Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Schopenhauer e Baltasar Gracián

viernes, 15 de noviembre de 2013
Comprendo que o título non lles diga moito; pero o filósofo Arthur Schopenhauer e Baltasar Gracián teñen algo que ofrecernos de rabiosa actualidade. Escúsenme de moitas referencias biográficas deles: O primeiro é un filósofo alemán (1.788- 1.860) e o segundo, un escritor español, de estilo conceptista (1.601-1.658). O filósofo mantén a tese de que o mundo natural é obxectivación da vontade, porque – pensa el – que este mundo, tal e como o vemos, non é máis que a representación do que, en si, é só vontade. Polo tanto, a natureza ven a ser a faciana externa da vontade. Cousa de filósofos!!!.

O bo de Schopenhauer presentou un traballo, titulado SOBRE O FUNDAMENTO DA MORAL, na Real Sociedade Danesa das Ciencias, en Copenhague, o 30 de xaneiro de 1.840. Foi o único que se rexistrou para un premio creado por esa entidade, e non o gañou: O tribunal di que non contestou á pregunta que se lle formulaba; pero o filósofo, contrariado, argumenta que mal podía contestar a unha pregunta que non se lle fixo, e si contestou a que realmente saíu publicada por esa Sociedade.

Se logrei expresarme ben, vostedes estarán pensando que esta nin tan sequera sabía o que había preguntado. Pois o filósofo argumenta apoiándose en documentación fidedigna e aporta, literalmente, a pregunta, escrita en latín, nestes termos: NUM LIBERUM HOMINUM ARBITRIUM E SUI IPSIUS CONSCIENTIA DEMONSTRARI POTEST?, traducida: “Pode demostrarse a liberdade da vontade a partir da autoconciencia?”.

Cómo é posible, pois, que a Real Sociedade Danesa das Ciencias caera neste despropósito?. Parece que o filósofo no seu traballo criticaba con certa dureza a Hegel e a Fichte, ós que o tribunal consideraba como “summi philosophi” (os máis importantes filósofos); pero esa crítica era un piar do traballo presentado ao premio.

O tribunal, deixándose influír pola opinión xeneralizada, perde obxectividade e sentido crítico e, para descualificar o traballo do filósofo, utiliza triviais argumentacións e aduce absurdas razóns, como a indecencia que supón criticar a filósofos tan prestixiosos.

Schopenhauer deféndese cunha documentada exposición, preguntando quen é máis indecente, se aquel que, sen cumpridos, chamou charlatán a un tal maestro de absurdos (referíase a Hegel), ou aquel que decretou EX CATHEDRA ACADEMICA (o tribunal) que é un “summus philophus”?. E contéstase así:

“Xustamente por iso, a rapsodia española que quero citar como conclusión festiva deste prólogo é tan asombrosamente de actualidade que podería xurdir a sospeita de que estivera redactada en 1.840 e non en 1.640”; e traduce ao alemán, do Criticón de B. Gracián, todo o que se refire ao prodixio da cualificada coma a aguia de Xúpiter, “que fala e discorre como tal, que se re ao Zoilo e pica ao Aristarco; non dirá palabra que non encerre un misterio, que non conteña un concepto, con cen alusións a cen cousas, todo canto dirá serán profundidades e sentencias”. A sabedoría por excelencia...!!!.

O auditorio quedou preso das palabras do Charlatán, que “comezou xa a tirar dunha groseira brida, e asomou o máis estólido dos brutos, que aínda o nome ofende”. Todos vían ese portento de erudición e elocuencia e cando algún dubidaba recibía unha cotenada do máis próximo, para advertirlle que ía a ser obxecto de risa.

Houbo algún que se atreveu a dicir: “Xuro como home de ben que eu non vexo que sexa aguia, nin que teña plumas, senón catro pés zoupos”. Pero, a maioría víalle as alas e ata lle contaba as plumas!. E esa aguia resultou ser un burro; pero o auditorio tamén cambiou de visión en consonancia coas “personalidades” da quenda e tivo que soportar a realidade.

Mesmo traduce Schopenhauer a escena do xigante: O charlatán failles ver como xigante a un pigmeo: “O xigante – gritaba algún –, o máximo, o maior!, esperando cadaquén un oficio e un beneficio, e dicían en secreto, aló nas súas interioridades: que bravamente minto, que non é crecido, senón un anano!”.

O último parágrafo que traduciu do Criticón, di así:
“Non pararon aquí os embustes do Sinón moderno, antes botando polo contrario, sacaba homes eminentes, xigantes verdadeiros, e vendíaos por ananos, que non valían cousa, que eran nada, e menos que nada; todos daban en que si, e habían de pasar por tales, sen que ousasen rosmar os homes de xuízo e de censura: sacou a Fénix, e deu en dicir que era un escaravello, e todos, que si, que o era, e houbo que pasar por tal”. Ata aquí chega o abraio...!!!.
(A curiosidade do lector pode quedar satisfeita se consulta “Los dos problemas fundamentales de la ética”, de Schopenhauer, editado no Siglo XXI de España Editores, S.A, Barcelona, 2.003, traducido do alemán por Pilar López de Santa María, quen fai unha Introdución moi interesante).

Pero eu traio aquí todo isto porque quixera resaltar, e tamén documentar, unha constante histórica, se me permiten chamala así: A aceptación NON crítica do que din os líderes nas súas intervencións públicas por quen os segue, sempre comporta un evidente interese e unha fundada esperanza de acadar un oficio ou beneficio.

Esta é a couza e o escaravello das democracias, que envolven ás mentes lúcidas e relevantes na neboeira da corrupción, dos egoísmos e das charlatanarías, deixándoas enervadas para funcións máis elevadas. Pero se no século XXI, cos conseguintes progresos, seguimos sendo vítimas desta constante histórica, sempre tan denunciada sen éxito..., podemos, realmente, abrigar algunha esperanza de corrixila?.

Non parece fácil; e, miren por onde, o mesmo Schopenhauer danos a clave do POR QUE nunha das súas citas famosas: “A riqueza é como a auga salgada; canta máis se bebe, máis sede da”.

E isto habería tamén que estendelo a cobiza do poder e a un impulso adulador que denigra ao adulado con atribucións que non lle corresponden. Por iso alguén dixo que os aduladores tiñan a aparencia de amigos, como os lobos teñen a docilidade dos cans, e considerados un pouco máis a fondo, así os describiu Richelieu: “Os aduladores son como os ladróns: o seu primeiro coidado consiste en apagar a luz”, e eu engadiría, “a luz da verdade!”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES