Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A paxeta faladora

jueves, 21 de noviembre de 2013
A paxeta faladora ¡Ola!

Son un paxeiro, é decir, un cesto de varas, polo xeral de base ancha, que en moitos lugares de Galicia se usa para cura-los queixos.

O paxeiro que lle vai contar algunhas das súas andanzas por terras das Mariñas, alí chámanlle PAXETA que se diferencia do paxo porque está feita de varas máis finas e xeitosas, ben peladiñas e brancas, de forma cuadrangular, base ancha e laterais de pouca altura. No centro de dous dos laterais opostos, na parte superior leva unha asa a cada lado para agarrala con máis facilidade á hora de subila e baixa á cabeza da muller transportadora.

Nunca vin un home cunha paxeta na cabeza. Por eso falo da muller transportadora; aínda que supoño que podería ser un home tamén. De ningunha maneira quero facer discriminación de xénero. Deso xa se encargan outros.

A paxeta que lle vai falar é unha desas paxetas que está abandoada nun faiado, ou nunha palleira ou en calquera recuncho dunha casa da aldea da comarca das Mariñas de Betanzos.
Nesta ocasiónm a miña ama botou man de min para que vostede poida verme.
¡Grazas amiña!

Xa son velliña porque deixo feito moito servizo os meus amos e á sociedade galega en xeral.

Agora non me mandan facer nada porque á miña idade xa non estou para trotes. Estou quebradiza e calquera movemento inoportuno acabaría comigo nun instante. Debo ter eso que os humanos chaman OSTEOPOROSE; pero a miña debe ser unha OSTEOPOROSE PAXETEIRA. Noto como a polilla me vai roendo...

Non teño cerebro, por eso delego nalgunha persoa como pode ser Mercedes para contarlle o máis destacado das miñas andanzas. Aínda que quen mellor as poderían contar serían as mulleriñas que me carretaron; pero desas seguramente non quedará nungunha no país.

Na miña ancianidade, síntome agradecida ós meus amos por deixarme aquí en repouso; porque así podo contarlle como foi a miña vida.

Son filla dun salqueiro/sabugueiro ou dun vimbieiro. Non sei exactamente porque os meus amos nunca me dixeron eso. Para eles o importante era o servizo. A miña procedencia era o de menos.
¡Que insensibilidade a súa, co importante que é ter raíces, sabe-la procedencia!
¿A vostede nunca se lle ocorreu face-la súa árbore xenealoxica?
En calquera caso saberá quen son ou foron os seus pais, os seus avós e os bisavós...
Pois eu... nin eso.

Pero o certo é que no seu momento alguén plantou un vimbieiro pensado que daría vimbios para elaborar tantas pexetas e tantos cestos como se precisaran.

Se son filla dun salgueiro ou sabugueiro é probable que alguén me plantara na beira dunha finca para pechala de xeito natural e cando as súas pólas alcanzaron a talla suficiente, alguén cortounas e con moito tino levoume nun brazado para a súa casa.

Unha vez na casa puido empregar dúas fórmulas para sacar á luz a miña beleza interior:

-Se era urxente a miña posta en servizo, meteron as varas nunha caldeira con auga ben quente, tan quente como fora necesario para pelarme. É probable que me pelaran ó instante. Neste caso perdín a pel a pedazos en poucos minutos.

-Se non era tan urxente a miña posta en servizo, enterráronme na horta, ó pé da casa e taparonme cunha manta de terra húmida durante oito días ata que a miña pel estivera molente e me abandoara de por vida.

En calquera dos casos, quitáronme a pel pero a miña beleza estaba debaixo dela. Cando me vin de cor branquiña, sentinme guapa e favorecida e –naquel intre – xa esquecera o sufrimento pasado.

¿A vostede non lle pasou agunha vez que por presumir tivo que sufrir?

Nesta vida todo ten un prezo e o presumir non o ten menos.

Cando me vin docemente tratada nas mans das persoas que se dedicaban a esta digna profesión e fun collendo forma xa pensei:

-Son útil.

-Sirvo para algo.

-O ser humano vaime tratar con agarimo porque lle vou facer moito servizo.
(No fondo, no fondo ...o ser humano é bastante egoísta, pero desto mellor non falar.)

Ó pouco tempo así foi: tratábanme con cariño, mantiñame limpiña e de vez en cando levávanme de paseo. Ía ás feiras, ós mercados, ás romarías e incluso me levaban ó médico de vez en cando.
Ó médico, levábanme, cando tiña que facer o servizo do que hoxe coñecemos co nome de: “PADIOLA”.
Si, si. Non se estrañe do que lle digo porque algunha vez tocoume de facer de PADIOLA. Xa lle contrarei... Xa lle contarei...

CANDO ME LEVABAN ÁS FEIRAS, AGACHABA MOITOS TESOUROS:

-QUEIXOS FRESQUIÑOS ou curados feitos na casa con leite das vacas de raza rubia galega.
(O xeito de face-lo queixo era todo un ritual, pero deso falaremos outro día).
Por veces o soro do queixo mollaba algo as miñas varas, pero a cambio deleitábame co cheiro perfumado do queixo fresquiño.
Se o queixo era curado, desprendía o seu aroma característico; pero non me mollaba.

-UN BOCADO DE TOUCIÑO OU DE CACHOLA que fora cortado ás agachadas pola miña ama (cortábao ás agachadas, porque escaseaba) para cambiarme por un cuartillo de aceite, unha pastilla de xabrón e un pouquiño azucre se había algún enfermo na casa.

-UNHA DUCIA DE OVOS que pasarían ás mans das tratantas en canto chegaran á feira.
Xa dicían as malas linguas que as galliñas “poñían co cu cara á vila ou cara á feira máis próxima”.

Vostede ben me entende o que lle quero dicir.

-UN FERRADO DE CENTEO para vender na feira do gran a algún descoñecido que me levaría para a semente ou para transformarme en pan para un cocedoiro. Tamén había tratantes de centeo. Incluso había quen se dedicaba ó estraperlo despois da guerra.. ¿Quen sabe?

- UNHA PELA DE UNTO do porco da última matanza que faría sabrosos pratos de caldo galego para os señoritos da vila.

-OU UN POUCO CEBOLIÑO se era o tempo. Neste caso serviría de “expositor”. A miña ama colocaríame coas raíces de fóra, ben igadiñas; para que viran que as tiña boas e que prenderían en canto me botaran unha mantiña de terra mullida enriba.

-Ou UNHAS PERAS DE MANTEIGA que mercaría alguén que tivera enfermidade na casa para mollarle a boca ó enfermo de vez en cando.

-E tamén UNS CALCETÍNS DE LA feitos con présa a noite anterior. ¿Quen sabe a quen lle quentarían os pés ó día seguinte?

-En moitísmas ocasións fun CARGADIÑA CON FROITA A BETANZOS ou á montaña. Nesta comarca había moitas árbores froiteiras que daban froita para os betanceiros e tamén para a xente da montaña. (Os da montaña daquela non tiñan froita porque alí o clima é duro..)
Ía moi cargadiña, pero en certa medida ía cómoda porque a miña ama poñía un MOLIDO na cabeza para que eu descansara nel.
A verdade é que eu descansabea no molido, pero o molido descansaba na cabeza da miña ama. Nunca souben como podía manter tan ben o equilíbrio.
A muller galega é do que no hai en ningún outro sitio. Toda unha estampa de enxebrismo.
A muller e maila vaca rubia galega... ¡Non hai outra no mundo como ela!

-Pero cando máis contenta estaba era CANDO ME LEVABAN DE ROMARÍA. Neste caso levaba lambetadas.
Levaba de todo o melloriño que se facía para comer de campo ou incluso para ofrecer ó santo de turno.
Daquela había quen facía ofrendas ó santo para que lle curara unha enfermidade o para que lle solucionara calquera outro problema.

Eu nunca comprendín por que os santos necesitaban aquel tipo de alimentos; pero os curas comprandíano moi ben e favorecían a situación dicindo que aquel santo ou santa era moi avogoso/a para esto ou para aquelo. O caso era convencer á población labrega para que “soltara a galiña”
(A verdade é que tampouco sei se o cura o favorecía por acercar as almas a Deus ou por outras razóns...)
Hoxe eso seguramente terá pasado á historia.
O certo é que eu tamén gozaba da música da gaita, das cantigas populares, das xitanas que botaban a “BOAVENTURA” ós romeiros inxenuos, da músca da orquestra e doutros moitos entretementos.

Se ben era certo que me gustaba ir ás festas de romaría, o labor máis importante a nivel humanitario foi cando LEVABA BEBÉS Ó MÉDICO A BETANZOS para que lles curaran as queimaduras producidas pola auga fervendo ou polas brasas da borralla.

Lembro que nunha ocasión, unha criaturiña de poucos meses que estaba durmindo pracidamente no berce ó pé da lareira cando lle caeu por riba auga fervendo que estaba posta ó lume para face-lo caldo.
O accidente produciuse porque detrás da lareira estaba un avó de avanzada idade que precisaba quenta-las canelas.
O ancián nun descuido, pisou un tizón que removeu o tres pés (ou trébades) e provocou que emborcara a pota con auga fervendo xusto cara ó berce no que se atopaba a criaturiña.

¿Vostede non lembra como se cociñaba nas casas da aldea na primeira metade do século XX? Eu si...Sígolle contando:

A naiciña estaba cerca da criatura, pero non puido facer outra cousa que despegarlle a roupiña, envolvela como puído con moito tino, colocala na paxeta e saír correndo con ela para o médico máis próximo que se encontraba a hora e media de camiño.
Nin que dicir ten que non había servizo de transporte público nin privado.
O único medio de transporte era o coche de San Fernando, un pouquiño a pé e outro pouquiño andando.
Grazas os esmerados coidados da nai e do médico, a criaturiña puido salvarse a pesar de que as queimaduraes eran graves e extensas.

Eu, a PAXETA que lle fala SERVÍN DE PADIOLA UN DÍA E OUTRO DÍA e así ata que a criatura foi recuperando pouquiño a pouco a súa tenra pel.

Pasaron miotos, moooitos anos e aínda é hoxe o día que aquela persoa leva as cicatrices daquel desventurado accidente; pero cada vez que ve unha paxeta; do seu corazón sae un profundo agradecemento.

Deste acto de servizo é do que me sinto máis orgullosa, porque colaborei a salvarlle a vida a unha persoa. O acto máis heróico que calquera pode facer.

Tamén fixen outros moitos servizos á comunidade, pero deso xa pouca xente se acorda.

A min deixáronme aquí abandoada, triste, soa, totalmente esquecida. Por eso agradezo que alguén me dera a oportunidade de contar algunhas das miñas andanzas.

(Perdoe que faga un inciso; pero aínda é moito peor a soidade que sofren moitas persoas que en moitas ocasións viven rodeadas de persoas próximas... Se eu poidera contar todo o que sei...)

Non me lembro de tódalas miñas andanzas porque foron moitas e porque a miña memoria deixou de exercitarse dun tempo a esta parte e quedouse en ser.
Xa pensei que ninguén se acordaría de min, pero hoxe son feliz de poder contarlle estas historias tan reais como a vida mesma.

Xa son velliña e agora só me queda a esperanza de descansar para sempre nalgún museo etnográfico deses que tanto proliferan agora e onde teño oído que coidan moi ben ás paxetas.

Gustaríame quedarme no MUSEO DAS MARIÑAS DE BETANZOS para que alguén poidera visitarme acompañada dos seus netos e lles contara estas e outras moitas andanzas da PAXETA FALADORA:

-Para que eles SAIBAN agradecer o que se leva feito a favor do progreso que eles disfrutan hoxe en día.

-Para que eles COMPROBEN que os tempos actuais non son máis duros que os dos seus antepasados.

-Para que eles RECOÑEZAN que sen esforzo no hai progreso posible.

-Para que APROVEITEN OS MEDIOS QUE TEÑEN hoxe en día para seguir progresando e colaborar deste modo a unha mellor calidade de vida.

E, por último, moito me gustaría que cando alguén pasara por diante de min, dixera:

“GRACIÑAS PAXETA FALADORA”

E se por pedir fora, non só pediría agradecemento para min, senón tamén para tódolos meus compañeiros e compañeiras que descansan para sempre das súas fatigas nos museos etnográficos.

¡E como non: para a MULLER LABREGA GALEGA, que como ela non hai ningunha!

É propio das sociedades civilizadas estar agradecidos ós seus anciáns e tamén ás cousas velleiñas que deixan prestado un servizo á sociedade.

Por eso me gustaría rematar nun museo etnográfico.

¿Levarame alguén?

En calquera caso, agradezo a ocasión de que vostede dedicara un pouquiño do seu preciado tempo para estar na miña compañía e para escoitarme tan atentamente.

¡ Precisaba imperiosamente que alguén me escoltara!
¡Levaba tanto tempo aquí soíña..!

Qúédolle moi agradecida:

A PAXETA FALADORA

Amigo/a lector/a, grazas por estar comigo de novo.
Se o considera oportuno, o vindeiro xoves, máis de algo diferente. Tratará sobre A IMPORTANCIA DO SABER que a min paréceme moi necesario.
E se non, graciñas por terme na súa consideración nesta ocasión.
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES