Noticias

A Cidade da Cultura inaugura este sábado o ciclo de concertos didácticos 'Camiños de Músicas'

A Cidade da Cultura de Galicia programa os sábados 18 e 25 de setembro dous concertos didácticos para público familiar no andar -1 do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Camiños de Músicas, o ciclo ofrecerá un percorrido polas influencias sonoras do Camiño co fin de embarcar o público nunha peregrinación didáctica polo patrimonio musical. A primeira das citas terá lugar o sábado 18 de setembro e explorará da man de Kike Estévez as formas de improvisación oral que se fixeron presentes no Camiño ao longo dos séculos. O sábado 25 chegará a quenda para o Cuarteto Alicerce e o clown Alfredo Pérez, cunha proposta coa que se achegar desde a creatividade e o humor á música de Wolfgang Amadeus Mozart.

Ambos concertos serán ás 17,00 horas e as entradas para cada un deles están xa á venda na web de Ataquilla a un prezo de 3 euros.

Regueifas, brindos e loias

O regueifeiro e filólogo Kike Estévez conduce este concerto que é a un tempo unha mostra e un obradoiro activo para toda a familia. A regueifa, o brindo ou as loias son formas de improvisación oral que se dan en distintas zonas de Galicia, algunhas delas presentes no percorrido que debuxa o Camiño (como o brindo e as loias en Lugo e Ourense, ou as regueifas na Coruña). Estas cantigas improvisadas, que servían para fins diversos como disputarse o prezado pan no día do casamento, ou loar e criticar os contraentes e as súas familias, botábanse co obxectivo de entreter a audiencia durante horas coa facilidade de palabra dos contendentes.

As persoas asistentes ao obradoiro descubrirán formas de repentización e practicarán as claves para construír regueifas propias neste concerto que tamén explorará outras variedades melódicas a través de diferentes instrumentos tradicionais galegos. A idade recomendada é de nove anos en diante.

Rumbo ao Divertimento

A segunda parada deste itinerario didáctico virá por conta do Cuarteto Alicerce e do artista e clown Alfredo Pérez, co gallo de descubrir os sempre novos e sorprendentes camiños que nos conducen a Wolfgang Amadeus Mozart.

Jorge Montes (violín), Roberto Santamarina (violín), María José Pámpano (viola) e Carlos García Amigo (cello), conforman o Cuarteto Alicerce. Este ensemble galego fai gala no seu nome da solidez da súa amizade e da consistencia da súas premisas basilares respecto ao repertorio e interpretación: música para cuarteto dos períodos clásico e primeiro romanticismo europeos interpretada con instrumentos encordados en tripa. Chegarán ao Gaiás na compaña de Alfredo Pérez, un artista do clown, o teatro xestual a danza e as acrobacias que encherá de emocións, xogo, diversión e tenrura as melodías clásicas do compositor austríaco.

Rumbo ao Divertimento tratará de achegarse ao público familiar desde a música clásica, o humor e a creatividade para se adentrar na senda da cultura e das artes coma vías cara á diversión e o lecer de calidade, como viaxes en familia cara o enriquecemento persoal. Recomendado para público de nove anos en diante.

R., 2021-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (bosque-03.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
Foto de la tercera plana (salto-cuantico.jpg) O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.

Notas

Un mes de teatro universitario con representacións chegadas desde Galicia, León e Colombia. Así será a XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu 2024, un evento cultural co que a Universidade convida á cidadanía a achegarse ao campus e gozar do teatro universitario máis actual, tanto do que sae das aulas galegas como daquel que se forxa máis aló da nosas fronteiras.
A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da USC, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de estrear a Base de Datos de Peregrinos a Compostela (Badapeco), unha ferramenta dixital de consulta e traballo en liña que permitirá poñer en contacto a persoal investigador, docentes, universidades e centros de investigación interesados en estudar e achegar novos datos sobre peregrinas e peregrinos a Santiago de calquera época a partir de fontes bibliográficas e documentais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES