Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benito Montero, un fiscal galeguista

lunes, 11 de noviembre de 2013
A Asociación Cultural O Brado d´A Estrada homenaxeará o próximo día 14 no Teatro Principal ao fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra Don Benito Montero Prego pola súa decisiva contribución á normalización lingüística nos usos xurídicos e xudiciais. Méritos ten abondos para recibir tal recoñecemento.

A galeguización do dereito foi un desexo invocado recorrentemente en distintos momentos da historia de Galicia por xuristas relevantes e congresos celebrados antes e despois da guerra civil. Sen embargo, esa arela habíase materializar moitos anos despois nunha xuntanza celebrada o mes de xullo de 1987 nun restaurante do concello de Rois. A convocatoria fora feita pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, que viña acariñando desde había tempo a posibilidade de pasarmos dos ditos aos feitos. Xuíces, fiscais, notarios e avogados debateron naquela ocasión a estratexia a seguir. Benito Montero Prego foi un dos participantes activos naquela histórica xuntanza.

O “Compromiso de Rois”, como así denominamos aquel encontro de xuristas, recollia un abano de iniciativas que se foron desenvolvendo nos seguintes anos sorteando as dificultades, que non foron poucas. Benito Montero Prego protagonizou con outros compañeiros e compañeiras aquel proxecto. Dinamizaron un proceso que combinaba a organización de seminarios para coñecer o alcance xurídico da cooficialidade coa publicación de materiais que fixesen posible a tan arelada normalización da lingua galega nos usos xurídicos. Pero sobre todo facía falta dar pasos para escenificar a presenza da lingua galega nas vistas orais en todos os órganos xurisdicionais. Benito Montero, que xa o viña facendo, foi capaz de convencer e ilusionar aos demais compañeiros; había que vencer o medo escénico, e asi se fixo. Moitos anos despois, cando as condicións o permitiron, crearíase a Irmandade Xurídica Galega para continuar ese traballo regaleguizador.

Neste camiño foron importantes as traducións ao galego dos códigos civil e penal, Formulario Notarial, etc. Tamén as propostas que el e o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, levaron ao congreso da Unión Profesional de Fiscais para incidir na modificación de normas legais que limitaban o exercicio da cooficialidade lingüística cando nos procesos interviñan instancias xudiciais superiores de fóra das comunidades autónomas. Transcendental foi a creación dos servizos de asesoramento lingüístico no Tribunal Superior de Xustiza e nas Audiencias Provinciais. O entusiasmo e pulo de Benito Montero fixo posible todo iso.

Benito Montero Prego é merecente deste recoñecemento que lle vén de conceder o premio San Martiño, un máis dos moitos que xa recibíu pola súa actividade galeguizadora. Recordo que cando recibíu en Soutomaior o premio “Lois Peña Novo” a persoa encargada de facer a súa louva suliñara as rexas virtudes que adornan a súa persoa: un inequívoco galeguismo forxado co coñecemento da historia e da antropoloxía cultura de Galicia; o seu talante respectuoso cos xusticiables afastado das engoladas, frías e distantes relacións moi propias, lamentablemente,de moitos funcionarios xudiciais; e unha comunicación afable que o fai accesible, fuxindo do cripticismo que caracteriza as relacións da xustiza cos seus usuarios. A prosa xurídica dos seus escritos de calificación, que se contabilizan en moitos milleiros, son un modelo de coidado estilo literario que dignifica a lingua galega nos procedementos procesuais.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES