Noticias

O Festival Fisterra Blues Experience organiza unha fin de semana de música e mar

O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición. A organización presentou hoxe o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19 e a través da que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron hoxe na presentación do festival no Semáforo de Fisterra, xunto aos representantes municipais e a Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do evento.

O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou a calidade desta proposta, que foi seleccionada como unha das 17 iniciativas adxudicatarias da devandita liña específica de subvencións, inserida no Plan de reactivación cultural, para contribuír á recuperación das promotoras musicais independentes fronte ao impacto económico da crise sanitaria.

A través desta medida, a Xunta distribúe 850.000 euros entre 17 ciclos e espectáculos que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a coincidencia de que o festival se celebrara no último día en que a Costa da Morte acolle o derradeiro Solpor da Europa continental, “un feito que engade atractivo a esta iniciativa en que se busca o reencontro, a recuperación dos eventos culturais e unha experiencia que axude a gozar da música e dos paraxes, ademais dunha experiencia turística segura”.

Neste sentido, Castro destacou que o conxunto da iniciativa, que inclúe un concerto a bordo dun cruceiro costeiro, compón unha experiencia completa “na que a componente turística tamén está presente, facendo un binomio perfecto coa cultura, co Camiño e no marco deste Xacobeo 2021-2022 que estamos a celebrar”.

A quinta edición do Fisterra Blues Experience dará comezo o sábado coas actuacións no campo de fútbol Ara Solis de Marcos Coll e unha serie de artistas convidados, Sés e Los Enemigos, nunha xornada que contará coa ambientación de Dj Mil. As entradas poden adquirirse a través da web www.enterticket.es.

O domingo a programación completarase con Blues a bordo, onde tocará a banda residente Fisterra House Band, e coa jam session Conexións atlánticas, en ambos casos coas localidades xa esgotadas.

R., 2021-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES