Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Otto Kirchheimer (Algunhas achegas)

viernes, 08 de noviembre de 2013
O xurista, filósofo e politólogo alemán, Otto Kirchheimer, nado en Heilbronn no 1.905 e finado en Nova York no 1.965, exiliado, ofrece algunhas achegas que seguramente axuden a comprender certos eventos da actualidade no campo do procedemento legal con incrustacións políticas. Traducida ao español e comentada por D. José Luis Monereo Pérez, podemos consultar a súa obra titulada “Justicia Política”, editada en Comares, Granada, 2.001. Este autor participou tamén, no exilio, na Escola de Frankfort.

Os tribunais de xustiza españois, hoxe en día, coñecen unha serie de asuntos nos que existen diversas implicacións políticas e, polo tanto, convén saber que isto estivo sempre á orde do día noutros países do mundo, aínda que en diferentes circunstancias, con máis complexidade e transcendencia e un importante calado internacional.

O que nos di O. Kirchheimer a este respecto non é pouco nin carece dun gran interese para a nosa situación, sobre todo porque o fai desde unha postura esencialmente defensiva do predominio do Dereito na sociedade, como regulador de actividades tan importantes como a economía, as relacións derivadas da convivencia cidadán, privada e pública, e a política.

El non perdeu nunca a súa condición de socialista, nin tampouco as experiencias dos seus primeiros tempos de comunista, e foi sempre indiscutible defensor da democracia, porque nela vía un sistema político no que o home pode encontrar a posibilidade e a satisfacción da defensa da súa propia dignidade persoal como cidadán.

Non pensaba que, en contra doutras opinións, a democracia só fora posible cando na sociedade houbera suficiente homoxeneidade, para evitar as contradicións. Abundaba nesta postura cun certo asañamento, porque seguramente sabía moi ben que os outros pensadores cos que discrepaba, mantiñan a tese de que esa homoxeneidade só existía nas nacións que, a vez, tiñan un denominador común racial: Osmaba que aquí xa estaba, sen dúbida, cociñándose o nacionalsocialismo, capa ideolóxica do nazismo.

Segundo o seu comentarista, Monereo Pérez, O. Kirchheimer foi un gran defensor da legalidade da República de Weimar, e isto é coherente con ese entusiasmo que tiña por “xuridificar” o mundo das relacións sociais.

Se leron e recordan a anterior colaboración, poderíamos dicir que pensaba fortalecer as sinapses sociais aplicando rigorosamente a legalidade, porque de feito estaba convencido de que a debilitación das mesmas pende sempre das explícitas, ou máis ou menos cínicas, transgresións do espírito de principios legais e de inspiración ética.

Isto ten unha tradución que non debería de esquecerlles ós que entre nosoutros esfargallan do marco xurídico constitucional, para dar cobertura legal as veleidades irreflexivas e cotiáns, ata o extremo de producir tanta descoidada e innecesaria instrumentación legal que leva a unha inflación lexislativa inaudita: En España, se recompilamos a autonómica, a central e a da UE, supoño que é para poñer á proba aos mellores xuristas, e logo, con paradoxo, quedan sectores importantes sen cubrir, como se evidenciou recentemente co caso da Doutrina Parot.

Na sinxela lectura dos traballos de Kirchheimer non é difícil descubrir a defensa incondicional do Estado de Dereito, e tampouco o rexeitamento ao exclusivismo e predominio da “racionalidade instrumental”, que xera a ciencia e a técnica, cuxa vixilancia non hai que descoidar se non queremos caer nunha irremediable deshumanización. E isto non é de estrañar se lembramos os seus traballos no seo da Escola de Frankfort.

Outra consecuencia da súa propia ideoloxía era que, pese a ese empeño teórico por universalizar o que el denominaba “reguladora das relacións sociais”, mediante a lei, non estaba de acordo con estendela aos conflitos laborais, porque pensaba que comprometía o ámbito da liberdade dos obreiros; pero tamén sen poñer en perigo as garantías constitucionais, principalmente nas súas referencias a Constitución de Weimar, que consideraba un frontón contra o nazismo.

(E moita razón o asistía nestas últimas apreciacións, como o evidenciou a Lei de 1 de decembro de 1.933, un instrumento legal que fundía o Partido e o Estado e daba armas xurídicas para unificalos e falar por unha soa boca).
Non esqueceu, consecuentemente, a crítica ao capitalismo; pero o que máis debe chamar a atención nos nosos tempos son dúas razóns desta crítica:

. O feito de que leva a constantes crises, porque a racionalidade capitalista sobreponse a todos os recursos de humanización.
. E, conseguintemente, invístese dun autoritarismo irrespectuoso co tratamento das verdadeiras causas dalgúns delitos, que son de matiz social.

Escribiu non poucos artigos, na revista “Zeitschrift”, sobre o Dereito criminal na Alemaña nazi, e neles é onde se pode ver en que grao a xustiza penal estaba subordinada as esixencias gobernamentais, derivadas do afán de defensa, sen reparos, do racismo: O delito estaba sempre encamiñado ao castigo das accións contra a comunidade nacionalsocialista (e, na actualidade, introducindo as diferenzas pertinentes, tampouco sería nada difícil encontrar cidadáns con responsabilidades gobernativas que se recoñecen neste espello).

O que caracterizaba a esta xustiza non era tanto xulgar o corpo do delito debidamente tipificado, como profundar nos seus móbiles e detectar posibles condutas futuras. Algo lóxico nun contexto no que as garantías constitucionais foron desaparecendo rapidamente, xa que a lei estaba só o servizo dos que gobernaban e retiñan o poder. (Sería antidemocrático e de estrema gravidade que hoxe en día se extrapolaran estas prácticas, con espionaxes estendidas a actividades que pouco teñen que ver coa seguridade nacional).

Pero recordemos que “os dous organismos administrativos principais da DDR (República Democrática Alemán) no campo da administración de xustiza, que son o ministerio de Xustiza e a oficina do procurador xeral, conta con tarefas moito máis vastas. Son responsables do funcionamento satisfactorio de toda a rama xudicial e ademais GARANTES DO CONTIDO IDEOLÓXICO DA APORTACIÓN XURÍDICA. Aseguran que os tribunais rendan veredictos en harmonía coas metas da administración”. (Px. 339 da obra salientada máis arriba: Maiúsculas e o parénteses, meus).

Os desexos dos gobernos sucesores encamiñados a desvalorizar todo o que fixeron os antecesores, fanlles perder o sentido da realidade, e para xustificar os seus presuntos acertos ante os cidadáns non vacilan en facer uso de insostibles e ridículas argumentacións.

Con todo isto encontrámonos nas achegas que nos fai Kirchheimer; pero tampouco hai que ir a buscar os exemplos fora da casa, xa que aquí témolos dispoñibles todos os días. Lembren, se non, a perla do Señor Rubalcaba cando pretende restar importancia a saída da recesión, na forma en que a presentou o goberno, afirmando que non se sae dela ata que o noten os cidadáns.

E isto é ESBARDALLAR (así con maiúsculas), estea xustificada ou non a información do goberno, porque, presentado o problema nestes termos, o que procedería dilucidar é se antes de acadar esa fase de percepción cidadán, hai, ou non, que pasar NECESARIAMENTE pola fase explicada no mesmo informe, xa que parece bastante evidente que dunha orela a outra dun río tan caudaloso non se pasa sen tender antes unha ponte. Outras cousa é, claro está, “pontificar” sen ponte, que tamén o saben facer os nosos políticos con responsabilidades gobernativas.

Pero, ademais, devén inconsecuente e irrisorio que se queira utilizar como criterio de certeza económica o que non se aceptou cando o goberno anterior insistía en negar a crise, a pesar de que xa afectaba moi seriamente ao pobo. Dito sexa todo sen compromiso nin matiz ideolóxico, senón unicamente en clave lóxica; pero recordando que o Señor Rubalcaba formaba parte dese goberno.

Quero pensar que non debería deixarse de considerar como un bo motivo pedagóxico, cando menos, o feito de que os exemplos precedentes áchanse tanto na destra como na sinistra; ambas, iso si, dos estremos.

Pero tampouco son mancos os gobernos de corte centrista. E se desexan coñecer algún caso dos EE.UU., acudan ao libro citado, que tamén o autor se ocupou deles profusamente, e comprobarán certas matizacións diferenciais, para simular un discutible contexto democrático.

Terminemos, xa que estamos estes días embebidos no caso Parot, traéndolles aquí unha cita do Pensamento núm. 298 de Blaise Pascal, polo que poda ter de analxésica. Di así: “A xustiza está suxeita a liortas; a forza recoñécese facilmente e non é disputable. Así pois, non podemos darlle forza a xustiza, posto que a forza é contradición da xustiza e declarou que é ela a que é xusta; polo tanto, incapaces de facer forte o que é xusto, fixemos xusto o que é forte”.

Lembren isto as vítimas do terrorismo e de outros delitos de especial gravidade, e non esquezan que a tinta negra da política, como a da lura, faina camaleónica...!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES