOS SENTIMENTALES é unha profunda e orixinal visión da interacción entre a arte e a terra, o pensamento, os sentimentos, ata o punto de entender que a arte dun pobo e dunha xente é como unha radiografía histórica, esencial, sentimental, das xentes que a crean e a disfrutan.
A miña visión do libro, forzosamente de profano asomado á fondura dun tema no que nunca me tivera parado a pensar, é dunha lonxana aproximación a un mundo novo, no que a arte se evidencia cun vencello moi especial coa vida, co sentir, coa historia, coa personalidade dun país e das súss xentes.
Destaca a autora que España, desde o Renacemento, non foi emisora ou productora de propostas modernas senón unha esplendorosa e magnífica periferia comparada con Roma, París, Florencia ou Nova Iorque. E sen embargo Velázquez, Goya, Picasso, Miró, Gris, Chillida, Tapies ou Barceló foron pezas centrais e universais do barroco, da pintura moderna, e da construcción vanguardista e postvangardista universal.
Como primeira mostra do arte hispano coñecido, aparece a Dama de Elche, icono emerxente do sochán dos antigos rituais, que brota da terra coma a auga, coma a herba, coma os árbores, coma o trigo, pero o estudio da profesora Pena parte especialmente da obra de Goya, -fogonazo de luz-, precisamente cando España tocaba fondo no seu proceso de decadencia como imperio, e do feito de que a arte española desde a súa periferia ou a causa dela- xirou de forma obsesiva en torno á cuestión especifica da identidade das identidades- para mitificala ou desmitificala, para academizala ou para catapultala á esfera do moderno e universal.
De Goya analiza as paisaxes, oscuras, densas, inquietantes, que herdarían as vangardas plásticas do 25 ou literarias do 27, e así España e os españois foron vistos cualificados- a través da pintura, das oscuridades, de Goya, ao que consideraron expresivo do español, destacando que aquela identidade única fragméntase logo cando se procuran outras identidades nacionalistas catalana, vasca, galega... cada unha cos seus tópicos identitarios, en competencia coa idea dunha identidade única .
Eu sempre adoitei considerar a arte como unha expresión estética, sen máis trasfondo, tendo en conta o necesario carácter comercial que convén á necesidade de pervivencia do propio artista, pero velaquí que existen outros territorios os do sentimento, os da alma, os da nosa profundidade humana nos que a arte ten moito que ver ( teno todo), e este libro da profesora Pena é a porta perfecta para meternos en fonduras adentrándonos en terreos sensibles e profundos nos que mirarnos e comprender.