Noticias

A Sala Ártika de Vigo estrea o proxecto 'Cambio de foco' en coprodución co Centro Dramático Galego

Estréase en Vigo 'Cambio de foco', un proxecto de Ártika Cía. en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). A estrea será o día 4, ás 20,30 h. e repetiranse funcións o sábado 5 á mesma hora e o domingo 6 ás 20,00 h. sobre o escenario do espazo homónimo da avenida de Beiramar. Este último día, ao remate da función, desenvolverase unha charla coloquio a cargo da Asociación Pvlse sobre diversidade e identidade de xénero, a temática da montaxe. Tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con moi distintos estilos de facer teatro amosan en Cambio de foco a súa visión sobre un mesmo tema.

A montaxe, inspirada no conto de Mia Couto Sapatos de tacão alto, xorde dun traballo de investigación a través do que Ártika pretende establecer unha ponte entre a creación e o público, que permitirá coñecer como percibe cada persoa as distintas pezas que compoñen a obra. As espectadoras e espectadores son, pois, parte fundamental deste proxecto, de xeito que ao remate da representación realizarán unha pequena enquisa como complemento ao obradoiro.

Marcos Alonso, Alfredo Rodríguez e Rafael Rey ocúpanse da dirección e dramaturxia baixo a coordinación xeral de Anxo Fernández. O elenco está conformado por Rocío Salgado, Martín Maez, Fernanda Barrio, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Rafael Rey, Mathias Rodríguez, Carlos Gallardo e Tomé Mouriño.

Vigo como polo creativo

A iniciativa responde á colaboración que o CDG mantén esta temporada con espazos creativos e compañías escénicas que traballan na cidade de Vigo para o desenvolvemento doutras tantas coproducións, entre as que tamén se atopan Clásicas desfeitas de Nononon.lab e Outras miradas de Teatro Ensalle.

No caso da Sala Ártika, a súa traxectoria remóntase a 2014, cando abriu as súas portas co obxectivo de lles achegar aos amantes da arte unha nova visión do teatro e a danza. Para transmitir esta paixón pola cultura e as artes, incorporaron á súa actividade cursos e monográficos sobre numerosas áreas, que están dispoñibles ao longo de todo o ano. Adáptanse, ademais, ás distintas idades e niveis para contribuír a que tanto nenos coma mozos ou adultos inicien a súa formación artística.

Venda de entradas

As entradas para Cambio de foco están á venda de forma anticipada a través da web www.artikavigo.com ata unha hora antes de cada sesión por un prezo de 10 euros máis gastos de xestión. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes da sala por 14 euros.

R., 2020-12-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (bosque-03.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
Foto de la tercera plana (salto-cuantico.jpg) O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.

Notas

Un mes de teatro universitario con representacións chegadas desde Galicia, León e Colombia. Así será a XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu 2024, un evento cultural co que a Universidade convida á cidadanía a achegarse ao campus e gozar do teatro universitario máis actual, tanto do que sae das aulas galegas como daquel que se forxa máis aló da nosas fronteiras.
A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da USC, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de estrear a Base de Datos de Peregrinos a Compostela (Badapeco), unha ferramenta dixital de consulta e traballo en liña que permitirá poñer en contacto a persoal investigador, docentes, universidades e centros de investigación interesados en estudar e achegar novos datos sobre peregrinas e peregrinos a Santiago de calquera época a partir de fontes bibliográficas e documentais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES