Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soidade (IX)

jueves, 21 de noviembre de 2013
TOÑA E MANUEL:
O CEO SERÍA PURGATORIO SE FALTASE UN DOS DOUS

O convite dos dous vellos, Toña e Manuel, aos catro rapaciños e un neno que Deus guiou ata a súa casa, celebrouse, despois de superados os primeiros mecos dos visitantes, na cociña que, aínda que non sexa de lareira, era o lugar máis acolledor nas casas de aldea. Iso si, puxéronse panos de mesa ou "servilletas" de tea coma cando se facía festa naquela casa. Aquela merendiña na que non faltaron as torradas nin o mel nin unhas roscas feitas na casa que Toña gardaba ben tapadas nun bote do Cola Cao, deulles oportunidade aos patrucios de desabafar contando as súas penas e as súas lerias, comunicando as súas angustias, facendo partícipes aos convidados das súas soidades, evocando aos seus netiños co amargor de non verse correspondidos no agarimo que eles lles profesaban.

Paseniñamente foron abrindo os seus corazóns e sementado naquelas terras molciñas que acollían engaioladas canto aquí levamos contado nos capítulos precedentes, pero que, relatado polos propios protagonistas, era unha sementeira moito máis viva e fértil ca que pode facer un alleo dende a sequidade duns folios.

Os novos non cansaban de escoitar e menos cansaban os vellos de falar. Pasou hora e media case sen dárense conta e cando foron a ver, xa non lles pagaba a pena subiren ao castro a quen viñeran soñando con tesouros, antes de que retornase o coche de liña cara á capital. O problema estaba en que non saberían dar razón a seus pais nin aos seus mestres dos resultados da súa viaxe no que ao castro se refería.

Cando, rematado o convite, volveron a saír para fóra da casa e antes de que se despedisen díxolles a Toña:

-Vedes aquel refillo daquela pereira vella? Pois, ás veces sorprendo a Manuel falando, non sei se coa pereira ou co refillo, coma se eles tamén lle levasen a conversa. Desconfío de que estea perdendo a cabeza.

Explicou este:

-Éche cuestión máis de corazón ca de cabeza. Esa pereira e máis eu claro que nos entendemos. Somos coma da familia. Ela foi plantada o mesmo ano que eu nacín. Xuntos medramos, xuntos vivimos e xuntos acabaremos de acabarnos, pero tras dela queda un refillo enraizado na súa mesma terra...

Se eu tivese a desgraza de enviuvar o que máis me vencellaría a esta casa sería esa pereira xa medio oca. Teño que axudarlle a criar o seu refillo, porque para ela debe ser coma para nós un neto.

-Se quedara só, non volvería con algún dos fillos para Barcelona ou para Tarrasa? -preguntou un dos mociños.

Despois de cavilar un anaquiño, respondeu Manuel:

-Penso que non, mentres me puidese valer. Fun transplantado unha vez e tiven a sorte de non secar de todo, pero as miñas raíces, por vellas, non resistirían volver a ser arrincadas. Eu xa non sei nin podo aprender a vivir separado das cousa que configuraron toda a miña existencia.

Interveu Toña con acedo humor:

-Só non podes quedar moito tempo, Manuel, que Deus ben sabe que non nos afacemos un sen o outro, e para min o ceo sen ti sería un purgatorio.

Quixo chancear tamén Manuel con pícara tenrura:

-Claro, muller! Ademais, como te ía deixar eu moito tempo soa, se, co boa moza que estás, igual te me enguedellabas por aló con outro máis novo e mellor parecido ca min. Por se un caso, iría a miúdo facerche unha visitiña e de paso botar un ollo ao cemiterio. Pero ten por seguro que se eu quedase atrás, non tardaría moito en seguirte e, se me vou diante, tan axiña como me deixen, veño buscarte, que para min a luz sen ti é escuridade.

Pepiño, o neno, meteuse entre os dous e deulles a cada un súa man para que lla collesen. Así o fixeron e o crío notou como aquelas mans moito meirandes cas súas e inicialmente frías, se ían quentando co lume do agarimo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES