Noticias

El Sergas presenta cifras sobre la gestión de la gripe y asegura que habilitó 341 camas, reforzó 278 contratos y derivó 344 a la sanidad privada

La conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, compareció en el Parlamento de Galicia para responder a la solicitud presentada por el PSdeG sobre la gestión del "colapso" en los servicios de urgencias debido a la gripe. El Sergas hizo balance a través de cifras y la oposición insiste en sus denuncias por la gestión sanitaria de las urgencias públicas.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, informou, no Pleno do Parlamento de Galicia, da situación dos servizos das urxencias do Servizo Galego de Saúde en relación coa situación de gripe na poboación, e para dar a última información sobre a hepatite C na nosa Comunidade e no Sistema Nacional de Saúde.

Rocío Mosquera detallou as medidas máis relevantes postas en marcha polo seu departamento para facer fronte ao pico da gripe. Así, no período que vai dende o 22 de decembro ao 18 de xaneiro, o Sergas habilitou ata 341 camas adicionais, ademais de executar contratos adicionais e reforzos das xornadas, realizando ata 277 contratacións. Asemade, deriváronse 348 pacientes a centros concertados. Por tanto, puxéronse todos os recursos necesarios a disposición dos pacientes e profesionais coa maior axilidade posible, -dixo a conselleira-.

Tamén remarcou que a actividade cirúrxica e a atención aos pacientes, tanto urxentes como programados, estivo garantida en todo momento con criterios de calidade, pese a alta demanda asistencial. Só houbo que reprogramar cirurxía e pasar a facer procesos que non requirían ingreso no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e no de Vigo, e lembrou que ésta é unha das medidas que se toma todas as tempadas para poder dar resposta aos pacientes de urxencias, sempre prioritarios na súa atención.

Non obstante, a conselleira dixo que o seu departamento analizará todos e cada un dos aspectos desta temporada de gripe cos profesionais para ver onde se pode mellorar. Así, revisarase o sistema de predición da onda de gripe para tentar ser máis precisos e tamén revisaranse os plans de continxencia dos centros para que a resposta sexa máis rápida e axeitada á demanda.

Xunto con todo o anterior, tamén revisarase a campaña de vacinación da gripe para incrementar as taxas, tanto en cidadáns como en profesionais e, sobre todo, dixo a conselleira, continuaremos a traballar para mellorar a atención a pacientes crónicos e pluripatolóxicos en todos aqueles aspectos que eviten a descompensación dos mesmos.

A conselleira detallou unha serie de factores que provocaron unha maior afluencia de pacientes en moi pouco tempo tanto aos Puntos de Atención Continuada como aos servizos de urxencia hospitalarios. Así, comparando o período comprendido entre o 16 de decembro e o 15 de xaneiro en 2014-2015, en relación ao mesmo período na pasada temporada 2013-2014, obsérvase que nos PACs atendéronse 19.157 urxencias máis (151.437 fronte a 132.800), o que representa un 14,8% por riba da temporada anterior. Así mesmo, nos hospitais rexistráronse 3.185 urxencias máis (87.865 fronte a 84.580), un incremento do 3,76%.

Este aumento a conselleira o achaca a diversos factores entre os que citou que, nesta temporada, a gripe está producida maioritariamente por virus de cepas AH3N2, diferentes ás circulantes nas dúas temporadas anteriores. Esta cepa afecta a persoas maiores de 65 anos, polo tanto con máis patoloxía de base que agrava. Así, en concreto destacou que realizáronse 1.436 ingresos máis (6.317 fronte a 4.881), un 9,65% máis, o que indica que as patoloxías atendidas resultaron máis e de maior gravidade.

Ademais, estimábase que o pico da onda produciríase na segunda quincena de xaneiro e sen embargo en Galicia adiantouse en tres ou catro semanas, de feito a nosa comunidade foi a primeira en estar en fase epidémica. Tamén destacou a conselleira a taxa de vacinación fronte a gripe en maiores de 65 anos, que foi so do 52,3%, o que ocasionou que os pacientes chegaran a urxencias máis graves, e con maiores complicacións, precisando ingreso hospitalario. Sinalou que o 69% dos pacientes ingresados non estaban vacinados. Neste senso, Rocío Mosquera dixo que é necesario continuar coas actividades de sensibilización para conseguir mellores coberturas de vacinación, convencendo á cidadanía de que a vacina é moi efectiva e a mellor medida de prevención tanto da gripe como das súas complicacións.

