Noticias

As oposicións de Educación desenvolveranse do 19 de xuño ao 23 de xullo, de forma escalonada e descentralizada

Comezarán o vindeiro 19 de xuño as probas das oposicións de Educación, uns exames que se prolongarán ata o 23 de xullo, se realizarán de xeito escalonado e en sedes descentralizadas para algunhas especialidades. Así o explicou esta mañá en declaracións aos medios de comunicación o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, antes do acto de recepción aos auxiliares de conversa que están a prestar servizo este curso no sistema educativo galego. O titular do departamento educativo da Xunta explicou que se inicia agora a rolda de contactos para abordar cos axentes implicados estas novidades, dirixidas a garantir a seguridade sanitaria no proceso de oposicións.

Así mesmo, estas cuestións foron trasladadas ao Comité Educativo esta mesma mañá. En concreto, a primeira fase das probas desenvolverase do 19 ao 25 de xuño de xeito escalonado para evitar a concorrencia dun elevado número de persoas nun mesmo lugar. Os tribunais, a través da web da Consellería, comunicarán a data de realización da proba, a hora e o lugar. No referido á realización da parte práctica da proba, a data fíxaa cada tribunal, aínda que o límite para rematar todo o proceso será o 23 de xullo.

No que respecta ao número de sedes, ademais de celebrar as probas nas sete cidades, como vén sendo habitual, ampliarase a realización das probas dalgunhas das especialidades a outras vilas. Os lugares aínda se están a perfilar, pero buscaranse vilas con boas conexións, en aras dunha maior comodidade para os opositores.

Persoal mobilizado

O conselleiro explicou tamén que este ano se dobrará o número de tribunais, que pasan dos 163 que houbo en 2019 ao 359 este ano, o que supón un incremento do 120%. Deste xeito, redúcese de forma significativa o número de persoas opositoras por tribunal, en concreto nun terzo (32%): de 109 no ano 2019 a 74 este ano. Este incremento de tribunais suporá mobilizar a máis de 3.500 profesores entre titulares e suplentes.

A convocatoria máis ampla

O obxectivo das devanditas medidas é garantir a seguridade sanitaria nesta convocatoria, a que máis prazas inclúe da historia neste eido, con 3.894 prazas tras a ampliación (en 240 novas prazas) da oferta pública de emprego no corpo de profesores técnicos de FP.

Tamén será a primeira OPE do ensino realizada en pandemia, tras adiarse os exames o ano pasado pola situación sanitaria. O número de persoas inscritas ascende a 26.744, un 50% máis quen 2019, cando se presentaron 17.814.

A Consellería de Educación comezou xa os contactos cos sindicatos para trasladarlles todos os detalles do procedemento, que contará cun protocolo de seguridade sanitario, en liña coas oposición da Xunta, aínda que adaptado ás particularidades propias das oposicións do ensino. En calquera caso, o texto definitivo publicarase antes da celebración das probas, cunha antelación suficiente.

Auxiliares de conversa de 20 países

Román Rodríguez explicou eses detalles esta mañá, antes dunha recepción telemática coa que quixo dar a benvida aos 617 auxiliares de conversa que están a prestar servizo este curso no sistema educativo galego.

Na súa intervención, o conselleiro de Educación destacou que Galicia “ten a sorte de contar cun sistema educativo do que nos sentimos profundamente orgullosos por moitos motivos”, entre os que fixo fincapé na “verdadeira transformación na última década na aprendizaxe en linguas estranxeiras”, tarefa na que “os auxiliares de conversa e os asesores de idiomas xogades un papel fundamental”, sinalou.

Román Rodríguez lembrou que a Xunta leva anos “apoiando decididamente este programa por entender que a súa tarefa vai moito máis alá do que implica contribuír á ensinanza de idiomas dos nosos alumnos”, achegándolles realidades lingüísticas e culturais diferentes.

Neste sentido, puxo en valor o esforzo feito este curso no que, malia o actual contexto de crise sanitaria, se reforzou o programa poñendo en marcha por vez primeira unha formación específica para axudar a coordinadores e auxiliares a exercer o seu labor, mantendo ademais o número de auxiliares, de ata 20 nacionalidades, que contribúen ao ensino de linguas como o inglés, o francés, o alemán, o chinés, o ruso ou o portugués.

O conselleiro sinalou, ademais, que o nivel de satisfacción que existe entre o profesorado coordinador desta iniciativa é do 98,75%, o que avala o éxito do programa, e recordou que o apoio dos auxiliares permite que o alumnado colleite bos resultados en materia de competencias en linguas estranxeiras. Non en balde, ata un 84% dos estudantes presentados logrou acreditar o seu nivel de inglés nas últimas probas de certificación convocadas polo Trinity College.

R., 2021-02-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES