Nota de prensa de la Real Academia Galega (RAG):
A Real Academia Galega manifesta o seu profundo pesar polo falecemento de Xosé Neira Vilas, membro de número desta institución. O escritor natural de Gres (Vila de Cruces) deixa un importante legado ás nosas letras, do que forma parte Memorias dun neno labrego, a novela galega máis lida e traducida. Na década dos anos 60, os galegos con inquedanzas lectoras comprometéronse coa lingua, coa lectura e coa mensaxe desta obra. "Foi unha escola de concienciación idiomática e un encontro solidario coas clases subalternas da aldea galega", salienta o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. "Miles de lectores namorámonos de Eladia e outros miles percibiron que Balbino tiña razón cando dicía que no mundo non debía haber pobres. Memorias dun neno labrego é a novela dunha xente que devece por comer pantrigo", prosegue con afecto.
Pero Neira Vilas, engade Alonso Montero, é moito máis có creador de Balbino. Como escritor é autor doutras obras destacadas que van da narrativa e a poesía ao ensaio, como as novelas Xente no rodicio ou Aqueles anos de Moncho, os libros infantís Cartas a Lelo ou O cabaliño de buxo, e os poemarios Xente ao lonxe e Poesía recadada, entre outros. Primeiro desde Arxentina, a onde chegara en 1949, e a partir de 1961 en Cuba, Neira Vilas foi ademais un traballador incansable a prol da memoria na emigración. En 1969 fundou na Illa a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, desde a que proxectou a cultura galega nas universidades e centros de investigación de América e Europa e creou o fondo bibliográfico máis importante de Latinoamérica sobre Galicia.
De volta á súa terra, no ano 1992, Xosé Neira Vilas mantivo unha intensa actividade cultural a través da fundación que leva o seu nome, un referente cultural ao servizo da veciñanza do Val do Ulla. Mantivo tamén ata o último momento as súas colaboracións en prensa, outra parte do amplo herdo que deixa o noso Balbino, o fillo de labregos que nos ensinou que a rebeldía sempre pode ser a chave dun futuro mellor.
Nota de prensa del Consello da Cultura Galega (CCG):
Foi membro do Comisión de Cultura Galega no Exterior do Consello da Cultura Galega e un dos escritores máis sobranceiros da cultura galega. A súa obra está marcada pola emigración que viviu en primeira persoa entre Arxentina e Cuba. Compilamos algunhas das súas participacións nesta institución arredor do fenómeno migratorio.
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou del que representa esa característica esencial da cultura galega do século XX, que é unha combinación de Galicia-Europea e Galicia-Americana. Na opinión do presidente do CCG na figura de Xosé Neira Vilas concéntranse varias facetas foi un emigrante que se transformou nun autor en Bos Aires grazas ao contacto cos exiliados. Neste sentido, el é fruto do exilio máis que da emigración e combina as dúas cousas; pero tamén foi un soñador que coa súa muller Anisia se desplazou a Cuba para apoiar a revolución, como tantos latinoamericanos que crían naquel proxecto. Ademais, Villares sintetiza a súa traxectoria vital en catro etapas unha mocidade en Galicia, un período de formación intensísimo en Bos aires, unha experiencia que ten que ver coa creación, pero tamén coa política e coa revolución. E, por último, un retorno feliz e moi fecundo a Galicia desde os anos noventa.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Xunta de Galicia lamenta o pasamento do escritor Xosé Neira Vilas, referente único do orgullo e da identidade galega e símbolo, a través do seu neno Balbino, de varias xeracións. A figura do intelectual quedará honrada na historia da nosa Comunidade a través da súa obra, así como dos recoñecementos recibidos en vida, entre os que cómpre destacar a Medalla de Ouro de Galicia que lle foi outorgada este mesmo ano.
Neste sentido, tamén cómpre lembrar que o pasado ano 2014 recibiu o Premio da Cultura Galega, ademais de ser recoñecido coa Medalla Castelao, o Pedrón de Honra e os premios Celanova Casa dos Poetas, Otero Pedrayo, da Crítica Galega (ensaio) e da Crítica Española (narrativa), entre outros.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu o pésame á familia en nome de todos os galegos, e igualmente farao persoalmente na parroquia natal do escritor en Gres, no concello de Vila de Cruces. O mandatario autonómico destacou de Neira Vilas a franqueza da súa obra e a bondade da súa persoa e engadiu que o pai de Balbino é un home do que todos nós herdamos unha Galicia mellor, máis libre e orgullosa de si mesma.
Membro numerario da Real Academia Galega e Doutor honoris causa polas universidades da Coruña e da Habana, Neira Vilas mantivo unha intensa actividade cultural e intelectual ata o seu pasamento. A súa extensa traxectoria déixanos en herdanza, ademais de Memorias dun neno labrego, máis de 70 obras, tanto de autoría propia coma traducións.
Nado en Gres (Vila de Cruces) o 2 de novembro de 1928, a traxectoria vital de Neira Vilas representa a dos galegos e galegas que emigraron a Arxentina na metade do século pasado para seguiren, desde a chamada quinta provincia galega, facendo medrar a nosa cultura. No seu retorno a Galicia, converteuse nun dos autores vivos máis activos e presentes, tanto a nivel literario como xornalístico, xunto coa súa dona, a escritora galego-cubana xa falecida Anisia Miranda.
Desde a Fundación Neira Vilas desenvolveron, ambos os dous, un importante labor de promoción e difusión das letras galegas, coa creación dun centro cultural, unha biblioteca e un museo etnográfico, espazos desde os que se realiza un gran traballo de dinamización cultural.
Mención á parte merece o labor didáctico desenvolvido polo autor pontevedrés, levando a súa obra e a nosa lingua por boa parte dos centros educativos de Galicia. Non en balde, Memorias dun neno labrego é unha lectura fundamental no ensino de primaria, un exemplo da dignidade do rural galego imprescindible para educar os máis novos no amor á nosa terra e á nosa identidade. En paralelo, e ao abeiro da fundación, Neira Vilas e Anisia Miranda crearon os premios Estornela e Arume, de teatro e poesía para nenos.
Biografía en: http://consellodacultura.gal/noticia/4362
Biografía en: http://galegos.galiciadigital.com/es/xose-neira-vilas