Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O traballo

jueves, 21 de noviembre de 2013
Sei dunhas conferencias que organizou “O Grupo Doxa de Filosofía” sobre o traballo, polos medios. Gustaríame asistir a elas; pero un certo grao de xordeira dificúltame seguir con proveito as exposicións dos relatorios. Só teño meras referencias deles pola Prensa. Supoño que se abordou con algunha orixinalidade a temática do “postraballo”, selección eloxiable, porque a Filosofía tamén ten moito que dicir aquí. En todo caso, os poderes fácticos que emerxen no seo dun capitalismo que pretire os valores dun humanismo cada vez máis depauperado, debería ser a teima filosófica destes tempos, clarificando as implicacións.

Traballar para comer e soster unha vida honradamente é un privilexio do home / da muller, un elevado honor que lle permite ostentar con orgullo un señorío ben oposto a aquel que ostentaban os que en séculos pasados vivían a expensas do traballo da poboación obreira e proletaria e dos sufridos nenos. E mesmo o consideraban como unha deshonra.

Lembremos que aínda na primeira década do século XIX, Sir Robert Peel pedía que os gobernos prohibiran traballar brutalmente aos nenos menores de dez anos...!, e o arquidiácono Paley, un alto dignatario da Igrexa Anglicana, xustificaba as grandes desigualdades na sociedade inglesa do seu tempo, na súa obra “Teoloxía Natural”.

Máis indignidade dos dignatarios...!. Un tal Scrive, un riquísimo fabricante de Marquette, cerca de Lille, no 1.857, nun congreso en Bruselas, di: “Nosoutros introducimos varios medios de distracción para os nenos. Ensinámoslles a cantar durante o traballo, e a contar igualmente traballando: isto entretenos e permítelles aceptar con valor esas DOCE HORAS DE TRABALLO(!!!) que son necesarias para procurarlles os medios de subsistencia”. Páx. 289 da obra “Historia Social del Trabajo”, de Pierre Jaccard, Plaza y Janés, 1.977. (As maiúsculas e parénteses, son meus).

Hoxe en día son moitos os homes e mulleres que están no paro, e non é nada fácil saber o número axustado á realidade, non só pola picaresca dalgunhas persoas, senón tamén porque non sabemos moi ben se debemos facer caso as oficinas de colocación, ó Ministerio de Traballo ou ás enquisas da poboación activa; pero si temos a certeza de que son de infarto as familias que están na indixencia. E mentres os Scrives e os Paleys da nosa sociedade están vivindo nun marco financeiro privilexiado, so pretextos poucas veces xustificados.

Son diversas e de desigual importancia as causas do paro: A crise económica; un crecemento vertixinoso da poboación, que dificulta a colocación de tanta man de obra; a técnica, con aparatos moito máis eficientes que o mesmo home; o descontrol dos prezos, que induce á necesidade de traballar horas extra; a elección, en España, dun modelo de desenrolo cando menos discutible, e, claro está, un capitalismo salvaxe que antepón os valores económicos aos éticos e xenericamente humanos.

Para poñer remedio a esta situación son varios os factores que se deben ter en conta: As demandas interior e exterior, estimulando as inversións dun capital que non quere correr riscos; focalizar os estímulos en sectores con maior impacto na demanda de traballo; levar a cabo medidas no sector agrario, para que non emigre a xente do campo, e aquí faise todo ao revés, aplicando medidas esaxeradas de biodiversidade, que poñen en perigo os produtos agropecuarios, primando actividades deportivas de case nula produtividade e descoidando o control dos prezos da venda deses produtos vía intermediarios; regular os créditos bancarios, para dotar ás empresas de reservas líquidas e compensar os esforzos do seu saneamento; vixiar e controlar as rendas do capital, para que de verdade teñan unha función social, exercendo unha crítica sobre as formulacións económicas que intenten sofisticala; etc.

Desgraciadamente, esa tan esperada conferencia política socialista produciuse, salvo algúns brotes illados, nun ambiente de escasas iniciativas, reiteradas remisións aos obxectivos tópicos dun pasado superado, sen dar razón abondo do impacto real dos recursos económicos necesarios, nin ofrecer as fontes ponderadas de onde obtelos, para levar a cabo as promesas de solución dos problemas sociais.

E isto non ilusiona a un pobo que ten moi ben aprendida a lección dos gobernos dunha e doutra cor e coñece o recurso: Botarlle encima a culpa ó que deixou o anterior goberno, como pasou co Señor Rajoy, que estivo varios anos na oposición e non foi capaz, polo que parece, de informarse da situación do país, coa conseguinte proposta dun programa moito máis virtual que real, nunha situación que xa evidenciaba a dificultade de cumprilo, e con extrema gravidade no sector do traballo. E non falemos da negativa do Señor Zapatero a recoñecer a crise, cando xa era evidente; algo que hoxe el mesmo lamenta que ocorrera.

Contemplado todo así nun horizonte global, tampouco se poden albiscar prometedoras saídas a un exceso de poboación; á un control eficiente dunha tecnoloxía altamente sofisticada e trituradora da man de obra, e a ese capitalismo deshumanizado, que aínda non aprendeu que, se leva á masa de traballadores á indixencia, comprometendo a independencia e dignidade dos mesmos, está propiciando a súa propia ruína. É dicir, os problemas a nivel global semellan aos de cada país.

A insensibilidade capitalista a todo isto, non pode velar a evidencia histórica de que non haberá retorno aos tempos dos Scrives e Paleys. Ten que correr o velo, se non quere arriscarse a perigosas reaccións revolucionarias con imprevisibles métodos operativos: Vivimos no século XXI, con colosais medios de comunicación, profundos cambios na mentalidade das persoas e non poucos instrumentos que potencian as súas capacidades, noutras épocas enervadas mediante procedementos hoxe en día ineficientes.

Pero a globalización é un feito de primeiro nivel para o capital financeiro, porque non coñece fronteiras e, nun tempo de poucos segundos, trasládase a todas as partes do mundo, e sabe moi ben o camiño que conduce aos paraísos fiscais.

Os gobernos, as institucións, que teñen que vixialo, en nome do interese xeral dos cidadáns, sempre chegan con retraso. Velaquí o perigo das disgregacións, dos egoísmos, da carencia de sentido da responsabilidade comunitaria, que levan a incrementar a diferenzas entre ricos e pobres, xerándose en cadea esixencias nacionalistas e posturas intransixentes, que os mesmos partidos desatenden para mirarse no seu propio embigo, sen articular as medidas de previsión adecuadas, o que sempre afecta ao traballador de maneira especial, porque todas as forzas son poucas para levar a bo fin os necesarios controles.

Considerando como un factor a ter en conta na temática do postraballo á xubilación demasiado prolongada (ignoro o seu alcance e trato neste marco), parece xustificada unha ponderada revisión, sen deixar pasar a oportunidade, como pasou cos famosos “copagos” en sanidade, que deberon ser introducidos fai bastantes anos dunha maneira rigorosamente selectiva, en vez de presumir da mellor sanidade do mundo: un grupo que non debería pagar nada, porque non ten recursos; outro grupo con un cargo dun 30 %, a clase media, e un terceiro, nunha situación económica alta, con un 50%. (É un modo de ofrecer un exemplo, que pode resultar discutible; pero agora pagan todos a mesma cantidade mensual, ricos e pobres. O colmo da inxustiza distributiva das cargas!).

En todo caso, non nos encontraríamos nas farmacias con xente de extrema necesidade á que se lle regateaban certos medicamentos especialmente caros, mentres os adiñeirados levaban as bolsas repletas, sen demasiado control, aproveitando con escasa vergoña as súas relacións sociais. E así nos foi, cos gobernos progresistas e cos conservadores, concedendo, ademais, a inutilidade a persoas que andaban apoiados en muletas, coas facianas angustiadas, ata que foron confirmadas as súas xubilacións.

Bo é que a Filosofía pelexe por introducir especulativamente espazos de claridade e orientación naqueles terreos onde tan poderosas mans sementan a confusión para esvaecer a verdadeira realidade, evidenciando así que a mesquindade no ensino da mesma non se corresponde co seu papel social. E sobre isto volveremos oportunamente.

Porque, evidentemente, o “pensamento político de conveniencia” rexeita a “conveniencia dun pensamento político crítico”, que, como guía e regulador do quefacer dos rexedores públicos, debería denunciar as solapadas actitudes de favoritismo a sectores da sociedade que, ben sexa pola súa inserción en ámbitos financeiros sen adecuada regulación e control, ou ben sexa por unha certa posición predominante na mesma, aproveitan os baleiros xurídicos, case sempre DELIBERADOS, para acadar trato de privilexio e impunidade, abouxando con arrogancia aos mesmos medios persoais cos que adoitan contar as institucións do estado.

Respectuosamente, é mester desmentir a Séneca, no que escribiu na epístola 107, 11: “Ducunt volentem facta, nolentem trahunt” (“a quen quere, condúceo o destino; a quen non quere, arrástrao”). Porque, sen entrar en disquisicións filosóficas, os comportamentos sociais das persoas integrantes dos grupos privilexiados son regulables e non deben ser considerados, como a veces se adoita oír, algo inevitable: ó FADO aquí hai que atalo corto, en beneficio da sociedade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES