Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se perdes a casa, xa non es capaz de volver

lunes, 11 de noviembre de 2013
– “Da dor, habitualmente, falan os que non están no sufrimento. E, daquela, de que nos serve? Non será falar para o vento?”. Impresionoume cando llo oín por primeira vez ao meu profesor de antropoloxía. E agora escoiteillo de novo e en carne viva a Lolo.

– “Dos sen fogar e sen teito, dos sen arraigo, escribise desde os despachos. Outra cousa é que te pille a noite, cada noite, verán e inverno, ano tras ano e non teñas onde acubillarte. Xa non falo de repousar. Nin onde lavarte á mañá seguinte. Con roupa cheirando a mollado e secada ao lombo. Onde comer algo de quente, polo menos algunha vez. E o máis humillante é non ter onde facer as necesidades con intimidade e un mínimo de hixiene. E logo esíxeseche que non deas olor a desamparado para que a sociedade dos “acomodados” non te refugue tamén polo día. Nin de noite nin de día.

Sobramos. Como perdas a casa, xa es de ningures Sobras en todos os sitios, incluso na familia. Estamos fóra da sociedade e nin sequera somos grupo. Nin números. Somos os expulsados, os excluídos. Somos a desfeita social. Somos lixo e ao lixo só se lle tolera un pouco tempo no contedor. Hai que apartalo, levalo lonxe canto antes. Prodúceo a “civilización urbana” e logo amoreáselle lonxe para que podreza ou queimáselle E del, non se queren nin as cinsas que noutrora aínda se aproveitaban para os prados. De nós, nin iso. Triste, non si? Todo foron perdas: Amor, fillos, compaña, casa, irmáns, amizades, traballo, proxectos. E o peor é que te perdes a ti mesmo coa tu propia autoestima e dignidade. Es un ninguén. Ata os cans se veñen cotra ti. Non sei que teñen contra nós. Que ilusa aquela rapaza que na película berraba: «Xuro por Deus que nunca máis pasarei fame». Sen fogar. Hipotecado. Sen saúde e sen sanidade. Sen escola e sen axudas sociais. SEN RÚA, que por veces pensamos que é de todos. Nosa, non: «Hastra lle dan de prestado a beira por que camiña ao que naceu desgraciado»”.

“Eu fun coma todos. Gozaba de casa, familia, amor, fillos, traballo, proxectos. Unha cultura mediana. Tiña esperanza. Agora son un “excedente” e sen retorno. Son menos do que as bombonas de butano que teñen retorno”.

“Se me atopas na rúa, fálame, por favor. Non me tires a moeda, que a necesito. Pero preciso máis da túa mirada e da fala. Sabes canto tempo levo sen falar con ninguén vendo pasar ao me rente xente e máis xente?

Son ninguén: Non me teñas medo, que non trabo. Non me escapes, saúdame, escóitame déixame que eu te escoite. Cóntame de ti e dos teus, que me humaniza. Porque ti tamén estás en soidade, non si? Tampouco es feliz”.

“Cando saibas a miña historia saberás de verdade o que é ter a desgraza de perder o fogar. Si. Xa sei que che vou quitar algo de paz. Pero iso só é ao comezo. Logo facémonos humanos, Domesticámonos, como lle dicía o raposo ao Principiño”.

“Co te ves eu vinme, pero como me ves, podes verte ti tamén ou un dos teus”. “Oínlle a un crego, sendo neno, que Pío XII dicía despois da guerra europea: «Hai que refacer este mundo desde os cimentos para convertelo de salvaxe en humano». Ao mellor non lle faltaba razón, incluso para hoxe.”
“Eu tampouco reparaba moito nestas cousas. Pasoume como aquilo de Bertolt Brecht ou de quen sexa:«Agora veñen por min, pero xa é tarde»”.
“Onde está a esperanza? Na sociedade do tres terzos de Reagan e Thatcher, co terzo de exclusión para eliminalo e tiralo ao lixo, desde logo non”.

“Unha nova civilización a facer entre todos, incluíndo a nosa dura experiencia de miseria e morte? Tiven esperanza no movemento dos indignados. Ficará algo de humanidade nos partidos políticos? Dos grandes da economía, non espero nada. Son insaciábeis. A cobiza failles o saco sen fondo. Devoran ata aos propios fillos. Prostitúen todo”.

“Tardará en nacer, pero a solución virá polos movementos de solidariedade universal, sen ideoloxías e sen credos”.

“Para min, para nós, os da rúa, os sen fogar, tal vez sexa xa demasiado tarde”. Ti como o ves?

– Grazas, Lolo, polas túas confidencias. Pásolle os teus laios e salaios á sociedade. Os teus desesperos e esperanzas. Tamén as túas bágoas. Unha aperta. Xaquín.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES