Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A coruñesa María Balteira

viernes, 08 de noviembre de 2013
Onte, vernes, presentouse en Lugo o libro sobre MARÍA BALTEIRA, editado pola Deputación da Coruña, do que é autor Manuel Romay.
Velaquí o texto que no acto de presentación leeu Xulio Xiz:

Eu veño falar do libro de Manolo Romay, dedicado a María Balteira. E non sei se el me pediu esta participación ou eu me ofrecín primeiro, porque a min pódeme o entusiasmo, e cando unha publicación coma esta me cala tan fondo, déixome levar e ofrezo a miña participación, supoño que mesmo por un ramalazo egoísta de ser parte activa nunha ceremonia coma esta onde se honra a unha persoa, a un mito, pero tamén –e de xeito moi especial- a un enfoque, a un traballo, a unha idea, a un fervor.

Para min foi unha grandísima sorpresa o libro sobre María Balteira co que o autor e amigo me agasallou no verán cálido que parece que non quere rematar de todo, e que eu me puxen a ler como lectura de verán, pero dándome conta moi axiña da súa fondura, da necesidade de repousado ler, sorprendéndome a cada páxina coa maxia e o atractivo dun relato que nos descubre, nos achega, nos conecta cunha das mulleres sobranceiras da nosa mitoloxía histórica.

Redactando onte á noite estas liñas dinme conta que hai, alomenos, catro Marías ás que a nosa xente devanceira entronizou coa categoría de deusas profanas, das que quedou constancia do seu nome e papel social, das que se gardou memoria a través dos séculos... Todos teremos escoitado a historia ou a lenda, a lenda-historia de María Balteira, María Castaña, María Pita e María Soliña... Nun tempo masculino por excelencia, a nosa memoria colectiva nunca puido esquecer a unha soldadeira – a nosa amiga, se leemos co corazón o libro de Manolo Romay-; á capitana dunha revolta popular contra o señor feudal de Lugo, que tivo por escenario esta praza pola que entramos; outra heroína da loita contra o invasor da súa cidade coruñesa, e unha cuarta muller, queimada por bruxa cando “polos areais de Cangas, a voz do vento xemía”.

Moitos ríos de tinta teñen corrido contando a historia – as historias- de María Balteira, ata chegar a esta repousada e transparente lagoa que nos ofrece Romay na que coa auga limpa da imaxinación posta a traballar con agarimo e unha fonda documentación intelixentemente manexada, nos deixa asomar á posible vida, á que puido ser unha fermosa vida, na que eu quero crer – por “ben trovata” – dunha muller que tiñamos moi mal conceptuada.

O imaxinario popular, creoulle o que os nosos devanceiros chamaban “mala nota”, por ser a “soldadeira de máis sona da nosa época medieval”, querendo entender que a soldadeira chamábase así porque “entretiña” aos soldados que andaban nas guerras, en lugar de ser unha artista que percibía unha “soldada” pola súa arte, arte expresada ou ofrecida aos persoeiros máis relevantes da sociedade do seu tempo.

E se os trovadores medievais centraron os seus dardos poéticos –de escarnio- na nosa María Balteira, os poetas dos nosos tempos foron máis piadosos coa súa figura, ben porque o tempo fixera mitigar calquera aspereza, ben porque non houbera demasiadas asperezas que mitigar. E aquí volvo a destacar o “talante” do libro de Manolo Romay, porque o seu trato da persoeira ten tal agarimo que mesmo os pecados do amor –que moita xente considera son os máis dignos de perdón- resultan ser lances tremendamente humanos que case fan sentirnos cómplices comprensivos –non chegarei a dicir que celestinos- do comportamento desta galega que vivíu – intensamente, por certo- sete séculos e medio antes ca nós.

A tamén estudiosa de María Balteira, Marica Campo, considera que o imaxinario masculino “oscilaba entre a veneración ás santas e o vituperio ás soldadeiras”, pero que o tempo vai poñendo no seu lugar as cousas, e María ven ser considerada polos autores modernos como “unha avanzada do carpe diem, contenta e gozadora”, e como “un aire de liberdade nas ríxidas normas coas que o sistema patriarcal marcou sempre o territorio feminino”.

E menciono a esta autora porque acredita que xorde nos nosos tempos unha nova María Balteira, como unha especie de xustiza social cara á súa figura, e pregúntase “se foi unha excepción ou foi simplemente a punta dun iceberg de mulleres ousadas”.

Para contribuir a esa posible xustiza social, en Lugo existe unha rúa que leva o seu nome, e un centro de convivencia e casa das linguas dependente do concello que se chama María Balteira, cabendo supoñer que moi poucos dos que nel entren saiban ou se paren a pensar quen foi a muller que da nome a un centro que naceu para a relación e a convivencia. E os que o saiban poden quedar extrañados de que unha muller á que sempre se lle atribuíu unha moralidade dubidosa se honre deste xeito. Tempo ao tempo, e nesto tamén terá moito que ver este libro de Manuel Romay que hoxe presentamos.

Manuel Romay, especialmente desde que as obrigas laborais non o atan a un horario de despacho, sorpréndenos con impactos coma este no eido da literatura que o acreditan como profundo investigador, fluido narrador e intelixente planificador de accións que non deixan o máis mínimo resquicio ao azar ou á inconcreción.

Xa antes deste libro nos ofreceu –ano 2008- un libro monumental sobre a súa parroquia natal, HISTORIA, COSTUMBRES Y LEYENDAS DE UNA ALDEA DE LUGO: SAN MARTIÑO DE OMBREIRO. É un estudo histórico, económico, social, total... dunha parroquia, do estilo daquel magnífico que hai moitos anos fixo Ben Cho Shey de Santa Marta de Moreiras, en terras ourensáns, que acredita que o local pode ser universal; que todo está interconectado, e calquera acontecemento xeral repercute no núcleo máis pequeño como os acontecementos locais poden ter transcendencia universal.

E agora, Manuel Romay ousou adentrarse na vida desta “señora desvergoñada / digna de todo loubor”, segundo Darío Xohán Cabana, e que A Quenlla canta como a “Señora do amor”. E fálanos, efectivamente, dunha muller libre, a de maior sona, que acompañou ás tropas combatentes naqueles tempos guerreiros, que cumpríu papeis ordinarios e extraordinarios, que foi embaixadora, que amou e foi amada, e conseguíu que dela se gardase memoria a través dos séculos.

Como referente relativamente moderno, fálase das soldadeiras como as mulleres que acompañaban aos loitadores na revolución mexicana, e os corridos da Adelita – Si Adelita se fuera con otro / la seguiría por tierra y por mar- están no folclore popular, pero aquí estamos falando de moitos séculos antes, xa que foi a mediados do XIII cando María rendeu contas diante de Deus e dos homes, entrando na historia.

Entre as mulleres de vida máis ou menos leda (alegre, chegou a chamarse a vida das mulleres que elixían a liberdade sexual), a soldadeira María Balteira andivo na boca das xentes, nos romances, na tradición, ata que na modernidade cantores e narradores deciden rescatala agora que a súa vida é pó, aínda que pó namorado. E desde Dictinio del Castillo a Lorenzo Varela, desde Xosé María Álvarez Blázquez a Manuel María, e naturalmente a Darío, María Balteira é heroína dun tempo pasado, perdido nas neboas da lonxanía, quedando a Balteira á altura histórica daqueles aos que entretivo coa súa arte.

Hai que congratularse de que a Deputación da Coruña publique o relato da vida da coruñesa María Balteira, narrada, recreada polo noso veciño Manuel Romay. El da vida a unha lenda, fai vivir a María Balteira tomando como base a historia e as cantigas, os feitos de armas e os costumes sociais, a sociedade medieval e o eterno tema dos amores entre mulleres e homes para proporcionarnos unha historia que se non é verdade merecía sela, que todo é ficción menos a figura e a lenda, que reflicte unha xente e un tempo do noso país, lonxano nos séculos pero moi preto en intencións, relacións, desamores e amores.

Este é un estudo fondo e minucioso da sociedade dun tempo lonxano, cunha “modernidade” propia daquel tempo, pero que ninguén pode tildar de “antiga”, e sen que se poida dicir o de “calquera tempo pasado foi mellor”, ao mellor hai que considerar que, en principio, calquera tempo pasado non tivo porque ser peor. E os problemas sociais, as guerras económicas, os conflictos de castas, o panorama social ven poñer de manifesto que posiblemente o ser humano é sempre o mesmo, por moitos artiluxios que a técnica poña na súa man, por moitas armas legais coas que se dote, por moito que consiga elevar o seu espírito.

Está é unha vida fermosa para María Balteira, que as vidas humanas nunca son tan perfectas, tan rotundas, tan meridianamente claras. Xa lle gustaría a María Balteira vivir unha vida así. Porque resulta ser unha heroína entrañable, vividora, hedonista, que vívia e deixaba (facía) vivir, que vivíu intensamente tendo, por esa vida, que pagar os tributos que a sociedade –daquela e sempre- esixe para deixar vivir a cada quen como un quere.

Manuel Romay ten demostrado saber investigar e escribir. E neste caso evidencia especiais coñecementos de historia e de vida, pero para min que o seu maior mérito é o agarimo co que trata a unha muller que ousou ser libre con todas as consecuencias. E eso sempre é mortal, no tempo real. Pero, logo, a historia – neste caso Manuel Romay- encárgase de facer xustiza.

Quen lea a obra MARÍA BALTEIRA (A soldadeira máis fermosa da Corte do Rei Sabio), accederá a unha época histórica descoñecida, da que tivemos mínimas noticias, e que o autor nos presenta con toda claridade, con toda firmeza, para que entremos nun mundo - o noso, aínda que moi lonxano no tempo- que nos pertence, e ao que pertencemos. E nos acheguemos a unha muller especial da que gardamos memoria, que convertimos en mito, que co tempo se axiganta, se humaniza, e nos conquista. Por obra e intelixencia de Manuel Romay.

Noraboa, amigo, porque obras así acreditan a un escritor e enchen de ledicia o espíritu do lector.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES