Noticias

140 millóns de euros para o ensino e 2.095 docentes para blindar a seguridade sanitaria e a calidade educativa neste curso

A Xunta reforza o ensino galego cunha inxección económica adicional de case 140 millóns de euros e a contratación de 2.095 docentes para este curso 2021/22 co fin de facer fronte ás necesidades derivadas do contexto de pandemia e blindar a seguridade sanitaria así como a calidade do sistema educativo. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ante o Pleno do Parlamento de Galicia, nunha comparecencia a petición propia na que debullou, de xeito pormenorizado, as principais medidas do Goberno da Xunta para este curso “de transición” grazas á boa marcha da vacinación, pero que “con todo -matizou- non debemos baixar a garda”.

Segundo explicou, o “feito diferencial” da vacinación e a experiencia acumulada e o bo funcionamento no curso pasado “sitúanos ante un novo momento” no que Galicia “está preparada” para afrontar os retos deste curso, cun sistema organizado “tendo en conta criterios pedagóxicos de calidade, demográficos e de xestión responsable dos recursos”.

Neste contexto, Román Rodríguez recalcou que o ensino galego vai contar “con todos os recursos necesarios” tanto no que atinxe a profesorado como á dotación orzamentaria extraordinaria, para afrontar o terceiro curso escolar da pandemia.

Contratación de profesorado

No que atinxe ao profesorado, o titular de Educación avanzou que este ano haberá un total de 2.095 contratacións para atender as “necesidades reais” do sistema, o que, en palabras do conselleiro “supón un importante esforzo económico e organizativo” por parte da comunidade autónoma ao non contar desta vez con transferencias do Estado para as necesidades da covid, xa que os fondos europeos -segundo explicou- non poden destinarse á contratación do profesorado específico de adaptación.

Estas 2.095 contratacións concrétanse en 1.250 profesores de reforzo do Plan Recupera, 220 docentes para asegurar os grupos burbulla nas etapas de Infantil e Primaria, 290 docentes para atender a oferta de ESO, Bacharelato e FP, 225 novos para atender os desdobres destas etapas de Secundaria e, como novidade por primeira vez neste curso, tamén se incorporan outros 110 profesores para reforzar a dixitalización do ensino (a través do Plan Dixital de Centro) e a rede de orientación.

Así pois, o ensino público en Galicia terá este ano máis profesores que no último curso prepandemia, e nun contexto en que hai 6.000 alumnos menos no sistema. Factores como a demografía, a flexibilización das medidas sanitarias (co paso do 1,5 ao 1,2 metros de distancia en secundaria fixado no protocolo estatal) e a falta de recursos específicos por parte do Ministerio “condicionan o escenario respecto ao pasado curso, que lembremos foi totalmente excepcional e atípico”, explicou o conselleiro. “Malia á falta de compromiso real e de concreción do Goberno central, imos preservar os estándares de calidade do noso sistema educativo e os recursos necesarios para garantir a seguridade nas aulas, como xa fixemos no curso pasado”, reiterou ante a Cámara autonómica.

Reforzo orzamentario

Ademais, a contía de reforzo para facer fronte ás necesidades derivadas do contexto covid neste curso elévase a un total de 139,9M€. Deles, a partida máis elevada -un total de 82,1 millóns- están destinados ás adaptacións esixidas e neles inclúense os 10M€ do Fondo de Reserva de Garantía Educativa, que se incrementa nun 40% respecto ao pasado curso.

Outros 43,8 millóns corresponden a fondos europeos dirixidos a avanzar nas competencias dixitais, á modernización da Formación Profesional e ás unidades de acompañamento; e os 13,9 millóns restantes empréganse na contratación dos 1.250 profesores de reforzo no marco do Plan Recupera, unha acción específica para a atención educativa a aqueles alumnos cuxo aprendizaxe se viu resentido pola pandemia.

Fronte ás críticas dos grupos da oposición, a quen emprazou a que recoñezan “o que funciona ben”, Román Rodríguez puxo en valor o traballo “rigoroso e responsable” da Xunta de Galicia “para afrontar este novo curso académico coas maiores garantías” aínda que “sen baixar a garda en ningún momento”.

Resultados da última década

Así pois, o Goberno da Xunta vai seguir dotando o sistema educativo galego de todos os recursos que sexan necesarios para impulsar o modelo de calidade afianzado na última década, con resultados obxectivos como a redución á metade da taxa de abandono escolar, o liderado nos principais ránkings como Pisa ou mesmo os informes do Ministerio, e a mellor ratio de alumno por profesor de España. Nesta liña, Román Rodríguez recalcou que a proba “máis evidente” da aposta de Galicia pola educación pública é que “estamos no grupo de cabeza das comunidades autónomas con máis gasto público por alumno”.

Ademais da posta en marcha de accións específicas vinculadas á pandemia, como o xa citado Plan Recupera, o conselleiro aludiu á necesidade de “seguir apostando por programas educativos que redunden na mellora do sistema” como a recén aprobada Estratexia Educación Dixital 2030, dotada con 120M€ nos tres primeiros anos con accións de impacto para acadar transformación tecnolóxica das aulas, a ampliación do libro dixital ata chegar a 55.000 alumnos beneficiados, a introdución da Intelixencia Artificial aplicada a todos os eidos e todas as etapas do ensino, ou o reforzo do plurilingüismo.

Referiuse tamén ao impulso da Formación Profesional, non só a nivel de infraestruturas -coa ampliación da rede de centros- senón tamén con máis prazas, cun incremento da oferta, con novos proxectos de FP Dual e con novos másteres de FP enfocados á especialización e máis valor engadido.

Doutra banda, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a Xunta está a executar este verán un total de 557 actuacións por un importe de 30 millóns de euros, o que supón actuar en máis da metade dos concellos de Galicia. Esta cifra elévase a 86,5M€ se se teñen en conta o conxunto de obras executadas, recibidas ou licitadas neste ano. A este respecto, Román Rodríguez lembrou que este curso académico non se pechou ningunha escola unitaria, senón que abriron tres centros educativos en Lugo, Sanxenxo e Coirós.

Datos educativos

O sistema educativo galego está conformado por arredor de 400.000 alumnos (187.000 escolares de Infantil, Primeira e Educación Especial que comezaron as clases a semana pasada e outros máis de 200.000 estudantes de ESO, Bacharelato, FP e Réxime Especial que inician mañá a actividade lectiva) e conta cun arredor de 1.300 centros educativos sostidos con fondos públicos.

Ademais, no presente curso hai un total de 78.713 prazas de comedor escolar (1.653 máis que o curso pasado) e seguemos a ser a primeira comunidade do Estado canto a volume de alumno transportado (máis de 85.000 alumnos este curso, segundo datos estimados).

R., 2021-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES