Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Calcorra e o Metílico

miércoles, 20 de noviembre de 2013
Conta Celso Emilio Ferreiro na biografía que escribiu sobre Curros Enríquez, mediado o século XX, que logo de morrer a súa nai Petra, o seu pai, José María Curros -o vello Calcorra-, co que mantivo unha relación de amor-odio ó longo de toda a vida, 'como no tiene amor de sus hijos y se encuentra viejo y achacoso, procura el amor extraño y mercenario de unas mujeres que, a la vez, son sus criadas...'

Unha noite -continúa o relato ferreiriano- 'se encontró enfermo y ya no se levantó más de la cama porque las dos barraganas, valiéndose de la escasa vista del anciano y de su chochería ya acusada, habían recurrido a un curioso expediente para tener a don José María en el lecho'.

O caso foi que, para que o vello non as incordiara, decidiron tapar cunhas sabas unhas árbores que o vello Calcorra malamente intuía a través da xanela da habitación e cando o escribano quería erguerse, as criadas abrían a fiestra e dicíanlle: 'Mire, mire, don José, que nevada caíu. Fai un frío do demo'. Polo que o pai do poeta -alleo ás calores estivais- empezaba a tiritar e acababa pedindo dúas mantas máis. Así, ata que, cando chegou o inverno 'el duro, el inflexible Calcorra se murió, posiblemente de frío auténtico'.

De frío e de vello engadiría eu, xa que logo, o día do seu pasamento -9 de decembro de 1888- contaba nada máis e nada menos ca 88 lonxevos anos para a época da que estamos a falar.

Non ten moito que ver esta, tan pouco crible como literaria, anécdota co asunto do que vou escribir, pero por unha asociación de ideas lembreina nantronte no Auditorio da capital mentres asistía á proxección do documental que a modo de homenaxe o meu veciño Fernando R. Méndez e Emilio Ruíz Barrachina realizaron este ano co gallo de se cumprir medio século dende que unha morea indeterminada de homes e mulleres humildes desta nosa terra e doutras terras do resto da península -incluso das Illas Canarias-, foron asasinados con ese tristemente famoso alcohol metílico que a avaricia e ambición desmedida mesturaron en bebidas tan familiares que, daquela, máis ca dos días de festa, formaban parte da propia dieta diaria da aldea.

Contan no documental que un dos síntomas previos á morte, despois da inxesta dese alcohol letal, é que todo se torna completamente branco antes de bater na cegueira total.

Por iso lembrei ó vello Calcorra enganado por aquelas dúas lavercas e ollando cara un horizonte branco na horta sen reparar na calor do verán.

Porque a cobiza ten mil caras. Unha veces literarias. E outras -velaí o caso do metílico-, tan dramáticas como inxusta e sinistramente reais.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES