Noticias

O CGAC retoma a súa actividade presencial cunha mostra homenaxe aos 30 anos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra

O Centro Galego de Arte Contemporánea retoma a súa actividade presencial cunha ampla programación que inclúe tres novas exposicións e diversas actividades entre as que se inclúen debates, seminarios e encontros con artistas. Esta nova programación coa que o CGAC volve abrir as súas portas foi presentada polo secretario xeral de Cultura, que celebrou que a cultura poida gozarse de xeito presencial. A primeira das citas é o proxecto Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, inaugurado hoxe e comisariado por Ángel Cerviño co fin de renderlle homenaxe aos 30 anos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

A próxima semana, será a quenda a primeira mostra retrospectiva da compositora estadounidense Pauline Oliveros, pioneira da música electrónica, iniciativa que se desenvolverá en colaboración co C3A de Córdoba. E unha terceira exposición: Breaking the Monument, que reúne unha selección de obras de preto de 10 artistas de contextos moi diferentes comisariada por Santiago Olmo e Fernando Gómez de la Cuesta.

Anxo M. Lorenzo salientou que a actividade cultural non se paralizou durante as semanas de peche e que os museos continuaron en contacto coa cidadanía a través de medios dixitais. “Desde a Xunta de Galicia apostamos por fórmulas que garantan que a cultura sega apoiando novas ideas e formatos e axudando a que as industrias e profesionais poidan continuar traballando”, explicou. Ademais, aproveitou o acto para felicitar ao equipo do CGAC, que a semana pasada foi recoñecido polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como un dos proxectos culturais máis destacados da Comunidade, recoñecemento que vén renovando desde hai tempo.

Trinta artistas de diferentes promocións

Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada conta coa participación de 30 artistas das diferentes promocións da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, desde os licenciados nos seus primeiros anos ata os que aínda se atopan finalizando a súa etapa formativa. Como explicou o secretario xeral, cada artista está representado por unha obra ou conxunto de obras de especial relevancia dentro da súa traxectoria. Na súa gran maioría, optouse por obras adquiridas por museos, institucións e coleccións privadas “moitas delas da propia Colección CGAG, pechando así o círculo do imprescindible apoio social e institucional á produción artística”, explicou.

Trátase de Erik Balbuena, Vicente Blanco, Teresa Búa, Mónica Cabo, Rosendo Cid, Salvador Cidrás, Marcos Covelo, Victoria Diehl, Manuel Eirís, Suso Fandiño, Almudena Fernández Fariña, David Fidalgo Omil, Basilisa Fiestras, Amaya González Reyes, Julia Huete, Marta Lorenzo, Rut Massó, Manuel Mata, Nano 4814, Álvaro Negro, Doa Ocampo, Kiko Pérez, Jorge Perianes, Mar Ramón, Rubén Ramos Balsa, Juan Rivas, Borja Santomé, Sandra Varela, Mar Vicente e Verónica Vicente.

Actividades paralelas

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, esta mostra permite avanzar no traballo dos últimos anos con exposición producidas polo propio museo que teñen permitido profundar no estudo e o coñecemento do panorama actual galego. Por iso, xunto á exposición Cultivar incertezas, coordinarase un intenso programa de actividades estruturado nun ciclo de mesas de debate, seminarios, conferencias e encontros con artistas. Ao mesmo tempo, o espazo Aula Aberta, acondicionado para ese fin nas salas do CGAC, e os espazos docentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra acollerán diversas clases, seminarios e presentacións dos grupos de investigación da propia universidade.

Como explicou Anxo M. Lorenzo, esta ampla programación permitirá abordar o impacto que supuxo para a arte en Galicia a creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra como foco de ensino e formación artística na década dos 90, que foi clave para a expansión da arte na Comunidade. Foi unha etapa “renovadora” que se viu reforzada nas Bienais de Pontevedra, a Fotobienal de Vigo e mesmo coa creación do CGAC en Santiago en paralelo a talleres de artistas internacionais e actividades educativas que incluíron tamén a especialidade de Arte Contemporánea na Universidade de Santiago “xunto ao afianzamento dun mercado incipiente e novas galerías de arte contemporánea en todas as cidades galegas”, engadiu.

Máis adquisición de arte

O obxectivo do Goberno galego é seguir protexendo o emprego cultural e incentivando o consumo para que a actividade continúe a pesar da pandemia. Para conseguilo lembrou que a Xunta amplía o alcance do Plan de Reactivación da Cultura cunha nova inxección de 23M€ neste primeiro trimestre mediante convenios ou ordes de subvención que repercutirán nos sectores audiovisual, escénico e musical, así como no do libro, museos, equipamentos culturais e promoción, entre outros.

Neste sentido, despois de que o ano pasado se incrementasen os seu fondos con 24 novas obras de arte contemporáneo de 20 artistas galegos que se incorporaron á colección do CGAC-Xacobeo, en 2021 o Goberno autonómico reforzará esta aposta como parte das medidas en apoio aos profesionais do sector das artes plásticas. Así, duplica a contía para a adquisición de obras de arte no museo e inclúe unha partida para a elaboración dos proxectos das futuras sedes do CGAC en Vigo e Lugo.

R., 2021-02-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES