Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou hoxe en Santiago que a próxima crise de goberno de Feijóo será a derrota nas urnas nas próximas eleccións autonómicas.
Nunha rolda de prensa na sede do PSdeG para valorar os cambios na Xunta, o líder dos socialistas galegos afirmou que os galegos non temos nin un só motivo polo que crer que este novo goberno faga en menos dun ano o que non puido facer en sete.
Feijóo eméndase a si mesmo e a todo o seu modelo no que xa é o tempo de desconto do seu mandato, o que evidencia esta crise de goberno é que o cambio en Galicia cada vez está máis preto, Feijóo lidera un goberno en crise que deixará un país en crise, apuntou.
Besteiro lembrou que Feijóo non foi quen de aguantar a presión social dos últimos tempos co hospital de Vigo ou o sector lácteo, con estes cambios de goberno a sociedade galega estalle gañando a batalla ás políticas de recortes e privatizacións de Feijóo, e anticipa que a gañará tamén nas urnas.
A realidade é que Feijóo leva meses anunciando en titulares un cambio de rumbo nas súas políticas, pero ese cambio non se verá reflectido nos orzamentos do próximo ano, engadiu.
Sanidade
Quero determe especialmente na destitución de Rocío Mosquera, porque en realidade é unha das principais razóns desta quinta crise de goberno en menos de sete anos, a destitución de Mosquera significa crer que sacrificando un peón podes evitar o que xa é un xaque ao rei, aseverou.
Dixen hai un mes que o hospital de Vigo é o gran fiasco que se levará por diante a Feijóo, unha gran fraude ao sistema público de saúde e aos veciños, e non é a fraude de Mosquera, é a fraude de Feijóo, dixo o secretario xeral do PSdeG.
En opinión de Besteiro, son 1.500 millóns de euros nunha infraestrutura que se lle dá a empresas privadas para lucrarse durante 20 anos, sen que supoña nin unha cama máis para a zona de Vigo e que se puxo en marcha por intereses electorais en condicións de risco para a poboación.
Tamén me ten moi preocupado o lonxe que segue Feijóo da realidade e de Galicia, esta mañá afirmaba que é un cambio de goberno para un tempo novo cando acabamos de superar os 10.000 millóns de euros de débeda, diverxemos de España en todos os indicadores, en Galicia hai case 5,5 millóns de horas menos de traballo cada semana e os sectores productivos non ven futuro, mentres temos un problema demográfico de primeira magnitude, rematou.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de Anova:
O Coordinador Nacional, Antón Sánchez, analiza os motivos que se albiscan detrás da crise de goberno provocada onte, domingo 4 de outubro, polo presidente da Xunta Núñez Feijóo son ben transparentes. Ceses encubertos e electoralismo.
En primeiro lugar, a cercanía das vindeiras eleccións xerais provocan a necesidade de simular o comezo dunha nova etapa, logo dunha lexislatura que non deixa no balance ningún dato positivo significativo. Para iso, Núñez retira algúns peóns e incorpora outros coa finalidade de aparentar un punto e aparte no seu goberno, malia o novo cesto está feito, como é obvio, cos mesmos vimbios, vellos e frouxos, pois outros non hai.
En segundo lugar, Núñez recoñece o fracaso do seu goberno en dous aspectos cruciais que xeraron gran malestar na sociedade galega. Cesa, literalmente, á xa ex-conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, pola súa nefasta xestión da sáude pública, cuxa expresión máxima foi a masiva manifestación en Vigo en contra do modelo privatizador e da chapuza do Hospital Álvaro Cunqueiro. Non en van, o chamado a substituíla é Jesús Vázquez Almuíña, se cadra o único político do PP da área viguesa e por extensión da erma área para o PP que supón o Sur do país que aínda queda sen queimar. Ben, pois onte o presidente Núñez prendeulle lume.
Cesa tamén, de facto, a Rosa Quintana ex-conselleira de Medio Rural e Mar que deixa a carteira sen conseguir resultado positivo ningún no devalo do campo galego durante o seu mandato e provocando, pola súa falta de implicación política na crise do sector lácteo, as maiores mobilizacións dese sector en moito tempo. A renuncia a seguir mesturando Medio Rural e Mar é o recoñecemento doutro erro de Núñez Feijóo. A unión destas dúas grandes áreas nunha mesma Consellería foi unha de tantas medidas inútiles de suposta austeridade, tan cacarexadas polo inquilino de Monte Pío, que rematan desembocando en malgasto e ineficacia.
A recolocación de Beatriz Mato na Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, despois do seu paso por Traballo e Benestar deixando uns datos pésimos, tanto no que ten que ver co emprego como co benestar, é especialmente indignante dados os vínculos desta persoa coa Operación Z a través dun Director Xeral da Consellería.
No que respecta á encomenda da nova Consellería de Política Social, que agora vai levar o fracasado nas últimas eleccións municipais José Manuel Rey Varela, só pode ser considerada como unha ferramenta de propaganda electoral do novo gobernó Núñez en período preelectoral; máis aínda cando é coñecido que Rey Varela será o responsábel de campaña electoral do PPdG para o 20 de decembro. Dos dous novos cargos de rey Varela só se pode desprender esta conclusión.
Por último, o incremento de consellerías non fai máis que evidenciar que a demagoxia arredor do aforro na administración pública coa que Núñez feijoó comezou a lexislatura ten as pernas moi curtas.
En suma, estamos ante a tentativa de recolocar os mobles dunha casa que se esmendrella a cachos. Un tratamento de chapa e pintura no que o rei sacrifica varios peóns para tentar, inutilmente, ocultar que está completamente nu.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de EU-Galicia:
Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, valora os cambios da remodelación do desgoberno de Feijóo, que se deron a coñecer un domingo ás 14.30 horas, da seguinte maneira: O PP de Galicia e Feijóo ven a súa derrota no outono de 2016 e, agora, Feijóo quere salvar a súa carreira lanzándose a Madrid e colocando na parrilla de saída ao seu sucesor.
Segundo explica Díaz, Feijóo ao fin entendeu a forza dos movementos sociais, das mareas, das mobilizacións cidadás e de plataformas como SOS Sanidade Pública, que recolleron as queixas de milleiros de persoas que pedían en Vigo unha sanidade pública, universal e gratuíta e o fin dos recortes e das privatizacións.
Grazas á presión da cidadanía organizada se forzou o tan pedido cese da Conselleira de Sanidade. Deste modo, queda claramente constatado que Feijóo teme á presión popular, ás Mareas e á Unidade Popular.
Ademais, para Díaz, as charlas sobre austeridade eran totalmente falsas, xa que Feijóo (o austero) agora amplía as consellerías de 8 a 10. Explicará a súa rectificación?, remata a coordinadora nacional de Esquerda Unida.