Na súa comparecencia, a conselleira de Sanidade tivo unhas palabras de agradecemento para a cidadanía, posto que cada vez amosan unha mellor utilización dos servizos sanitarios, facendo para estas atencións un maior uso dos PACs que das urxencias hospitalarias, contribuíndo así a unha mellor xestión deste tipo de situacións. Tamén agradeceu o traballo dos profesionais que, coma sempre, en momentos de dificultade, son capaces de dar o mellor de si mesmos polos pacientes e a organización.

Respecto da hepatite C, Rocío Mosquera garantizou que aqueles pacientes que cumpran os criterios clínicos establecidos para os novos tratamentos os reciban de maneira homoxénea para toda Galicia, garantindo así a equidade. Ao respecto subliñou que o seu departamento está a traballar co Ministerio de Sanidade e coas comunidades autónomas co obxectivo de garantir o acceso destes pacientes aos novos tratamentos. Así, na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde celebrado o pasado día 14, adoptouse un acordo por unanimidade entre o Ministerio de Sanidade e as 17 comunidades autónomas para a elaboración dun plan estratéxico a nivel nacional para abordar esta enfermidade.

Incidiu a conselleira, ademais, que o Sergas está a garantir a homoxeneidade e a equidade de acceso aos novos antivirais grazas ao asesoramento realizado a través dunha comisión colexiada, composta por facultativos especialistas no tratamento desta enfermidade e que avalían todos os posibles casos susceptibles de tratamento para esta patoloxía.

Nota de prensa do Gabinete de Comunicación do PSdeG:

A portavoz de Sanidade dos socialistas galegos, Carmen Acuña, esixiu no Parlamento “solucións urxentes” para o “colapso xeneralizado” da sanidade galega e considera que a primeira delas debe ser “a despedida da conselleira Rocío Mosquera”.
“Estamos nunha situación sen precedentes, pídolle que se marche porque o seu propio presidente, os profesionais e os cidadáns reproban a súa xestión”, afirmou a deputada socialista en resposta á comparecencia no pleno da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.

“A gripe puxo de manifesto que a xestión é un desastre, froito de sucesivos recurtes, copagos e privatizacións, un caos que só superamos grazas ao esforzo dos traballadores”, afirmou Acuña, que lamentou ademais que o Partido Popular leve “seis anos desmantelando e utilizando en beneficio propio o sistema sanitario público de Galicia”.

“Lémbrolle que hai unha folga no Meixoeiro, o Chuac está na Fiscalía, en Ourense van de denuncia en denuncia, en Ferrol hai doentes que estiveron 36 horas sen comer en urxencias, os profesionais de atención primaria esixen solucións e as protestas dos sindicatos son diarias, polo que a reprobación é unánime e non ten precedentes”, engadiu a deputada socialista.

“Vostede veu hoxe aquí a mentir e a utilizar como tapadeira aos enfermos de hepatite C, non da datos reais e o que é necesario agora é poñer en marcha solucións, a situación é de extrema gravidade mentres avanza o proceso privatizador”, apuntou a portavoz de Sanidade dos socialistas.

Na quenda de réplica, Acuña engadiu que “xa está ben de presumir, o que teñen que dicir, por exemplo, é cando os enfermos de hepatite C terán á súa disposición os fármacos; menos palabrería e máis medidas neste caso e para o colapso da sanidade galega”.

Nota de prensa do Gabinete de Comunicación de AGE:

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe, unha vez máis, a dimisión ou o cesamento da conselleira de Sanidade que nega o tratamento aos enfermos e enfermas de hepatite C e que non asumiu responsabilidades polos reiterados colapsos nos servizos de urxencias dos hospitais públicos. Así o manifestou a deputada Eva Solla, na súa resposta á comparecencia parlamentaria de Rocío Mosquera: “Non son vostedes os enfermos, non son vostedes os que morren. Vostedes son submisos á industria farmacéutica. Só lle queda unha saída, señora conselleira, que dimita e marche”.

Logo de se negar durante semanas a dar explicacións á cidadanía a través da Cámara, a responsábel de Sanidade comunicou onte por sorpresa a súa comparecencia de hoxe. O presidente da Xunta, con todo, segue a escapar do control parlamentario, tal e como solicitara Alternativa Galega de Esquerda, sobre as súas políticas liquidadoras da sanidade pública. “Vostede non é o presidente do persoal sanitario nin dos que agardan dez horas en urxencias febrís, doridos, impacientes”, lembrou Solla no Parlamento, “non é o presidente das que saben que a vida das persoas depende dos recursos que o seu Goberno destrúe. E non o é porque considerou que un asunto tan prioritario como a sanidade non o era”. Non só Feijóo fuxiu das súas responsabilidades. A conselleira comezou a súa intervención sen ningún membro do Goberno presente no hemiciclo.

Mosquera, no seu estilo habitual, goreceuse na manipulación de datos e na xerga tecnocrática para evitar enfrontarse ás consecuencias da súa acción de goberno. Que Eva Solla explicou con clareza: “En termos nominais, 374 millóns menos dende que chegou vostede ao Goberno. Un 10% menos. Bótalle a culpa á gripe e aos enfermos por non se vacinar, pero resulta que a realidade é que nos quitaron un de cada cinco euros dos que achegabamos para que nos coiden a saúde e nos curen”. O subministro de material falla, non hai padiolas, ás veces non hai mantas nin cuñas de cartón nin algunhas medicacións. “A culpa non é súa. Os hospitais colapsan porque si”, ironizou a parlamentaria de AGE.

Contra o indecente autobombo da conselleira responsábel de intentar rematar cun histórico dereito –o da sanidade universal, pública e gratuíta no intre da prestación-, a deputada Eva Solla preguntou a Mosquera por que segue a haber traslado á privada de pacientes dos hospitais públicos; por que seguen sen estabelecer quendas de tarde en consultas e quirófanos malia que o aprobou o Parlamento; por que non reforzan o persoal cando os servizos están colapsados.

Solla pechou a súa intervención, antes de esixir unha vez máis a dimisión da conselleira de Sanidade, coa denuncia da conivencia entre a Xunta de Núñez Feijóo e a industria farmacéutica para deixar milleiros de doentes de hepatite C sen a medicación que a pode curar. “Continúan sen ter a medicación dispoñíbel para a clase traballadora”, afirmou, “porque as persoas que llo prescriban deben pagar 60.000 euros e o groso da poboación non ten eses fondos. A especulación farmacéutica levounos a este punto”. A deputada de Alternativa Galega de Esquerda, que acusou a Mosquera de “ser brazo de madeira das privatizacións”, tamén explicou no Parlamento galego as conexións da empresa fabricante do medicamento que cura a hepatite C coa extrema dereita estadounidense. “Dimita e marche, señora conselleira”, concluíu.

Nota de prensa do Gabinete de Comunicación do BNG:

Tras a comparecencia da conselleira de Sanidade, que volveu minimizar “o colapso sanitario” rexistrado nos hospitais galegos, a deputada do BNG afirmou que o PP “xoga con lume” e as súas políticas sanitarias levan ao desmantelamento da Sanidade Pública galega e aos doentes “á desesperación”.

Os doentes de Hepatite C, dixo, están de loito porque onte morreu unha persoa afectada que levaba un ano agardando a ser tratada cunha medicación que vostedes están a negar, “os responsábeis desta morte, son as súas políticas Sra.Mosquera”.

Neste sentido, a parlamentaria censurou que o Partido Popular rescate á Banca mentres abandona aos afectados e afectadas por Hepatite C, vostedes, recalcou, priorizan a cuestión económica por riba da saúde, “salve a vidas destas persoas” e non veña ao Parlamento con outra manobra de distracción. Estamos a finais de xaneiro e os doentes de Hepatite C seguen sen a medicación que precisan e a maiores, á fronte da Comisión de expertos colocan vostede a unha persoa vencellada a unha farmacéutica, “demasiadas mentiras e falsidades”. Non se pode facer máis con menos e seguen empeñados en privatizar un ben tan prezado como é a saúde.

Sobre as deficiencias rexistradas nos servizos de Urxencias, a deputada explicou que o PP pasou de minimizar a situación a culpabilizar aos doentes por non vacinarse, logo vostede mesma e o presidente da Xunta amosaron “unhas mornas desculpas”, reduciron o asunto a unha cuestión de confort e seguen culpabilizando aos doentes de non vacinarse

A deputada tamén aludiu na súa intervención ao informe da Defensora do Pobo, Soledad Becerril que representa, na súa opinión, unha “labazada” ás políticas sanitarias do Partido popular. O informe, dixo, confirma que as plantillas non están sobredimensionadas e @s profesionais cada vez contan con menos orzamento e medios. Teñen vostedes a todo o mundo en contra, “folgas nos centros sanitarios, cartas o presidente da Xunta, reclamacións d@s profesionais e sindicatos”. Vostedes seguen exercendo de “verdugos” da Sanidade pública, apostilou.

A parlamentaria do BNG concluíu lamentando que a xestión sanitaria do Goberno galego condene as persoas sen recursos a non poder curarse mentres os que si os teñen podan acceder á sanidade privada.

R., 2015-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES