Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dous vellos e unha soa soidade (VIII)

jueves, 14 de noviembre de 2013
TOÑA E MANUEL – XA NON QUEDA PARA QUEN GARDAR CARAMELOS

Nas cabezas daqueles mociños que se achegaban por primeira vez ao vello castro bulían os soños infantís de atopar algún tesouro escondido, por iso sentiron certa decepción cando Manuel lles confesou que, a pesares de vivir sempre a carón del, non atopara ningún tesouro ao longo de todos os seus anos de vida.

Así e todo, non desistían facilmente das súas esperanzas, por iso seguiron indagando. Agora foi unha rapaciña duns catorce anos, chamada Luísa, a que aventurou unha hipótese:

-Se cadra, os que viviron no castro tiñan os seus tesouros enterrados moi fondos.

-Non creo, -continuou escéptico Manuel-. Os antigos habitantes do castro tamén saberían valorar os seus tesouros, se é que chegaron a telos, e non serían tan burriños como para enterralos moi fondos e non gozar deles.

Insistiu a mesma Luísa:

-E se tiveron que fuxir apurados? Supóñase que foron invadidos e escaparon.

-Nese caso, ou os levaron consigo eles cando fuxiron, ou os apañaron os invasores. Non vos parece?

Quedaron sen resposta os pequenos, e mais non por iso renunciaron á súa convicción de que alí arriba podía haber tesouros escondidos.

Querían seguir subindo, pero nin Toña nin Manuel renunciaban de boa gana á satisfacción de reter consigo a aqueles anxiños.

Buscando desculpas para logralo díxolle o home á muller:

-Toña, a ver se tés por aí gardados uns caramelos ou calquera cousa.

Con inmensa tristura respondeu Toña:

-Caramelos? Ben sabes que hai tempo que non temos caramelos. Para quen os habemos ter? Agora xa non quedan pequenos a quen dárllelos.

-Pois logo -seguiu dando ordes Manuel- failles unha tortilla e unhas torradiñas, que para subiren ao castro failles falla repoñer forzas.

Manuel convidábaos de corazón, pero, sen el mesmo ser consciente, as lambetadas eran un cebo para retelos máis tempo consigo. El sempre apreciara o conversar, e agora tiña que aproveitar máis todas as ocasións, porque cada vez había menos con quen falar. Aínda así, avantaxaba á súa muller, xa que ela nunca saía da casa.

Antes de que os nenos puidesen dicir que non querían nada de comer e que non debían deterse por máis tempo, proseguiu en son de compadreo Manuel:

-Mentres Toña prepara a merenda, heivos dar a probar o mel e máis un gotiño de viño doce que teño eu gardado para os amigos. Paréceme que nin Toña sabe que o temos.

Non lles resultaba doado aos mozos darse deslinguido dos patróns, nin quizabes o desexaban con toda a súa alma. Pouco a pouco íanse sentindo moi a gusto con eles.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES